8.10.08

Arredor de min

Algúns asiduos destas páxinas téñenme comentado en máis dunha ocasión que debera dar o salto á prensa escrita. Mesmo ―sei que non se entenderá coma vaidade superflua― bos amigos de certos medios asegúranme que nestes non sería mal recibido.
Había un personaxe barojiano que atopaba estrañas razóns para as cousas. Solteiro recalcitrante, cando lle dicían que debera casar replicaba:
―No, no; tendría que ampliar la casa y no me conviene.
Convidárono noutra ocasión a presentarse a concejal e, como queira que nalgunhas ocasións solemnes vestían frac os concejales, negouse rotundo:
―¿Yo vestirme de pingüino? ¡Ca!
Igual ca o especime do universo de don Pío, eu atopo estrañas razóns para manterme virxe e incólume neste cómodo semianonimato que proporciona o blog. Debera dicir que non me tenta o diñeiro nin o ouropel da familla (xa ven vostedes qué cousa) á que se fai acreedor quen asina nos xornais, pero con toda probabilidade mentiría. Así que direi que a ausencia de compromisos con terceiros facúltame a escribir exactamente do que me peta, e isto, creo eu, é hoxe unha estraña, ben estraña razón. Porque hoxe a independencia é algo bizarro, feo, mal mirado e que inspira desconfianza en quen non dubidaría en dicir que si aos ofrecementos devanditos.
Ora, ninguén é perfecto e o día menos pensado apúntome a operación triúnfo e adeus fragmentos. Será verdade que todos temos un prezo e que só é cuestión da cantidade? Será.

10 comentarios:

Ana Bande dijo...

Estoy tan afeita a ver ese mercadeo intelectual que, verdadeiramente, síntome en familia e a gusto cos dous ou tres que, moi de cando en vez, atopo antes da raia, sen código de barras, quero dicir. Agora mesmo veño de falar un par de horas telefónicas, cun frilander deses adorables que teñen opinión de seu e da gusto. Exemplares en extinción, bechxs rarxs que adoitan peinar canas, mal falados na intimidade e con esa ollada do qeu desconfía da súa propia sombra...xenerosxs, normalmente exfumadores, e exmoitas máis cousas que se deixarían chuchar o sangue por esquecer o prefixo, en fin, que me poño romántica, fragmentos, non me fale de venderse...eu, a vostede o lería ainda que escribise no boletín diocesano da miña Auria, e pódese crer...(sorry, sorry, menudo rollo)

Anónimo dijo...

Ah! Vanitas...
Eu estou convencido de que detrás dos blogs ferven soños de letra impresa (mellor impresa en Madrid que en Coruña). Moito opositor a periodista/comentarista/experto/columnista. Mágoa de sitio para todos.
Se é vostede un blogueiro puro (é dicir, se a vostede non lle tira/apetece/gusta velo seu nome en letra e impresa e cobrar alí polo que fai aquí gratuitamente), non o vou felicitar, nin me sorprende, pero sospeito que é dos poucos. Diso estou seguro.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Don Juan, pense o que perden os lectores de xornais, ignorantes do que está a pasar por estas láminas de píxeis. Pénseo.

El Gachupín de Garibaldi dijo...

A min non me importaría que che pasases aos xornais, sempre que avisases á miña nai en cal pode lerche (cando teñen saudade tamén me le a Voz de Galicia, o Faro de Vigo, o Ideal e o Correo Galego e até o Diario de Arousa) e sempre que de cando en vez te deses unha voltiña por aquí para escribir o que non puideses dicir sobre papel. Eu, como son da última xeración punto com e vivo moi lonxe, sempre lereiche en pantalla, cobres ou non.

Anónimo dijo...

Non sei se din outra impresión, pero eu tamén o animo a facelo. Por qué non? Dese el gustazo, déselo.

juan l. blanco valdés dijo...

