4.7.06
Lembrar ou esquecer?
¿Qué es memoria histórica? ¿Es un tesoro que, perdido en algún naufragio, se puede recuperar? ¿Es un objeto sobre el que se deba legislar? ¿Es, puesto que siempre se habla de ella en singular, una y la misma para todo el mundo? (Santos Juliá).
La historia no es sencillamente un recuerdo del pasado. La historia es una interpretación o reconstrucción de las reliquias (que permanecen en el presente) y una ordenación de estas reliquias. Por tanto, la Historia es obra del entendimiento y no de la memoria (Gustavo Bueno).
No post de 1 de xuño deste blog falábase sobre o “ano da memoria” e derivados (Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica, xornadas, homenaxes...). O que antecede son treitos de dous textos que hoxe recomendo vivamente ao respecto da tan trillada "memoria histórica" e as súas manipulacións: os artigos Memorias en lugar de memoria de Santos Juliá (El País, domingo, 2 de xullo de 2006) e Sobre el concepto de “memoria histórica común” de Gustavo Bueno.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
6 comentarios:
(Xa estou outra vez por aquí dando a vara, amigo Juan Luis. Máis que por estar ocioso, débese que se así desconecto temporalmente doutros asuntos. Haberá perdoar, pois, que o use como “terapia”)
En rigor, é totalmente correcto o que apuntan Santos Juliá e Gustavo Bueno (falando doutros aspectos deste último: quen te viu e quen te ve!).
Agora ben, os poderes públicos nunca normativamente (ou axioloxicamente) neutros. E os poderes públicos democráticos sempre conlevan unha dimensión normativa, a dos propios valores democráticos. Xa que logo, os valores democráticos deben prevalecer (ollo: nunca mediante a imposición) nunha sociedade madura. Dentro deses valores está a potenciación (quizais haxa outra palabra máis axeitada) dunha determinada "memoria histórica", sen menoscabo para a expresión doutras memorias, mesmo contrapostas. Logo, que sexa a propia sociedade, na que pugnan diversas memorias, a que "decida".
O que habería que discutir, pois, son os modos e as formas mediante as cales os poderes públicos poden ou deben levar adiante tal “potenciación”. Entre outros aspectos, un dos que máis se teñen debatido son os “límites” (xurídico-legais, sociais e culturais finalmente) para a expresión das diferentes memorias históricas. Como ben sabe vostede, a máis clásica é a seguinte: debe permitirse a propagación do negacionismo do Holocausto por mor da liberdade de expresión e da existencia de diferentes memorias históricas? Do que se derivan preguntas tales como: Teñen todas as memorias (todos os “discursos da memoria”) o mesmo valor normativo ou axiolóxico e, polo tanto, os mesmos “dereitos”? Deben ou poden ser neutrais os poderes públicos? Que marxe de manobra deben ter os investigadores para refutar ou matizar determinadas concepcións oficiais propagadas desde as institucións (último debate en Franza sobre a cuestión colonial, por exemplo)? Cal é a complexa interacción entre memoria e esquecemento? Facemos táboa rasa do pasado, por usar o título dun vello libro militante de Chesneaux?
Vivimos, en xeral, nunhas sociedades cheas de conmemoracións, obsesionadas polo pasado, nunhas “sociedades conmemorativas”, como xa apuntara hai anos Pierre Nora. E o perigo que se deriva disto é o que Régine Robin ten chamado “a memoria saturada” (La mémoire saturée, París, Sotck, 2003: libro que lle recomendo vivamente).
Con todo, é este o caso de España en xeral e de Galicia en particular? Estamos xa no estadío da “memoria saturada”? Se nos comparamos con Alemaña, Franza ou Italia, por exemplo, penso que aínda non. Aínda estamos nos comezos, queda moito traxecto por percorrer. Quizais dentro de dez ou vinte anos o diagnóstico sexa apropiado para o noso caso. Pero hoxe non. Daquela, eu queixareime como vostede. Hoxe, de momento, non.
Seguro que, unha vez máis, me expliquei fatal. É que, ultimamente (en realidade, varias décadas), ando algo espeso!
Unha cordial aperta.
Corrección de erros:
onde puña "os poderes públicos nunca normativamente (ou axioloxicamente) neutros", debería poñer "os poderes públicos nunca son normativamente (ou axioloxicamente) neutros".
Estimado Pasaba por aquí:
De novo agradezo os seus comentarios e reflexións acerca dun tema tan complexo e que, como os seus argumentos amosan, propicia todo tipo de opinións e posicións. Polo demais, se este local sérvelle de “terapia” pois "miel sobre hojuelas": unha sensación común a moitos blogueiros é sentírmonos sos, de xeito que un pouco de compaña nunca vén mal. ¡Ah! Explícase Vde. que dá xenio lelo.
En efecto, coincido en que os poderes públicos non poden (nin deben) ser neutrais, pero teño para min tamén que –fiando, como Vde. mesmo di, cos "modos e maneiras de levaren a cabo a potenciación" de certos valores e feitos– entre esa non neutralidade e a sedución irresistible dun uso partidista (ou, máis groseiramente, electoral) de certas potenciacións hai, no panorama desta corte dos milagres que é o noso país, unha fronteira confusa. ¿Cómo interpretar a recente condena do franquismo polo Parlamento europeo? ¿Non sumaría Vde. a esa condena, así a bote pronto, trinta ou corenta máis ditaduras/xenocidas? ¿Ulo límite no tempo, no espazo xeográfico?
