13.10.08

What crisis?

Hai uns días un visitante anónimo deste local atemperaba cos seus incisivos e intelixentes comentarios o meu espírito apocalíptico -un mal día teno calquera- a respecto da actual crise. Alén de permitirme comprobar o nivelaso dalgúns transeúntes por este fragmentario ciberespazo, os argumentos do comentarista servíronme de reflexión para convir que en efecto, tal e como tan poeticamente vaticinou don Antonio e cantou don Joan Manuel, todo pasa y todo queda, pero lo nuestro es pasar, etc. Sairemos desta e, con seguridade, doutras aínda peores. Ademais, non hai crise que poida connnosco mentres todo, ata os máis negros agoiros, se atenúen coa nosa irrefrenable tendencia á carallada, enxebrísimo especime léxico absolutamente intraducible nas súas finas capas de semántica patria. Comentábame unha boa amiga que nunca, nunca en moitos anos de visitas anuais regulares, recordaba o San Froilán de Lugo coma este ano, o ano da crise: bares, restaurantes, carpas, hoteis, turismo rural, fondas e pousadas de varia pelaxe petados; marés humanas dispostas a esquecer ou afogar a crise naquilo que, iso si, ata nos máis tráxicos momentos, é irrenunciable: a carallada.
Será que pode ir o mundo abaixo pero o pulpo no San Froilán non hai quen mo quite? Será hedonismo ou inconsciencia? Será que, no fondo, seguimos sendo un país de novos ricos afeitos aos máis grandes derroches cando toca apretar o cinturón e nos abafa o pundonor do aforro? Unha anécdota, case perdida na artesa sen fondo da lembranza, fíxome recuperar ese senso noso da vergoña ante a contención do gasto (algo que os anglosaxóns descoñecen, por certo).
Cando nos anos da primeira transición eu militaba na Xuventú Comunista de Galicia puxemos un día de feira na vila unha mesa informativa con moito alarde de fouce e martelo, bandeiras vermellas e unha porción da quincallada de agitpro de entón, entre a que sobranceaba unha morea de pegatinas, todas iguais, co símbolo do partido. Alí se achegou un fulano do pueblo que eu coñecía ben, que conducía unha camioneta dun negocio de patacas dedicado á carga e descarga en sacos de tan alimenticio xénero. O bo do tipo, prístino representante da máis crasa ignorancia en habelencias socio-políticas que entón era norma no país, dirixiuse a min e preguntou polo prezo das pegatinas. Cando eu lle respostei que eran a peso, e persuadido o home de que sería botado a tanazas por facer pouco gasto, espetoume:
-Bueno, pois dame vinte pesos delas.
O gicho, levou, xúroo, vinte pegatinas iguais. Tería con quen repartilas.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ola, amigo
Eu tamén andiven por Lugo, no San Fräulein (é que era o Día das Mozas).
Gran festa, si señor. Din que o que vai un ano repite seguro: eu son un exemplo. Estiven, claro, nunha desas casetas dándolle ao pulpo como se se fora a acabar e, acto seguido, en plena dixestión, metinme no ratón vacilón, na V e no Boster. Cun par. Cumprindo tradicións.
Falamos os amigos, como non, da crise, xa que pasamos por un bareto deses de sempre (quero dicir dos que sempre visitamos) que estaba pechado. Todos estivemos de acordo en que neses casos era necesario un plan de rescate de bares, que se había x000000000000 millóns para garantir os fondos dos bancos, ben tiña que haber tamén para garantir "Cañas y barra", que tamén falamos de literatura, non se crea.
En fin, que se se acaba o mundo, que non pille cheos, qué carallo!

juan l. blanco valdés dijo...

Celebro infinito o seu, polo visto, estimulante periplo por Heilig Fräulein. Eu, que o visitei un par de veces cando aínda non peiteaba canas, gardo un gratísimo recordo tamén.
En efecto, morra Marta... e que lle den bertorella á tan cacareada crise. Saúdos.