30.10.08

Libros

Para un bibliófilo patolóxico como o patrón desta fonda, herdar unha biblioteca vella é como chegar a unha cidade monumental que descoñeciamos. A cada tanto xorde unha marabilla, a cada volta unha xoia; dobramos unha esquina e unha nova visión extásianos. Acabamos por ser vítimas dunha sorte de síndrome de Stendhal, e, esgotados pero entusiasmados, sentimos a vertixe de tanta beleza e interese, o medo de novos éxtases.
Xa instalada nunha dependencia ao efecto, tras moitos traballos e suores, a biblioteca turra por min en magnética maneira e sei que, se cruzo a porta do apousento onde se aloxa, non poderei saír en horas. Pérdome entre o arrecendo do vello papel, ensóñome coas cubertas, coas tipografías, coas anotacións manuscritas con que os meus devanceiros, un día, algún día hai moito tempo, establecían, como eu fago tamén a miúdo, un diálogo textual co libro.
En conxunto, a biblioteca configura unha pequena historia editorial de España entre os remates do século XIX e a República. Tras a brusca interrupción bélica do 36 ao 39, as incorporacións son xa moito máis esporádicas, o cal non deixa de resultar un consolo pois, tras a efervescencia e dinamismo da cultura e a edición de España ata 1936, as décadas iniciais do franquismo amosan, no cultural e no editorial, un panorama desolador marcado por un intenso fedor a incenso e pis.
En fin, que a cousa dará para ir debullando aos poucos ideas e reflexións, argumentos e propostas.
De por parte, e para irmos facendo boca, atopo un libro editado en 1923 cunha cuberta de modernidade sorprendente, que reproduzo na imaxe; unha cuberta fermosísima, equilibrada, chea de vida e de cor; unha cuberta atrevida, pois a modernidade do seu deseño e da composición textual combínase cunha tipografía tan rabiosamente clásica como a bodoni. É o tipo de cousas que me convence de que, por moito que nos poñamos, todo está xa inventado, e non facemos máis que recapitular, sublime ou miseramente, algo que alguén xa pensou antes ca nós.

2 comentarios:

Ana Bande dijo...

Certo, é incrible escoitar, ver, ler a xentes deses anos vinte, trinta...e logo a miseria, o esquecemento, a damnatio memoria de sempre...¿que tería sido deste país se non liquidasen a tanta xente progresista como había?
Preciosa a portada de Sánchez Mazas. É vostede coma un náufrago amarrado sempre a un libro.

juan l. blanco valdés dijo...

O do náufrago amarrado ao libro lémbrame a don Luis de Camoes loitando contra as procelosas augas do Índico cunha man de fóra para salvar o manuscrito d'Os Lusiadas...
Pensar o que tería sido deste país sen o franquismo provócame moita dor, de xeito que é un pensamento que rexeito (parece unha charada...).
Saúdos, Ana.