9.1.07

Martes

[Nota: este post debeu publicarse onte, pero problemas técnicos de Blogger o impediron].
Hoxe é martes, o cal, á parte de que onte fose luns e mañá será mércores, non quere dicir nada especialmente significativo. Creo que a sensación de inanidade nacida da rutina e á volta ás nosas ocupacións cotiás increméntase tras a paréntese de movidón, viaxes, reencontros, bacanais, opulencia e hiperconsumo do Nadal. Alá van a Noiteboa e o bacallao con coliflor; os restos da cea no xantar do 25; a pítima de san Silvestre e o resacón do día 1, san Manuel, con todos os boletos para ser o día máis deprimente do ano. Alá van a euforia inducida e a manifestación dos nosos mellores desexos a persoas coas que non cruzamos palabra o resto do ano, os centos de SMS co gallo de tan sinaladas datas enviados e recibidos coas paridas e tonterías deste ano, reiteradas unha e outra vez por diferentes emisarios. Alá van os reis (en Compostela, por certo, revestidos en inmigrantes por aquilo do politicamente correcto, a partir da idea dalguén que, obviamente, non entende nada). Un día despois toca lidiar coa absurdidade de asumirmos que o que o sábado custaba 250 euros custe hoxe 90. A esta absurdidade, perfectamente disimulada por todos nunha convención social de tácito entendemento, chamámoslle as rebaixas, e, de novo, alá imos todos en rabaño a seguir consumindo, a exprimir aínda máis a carteira, a extenuar a tarxeta de crédito, sen transición algunha, un domingo, día do señor onde non descansa ninguén. E así, de súpeto, nos vemos reflectidos no espello da cotidianidade, afrontando a bendita costa de xaneiro (esta de verdade a costa da morte!), facendo majas para chegarmos a fin de mes, e intuíndo que tal vez os anos foron inmunizándonos contra aquilo de ano novo vida nova e non estamos para moito cambio.
A inanidade, esta sensación de baldeiro da que falo, penso que non se concilia ben co tipo de vida que se nos esixe, ou, acaso, co modelo de vida que consideramos ideal ou desexable; así, o estrés, a presión laboral, a velocidade, a permanente mudanza, a relación social de gran escala, a constante novidade e o culto ao presente supóñense característicos das persoas que non só teñen traballos trascendentes senón, e sobre todo, que gañan moitos cartos, signo inequívoco da excelencia profesional (estimo que de aquí deriva o feito de vermos tanto inútil na política...). A demonización da rutina e a fuxida permanentemente da inanidade, en contraste con este ideal de emoción continua, conducen de cabeza a un dos males crónicos do noso tempo: a ansiedade, o perenne desexo de que algo indefinido, sen sabermos ben qué, cambie. Non sei se o andazo de separacións matrimoniais das que teño noticia (tal vez Vde. tamén) terá que ver con isto, pero intúo que si.
En fin. Un exemplo de conmovedora convivencia coa inanidade —tan propia, polo demais, do ser galego— deumo un veciño, traficante en madeiras, co que topei un sábado polo serán dando un paseo. O home, apoiado nun valado á beira da pista, despois das miñas buenas tardes comentou:
-Uns ides prerriba, outros ides prebaixo... Bueno.
Nin máis nin menos. Uns imos para riba e outros para baixo. Para que complicarse máis?
En calquera caso, como dicía ao comezo, xa é martes. Xa? Xa. Lembro a anécdota (real, malia non lembrar o anecdotante) do fulano que, chegado o martes, dicía aos seus compañeiros de traballo:
-Veña, que xa é martes, xa vai alá a semana.
Non se consola o que non quere.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

As separacións matrimoniais teñen que ver cos anos que vamos tendo. Pero tamén cunha indefinible presión a prol da familia e das relacións de parella. Eu, que tiven a sorte de atopar moi boa compaña, non logro entender por que carallo se casa a xente.

juan l. blanco valdés dijo...

Querido Arume:

Ten Vde. moita razón nas tres cousas:

a)razóns de "pila" (da pila de anos que imos tendo).
b)na presión social sobre o modelo de familia "de anuncio" (e a xerarquía de comportamentos socio-sexuais implicitamente contidos nesa visión).
c)ignoro, como Vde., para qué carallo casa algunha xente, en efecto.
Alégrome, polo demais, de que disfrute Vde. de boa compaña, como, por fortuna, é tamén o meu caso.
Unha aperta e obrigado á súa visita e comentario.