Fondamente obrigado polos seus puntos de vista e azos. De por parte, e por boa ventura, a crise tampouco é que me estea acogotando, aínda que, como é ben sabido, a ninguén lle amarga un doce. É unha cuestión delicada.
Coincido co amigo anónimo en que, en efecto, a blogosfera canaliza, a modo de "premio de consolación", a moito escritor/gran xornalista/opinador de prestixio/ frustrado e convencido de que en efecto non hai sitio para todos porque, fundamentalmente, o sitio está mal repartido e é boa mágoa que tanto xenio teña que agocharse nun website que non le nindiós. Algo así como aquel escritor que non cre nos premios literarios e abomina de todos eles porque nunca lle deron ningún, ¿non?
Persoalmente, dubido, en calquera caso, que o salto a prensa fose, como quere o amigo anónimo, un "gustazo". A liberdade e ausencia de compromiso dun blog é incomparable (coñezo moi ben, por persoas moi cercanas a min, a servidume permamente, fins de semana incluídos, de enviar o artigo ao xornal). Por outra parte, non estou certo de que as cousas raras sobre as que eu escribo teñan cabida nun xornal ou interesen ao "gran público" (líbrenos san Casiano de Imola mártir do gran público!), razón pola cal entendo que debo encaixar o que, de novo o amigo anónimo, denomina "blogueiro puro". O lector de xornais -especie da que non formo parte- é un especime moi determinado, afeito á política, a carnaza, o cotilleo, o sensacionalismo, o día a día..., e a min todas esas cousas abúrrenme un montón. A peneira, diriamos a "selección natural" que implica o blog, leva a constituír un tipo de lector, en simbiose co autor, co que, por que non dicilo, síntome moi cómodo. Que me len pouco? Ben, serán poucos, pero selectos. De feito, eu comecei esta bitácora pouco estimulado pola va esperanza de que a mensaxe dentro da botella chegase a alguén.
En fin, tampouco é que crea eu que o que escribo sexa a fin do mundo, pero, modestamente, prefiro seguir dando mazás da miña maceira que vender mazás golden colleitadas vaia usté a saber onde.
Ora, valería todo este razoamento de algo se El País me ofrecese 500 euros por artigo? That's the question.
(Nota: non quixera con este último apuntamento parecer un cínico).

Anónimo dijo...

Por certo, a como irá o kg de artigo na prensa nosa?
Claro que hai prezos e que todos temos un cando se trata de cuestións non fundamentais da nosa vida persoal, dos nosos afectos e conviccións máis profundos. Algúns tamén teñen prezo para estoutra clase de xénero.
Pero escribir aquí ou acolá dubido moito que sexa un asunto maior.
Eu leo estes Fragmentos desde sempre. Non coincido no fondo das análises máis que na metade dos casos. Pero leo e é como un sopapo vitamínico. Seríao tamén na prensa, lida neste mesmo medio ou en papel.

Anónimo dijo...

O gustazo sería de pura vanitas, non necesariamente de pracer: "viches, neno (dito a un mesmo diante do espello), non debes ser tan malo cando che pagan por dicir o que opinas, sen máis."
O do gran público é o de menos: só por saír na prensa escrita xa ías ser algúen a quen pagara a pena ler, inda que dixeras o que dis aquí para (supostamente) 4.
Eu son lector de prensa, pero non dos que vostede di: eu son dos que empezan por atrás e case nunca chegan ás páxinas de diante (as aburridas). Vostede debería garantirse unha das columnas da última folla, que é por onde eu empezo, e non obrigarme a ler todo o puto periódico (con perdón).
Eu por 500 artigo límpolle o traxe a Polanco tódolos días. Inda que fora o morto (con tódolos respectos).

juan l. blanco valdés dijo...

(Risos abundantes) E eu pránchollo!
Que baratiños somos. Veño de ler que Carmen Martínez Bordiu cobrou por facer un pouco o parvo en Mira quien baila 60 000 euros. Hai que joderse.

Anónimo dijo...

Pois mire: inda sendo baratiños, aquí estamos. E tan felices (qué remedio).
O dos 60000 eurazos por bailar, non me estraña. Eu, entre escribir como Vargas Llosa ou bailar como Travolta, qué quere que lle diga! Para os que escribimos e non bailamos vale o mesmo aquel de John Balan cando lle preguntaron por qué non traballaba: "traballar traballa o que non sabe facer outra cousa"