21.10.08

Cousas que perdimos no lume

O malo de todas estas estériles liortas lingüísticas do país ―e coa que está caendo!― é o que deixamos no camiño, as ―por dicilo ao xeito dunha extraordinaria película que vin hai pouco― things we lost in the fire, na queima. E así, moitos esquecemos, ou agochamos, canto lle queremos ao castelán, ou español ou como queiran, aínda que supoño, claro, que tal vez as razóns que inspiran os meus afectos inspiran noutros xenreiras e rancores.
En español pedía eu os chicles bubble-gum na confitaría La Palma da miña vila e os pasteis os domingos. En español lía as historias de don Pésimo e don Óptimo, de Raf; de Anacleto, do gran Vázquez; de Pepe el Hincha e don Pío, de Peñarroya e as trasnadas dos míticos xemelgos perante as que don Pantuflo Zapatilla, dignísimo Catedrático de Colombofilia, reaxía con enorme dignidade. En español enfrontaba as leccións de literatura española do libro de Ramiro de Sas Murías e Gonzalo Torrente Ballester (que, por certo, agora, con Fundación e todo, parece o adaíl do progresismo). Aínda agora ―dita sea, esta tendencia á morriña― teño que disimular un estremecemento de lembranza cando miro a miña vella enciclopedia Álvarez con aquelas deliciosas caligrafias e definicións, algunha das cales pasou xa á categoría dos clásicos: Oración es la expresión de un pensamiento completo. En español viñan os libros con «santos» nos que malpintabamos un cigarro macarrónico a don Félix Lope de Vega y Carpio, gafas de sol a William Shakespeare ou un ollo morado a Hartzenbusch. En español pedinlle para saír a miña primeira moza e redactei logo apaixonadas cartas de adolescente.
En español veño de ler hai pouco El jardín de los frailes, de don Manuel Azaña, adicado, por certo, ao seu cuñado Cipriano de Rivas Cheriff. Un libro denso, difícil, cheo de arestas e recantos que, por veces, non é doado dobrar. Pero, alén da anécdota literaria concreta ―á que outro día dedicaremos máis afán― a obra é un deses monumentos de lingüística pureza, estilo e maxestade, que lle fan a un tirar o chapeu e exclamar: ¡coño, qué idioma!
Hai algún tempo unha representante desta patulea de fanáticos, tan sectarios coma pouco intelixentes, que menudea polo país, díxome que a nivel lingüístico (como odio esta expresión!) eu estaba colonizado. Repliqueille que, sen dúbida, colonizoume a miña nai, que é natural de Plasencia, provincia de Cáceres.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu, que coñezo o da Fundación, podo asegurarlle que de progresismos poucos ou ningún. Non crea que a fachada (nunca mellor dito neste caso) do edificio disimula algo. E cónstame que os responsables da Fundación non teñen ningún (pero ningún) interés en facer pasar a Zalín por un progre. Recoméndolle en La tabla redonda (revista próxima á Fundación) artigos onde saen con pelos e sinais as tendencias e ideas fascistas do susodito.
Sobre Azaña, hai cousa dun ano que lin as súas memorias. Teño para min que moi poucos autores escriben desa maneira: dá ata pena avanzar no que escribe, porque cada frase, cada párrafo é unha obra mestra.
E non se preocupe polo da colonización: aquí ten vostede a outro conolizado a volonté.

Anónimo dijo...

Pois eu, a nivel lingüístico, direille que tamén estou colonizado, pero quizais tería que aclarar que neste caso o axente colonizador é o galego. Dicir que son outro colonizado a volonté, como Arume. E con moito gusto.
Por outra banda, entre os colonizadores non nomea vostede a Mortadelo e Filemón. Supoño que será por falla de espazo. Para min, sen ánimo de discusión (ou si, por qué non, xa sabe o que me gusta o corpo a corpo) son moi superiores a Zipi y Zape.

juan l. blanco valdés dijo...

