Abundando no post anterior sobre o riscos intrínsecos de exercitar en exceso a musculatura intelectual, o outro día, mentres folleaba un xornal gratuíto, a vista, en combinación coas rutinas mecánicas da lectura, xogoume unha mala pasada. Leo:
Creado un centro de internamiento y atención permanente para intelectuales.
Sapristi!, exclamei alarmado; a isto chegamos? Claro, tarde ou cedo tiña que pasar. É a vixilia excesiva da razón, e non o seu sono coma quería don Francisco aragonés, a que produce monstros, ata o punto de precisaren xa internamento e atención permanente os infelices cultivadores do intelecto, enfrontados a un labor tan ingrato coma socialmente estéril. Finalmente convencidos os poderes públicos da súa absoluta inutilidade, deciden recluír a tan perigoso grupo para o someter á máis estrita vixilancia, impedindo así unha influencia social moi nociva.
Alelado, perdido neste torrente de escuras reflexións, unha segunda lectura máis atenta tranquilizoume: Creado un centro de internamiento y atención permanente para discapacitados intelectuales. Carallo, isto é outra cousa. Pero, non se fíen: o día menos pensado…
2 comentarios:
é que son unha bruxa, pero se penso en algúns "píos latrocinios"...non hai tanta diferencia neses titulares...outro sorriso, este un pouco atravesado.
Discapacitado intelectual e intelectual discapacitado podería ser o mesmo? Nalgún contexto seguro que si.
Publicar un comentario