Chaman os tedescos moscas das orellas a esas músicas coas que, sen sabermos moito por que, amencemos e nos acompañan durante todo un día, ou máis, rondándonos a cabeza e repetíndoas, xa mental, xa sonoramente, mesmo sen gañas de facelo e bastante aborrecidos da musiquilla. En efecto: moscas que se che meten nas orellas. Dalgún xeito, outras melodías e cancións, estas máis queridas ―por evocadoras de momentos especiais das nosas vidas― nos acompañan todo ao longo da vida aparecéndosenos e desaparecéndosenos, coma ollos do Guadiana que nos retrotraen, estimulan, aledan ou entristurran, segundo o día que teñamos. Eu, hoxe, vaia vostede a saber por que, teño o día un algo así, aqueloutrado, que é un xeito de non saber como teño o día (galego ata a cerna que é un, supoño). En fin. Róndame hai para varios días unha moi querida mosca das orellas que hoxe, e para a toda a fin de semana, ofrezo aos visitantes deste local. Para min, é unha icona (fea, fea palabra!) musical, un tema profundo, desgarrado e doce, estremecedor e íntimo.
Tachán, tachán. Con vostedes, por vez primeira nesta sala, Cock Robin e o seu grandioso tema Mundos á parte.
2 comentarios:
Cando poda escoitarei esta canción coa que nos agasalla.
En canto ao das palabras feas, certo é que icona non é das máis guapas, pero pense vostede que pode ser unha cuestión de contexto. Estáseme ocurrindo que se Steve Jobs, de vaqueiros e cuello cisne, presentara nun auditorio mañá a versión maquera do asunto, a i-cona, as listas de agarda para facerse cunha delas darían á volta ao mundo. Qué digo ao mundo! Á galaxia enteira!
iLiad, iPod, iBook, iCona... en fin, que quere que lle diga, eu creo que nin con Steve Jobs en vaqueiros e cuello cisne. Ao mellor pódeme a convención lingüística, pero é que o palabro é feo, feo. Ao ilustre académico que se lle ocorreu quedoulle a cabeza descansada. Unha amiga contoume que, facendo a catalogación dos fondos artísticos de certa importante sagrada basílica metropolitana, e como queira que a tal catalogación se facía en lingua galaica -que diría Paco Vázquez en "Corre Carmela que chove"-, o bo do cóengo responsable do proxecto pregoulle como especial atención que non se lle ocorrera etiquetar como Icona da Virxe María a ningunha peza baixo ningún concepto.
Publicar un comentario