Arume querido: coma decote, é un pracer coincidir con vostede en gustos e sensibilidades, neste caso nos ampulosos períodos da sonora prosa castellana de don Manuel. En efecto, é mágoa ata avanzar na lectura e, secomasí, esta devén un pracer demorado obrigando á degustación de cada verba. Sobre a Fundación, en fin, xa vexo o que hai... Menudo chollo este das Fundacións. Ata estou eu pensando en montar unha!
Amiga/o anónima/o: falta na miña apretadísima nómina de iconos infantís unha enormidade de nomes, entre eles, en efecto, Mortadelo e Filemón, orixinalmente co subtítulo "Agencia de Información". Outros mitos para min, que lembre agora:
-las hermanas Gilda (Vázquez).
-Cebolleta (Vázquez).
-La familia Trapisonda un grupito que es la monda; os grandísimos Pepe Gotera y Otilio, chapuzas a domicilio; Rompetechos; 13 rue del Percebetodos de Ibáñez.
-Los señores de Alcorcón y el holgazán de Pepón, de Segura, marabilloso retrato dunha familia de clase media con delirios de grandez, que viña a chafar sempre o cuñado, gorrón, badanas e lacazán.
Seguro que, se exprimo o caletre, seguirían saíndo máis, pero ando mal de tempo. Saúdos.

Anónimo dijo...

Pero, escoite, por min non se corte o máis mínimo co das fundacións: ten vostede toda a razón do mundo e aínda máis. Se eu contara.

Ana Bande dijo...

Marcial Lafuente Estefanía e as súas infinitas novelas de vaqueiros (culpa do meu irmán), Martín Vigil (este case non me deixa saír da adolescencia), as aventuras dos cinco (nunca souben sexo dx autxr), Jardiel Poncela (dende que alguén trouxo aquel libro gordísimo coas súas incribles historias pasei bos veráns rindo a gusto) Julio Verne, unha biografía de Hitler...milleiros de tbos...i remember...

Anónimo dijo...

Pois o meu heroe dos TBO foi El Corsario de Hierro, o irmán pobre do Capitán Trueno e do Jabato, nacido coma estes da pluma de Victor Mora. Coma eles, tiña tamén dous amigos: un escocés feo, forte e formal de nome MacMec e un italiano feucho e fraco chamado Merlini, un mago torpe que quitaba do seu gorro raposos por coellos.
Tiña, como non, unha noiva rubia, Lady Rosana, sobriña ou algo así de Lord Benburry, o malo malísimo do conto (inglés, claro), inda que resultaba moito máis atractiva (onde ía parar!) a Capitana Dagas.
Con todo, o máis fascinante era cando o Corsario ía visitar a La Vieja Dama del Mar, a muller que o criara, que vivía no medio do océano atlántico había nunha illa oca por dentro ao interior da cal entraban os barcos por unha porta enoooooorme accionada por un complexísimo mecanismo. Dentro estaba a cidade onde vivía a Vella. Era impresionante. A miña imaxinación voaba e voaba ata o barco daquel corsario, onde eu pelexaba cunha regra de madeira de medio metro que había por casa. Qué marabilla! Cántos malos matei! Qué triste cumprir anos!

juan l. blanco valdés dijo...

Un bo inventario, nos comentarios precedentes, de "iconos" da nenez e mocidade de moitos, supoño. Magnífica a evocación do Corsario de Hierro, que eu lembro moi ben, malia non ter sido nunca seareiro. Funo máis do Capitán Trueno, aquel rancio español inverosimilmente políglota. Para que logo digan que co español non se vai a ningures: aí teñen a Trueno, Goliat e Crispín que falaban e se entendían á prefección o mesmo cun inuit de Alaska ca cun negrazo de Senegal. O TBO, que evoca Ana Bande, constitúe un punto e á parte na historia da banda deseñada, creo, pola extraordinaria calidade dalgún dos seus produtos. Había aquel inventor, (o profesor Franz, de Copenhague?) de trebellos tan complicados coma absurdos. Recordo tamén unhas tiras supercursis que se chamaban "Payasete y Fu-Chinín" (este último, chino, claro).
Outro día teremos que falar da colección "Horas Alegres" e da Editorial Bruguera. Que falta faría hoxe!
Saúdos.