Coincido con Juliá en que ás veces é mellor esquecer (dunha vez, se me permite a expresión) ca seguir lambendo nunha ferida inflixida a este país hai setenta anos. En moi pouco extinguirase o continxente demográfico contemporáneo daquel cataclismo.
Preocúpame a escalada de maniqueísmo partidista imperante (mercé, entre outras cousas, a medios de comuncicación e opinadores públicos dun sectarismo, entre outras cousas, irresponsable) e creo que neste perigoso terreo xogar cun concepto de memoria atribuíndo a necesidade da súa “recuperación” a un so dos bandos daquela terrible España do 36 non contribúe en absoluto a temperar un pouco ese abafante ambiente.
Entendo que é unha posición persoal (de novo retomo o argumento de que a memoria se constrúe coa vontade e non co entendemento e é, polo tanto, subxectiva), pero eu si creo que –tras aquel exemplar proceso de reconciliación chamado transición democrática, que eu lembro cunha luz especial pois coincidiu coa miña primeira mocidade– este país botou contas co pasado, ese señor escuro tan fuxidío e teimudo que nunca está disposto a deixarnos en paz. Persoalmente, xa que logo (e a reserva de ler o texto de R. Robin por Vde. tan amablemente recomendado), si sinto saturada certa "memoria" deste país (onde, polo demais, existe ata unha Sociedad Estatal de Conmemoraciones na procura sistemática de algo que conmemorar).
Un saúdo moi cordial e obrigado, unha vez máis, á visita.
P.S. Gustaríame, se ten tempo e interese, que lese o meu post de 24.03.06. Ten que ver algo con todo isto.
Comprendo e comparto a súa preocupación polo ambiente cainita instalado na política española. Pero, cre vostede realmente que as “culpas” sobre o mesmo repártense a partes iguais? De certo que todos os partidos teñen cadáveres no armario, pero uns máis que outros. Sen desbotar as responsabilidades dos demais, para min quen ten maior responsabilidade en todo o que está a pasar é o PP. Dígollo con total sinceridade.
Comparto tamén a idea de que, moitas veces, a fronteira é difusa. E éo porque os partidos teñen unha tendencia a iso que se ten chamado “os usos públicos (ou políticos) da historia”. Agora ben, non sempre e en todos os casos. Desde logo, a declaración de condea do franquismo por parte do Parlamento Europeo (do Parlamento Europeo e non de catro concelleiros dunha localidade pequena!) paréceme totalmente pulcra. Iso non quita para que se poida e se deban condear outras ditaduras, pasadas e presentes, por suposto que si. Unha condea non exclúe a outras, verdade? Demandemos, logo, tamén outras condeas.
E a pregunta que xorde cando se fala destas cousas é: por que o PP non é capaz de despegarse emocionalmente (politicamente?) do franquismo. Porque afirma que avaliar positivamente a transición á democracia é incompatible con condear o franquismo? É incompatible? Non, non o é en absoluto.
Esquecer? Xa sabe o célebre dito de repetir a historia. Recordar para enzoufar a convivencia actual? Non, por suposto que non. Hai quen trata de aproveitar o recordar para enzoufar? Pode haber quen o intente, pero desde logo non é a tendencia maioritaria hoxe. Agás catro descerebrados, ninguén clama hoxe pola venganza.
Non pensa que hai que, dalgún xeito, reparar histórica e moralmente as vítimas da ditadura franquista? Porque as outras vítimas xa foron ben reparadas polo franquismo hai décadas, ou non? Entón, non ten que haber reciprocidade? É moralmente admisible que sega habendo fosas comúns onde estean tantos mortos? Que non se faga un esforzo por darlles un repouso digno e un acougo aos seus descendentes?
Por outra parte, son exactamente idénticos os desmáns que se cometeron nun e noutro bando durante a guerra civil? Exactamente idénticos? Pois non. A represión na zona franquista, como amosan cada vez máis estudos, obecedeu a un plan calculado, premeditado e executado por ou coa connivencia de… as novas autoridades militares, que, non se esqueza, se alzaron en armas contra un réxime democrático. E asumo que aquel foi un réxime democrático moi imperfecto e que tolerou cousas impresentables, pero máis por debilidade que por consciencia, máis por pasiva que por activa. Non houbo nin antes nin durante a guerra civil, por parte das autoridades republicanas, un plan sistemático de exterminio do adversario. Ademais, os desmáns que se cometeron durante a guerra na zona republicana foi froito do desencadeamento da propia guerra, e a guerra non a comezou a España republicana! Santos Juliá ten escrito certeiras páxinas sobre todo isto, entre outros.
En fin, eu creo que o ambiente só se pode atemperar e aí comparto o seu desexo cando haxa un recoñecemento público das vítimas esquecidas. E, sobre todo, cando o PP deixe de levar unha oposición “semileal” (en termos de J.J. Linz) e se aveña a axercer, con toda a enerxía que sexa necesaria, unha oposición leal ao sistema democrático, verdadeiramente leal, non como hoxe, que están a todas horas a deslexitimar políticas (entre elas, “políticas de memoria”) perfectamente lexítimas e democráticas.
Unha cordial aperta.
(Ah, que a gusto quedei coa terapia de hoxe!).
Corrección de erros:
Cometín moitos erros por escribir a présa. A corrección máis importante é:
Onde di "unha oposición leal ao sistema democrático", debería dicir "unha oposición leal co sistema democrático".
(De paso, infórmolle que o deixarei "descansar" durante unha tempadiña. Pero "ameázoo" con volver de novo á carga máis adiante!
Un pracer discutir con vostede. Reciba unha calurosa aperta)
Estimado amigo,
De novo agradezo os seus contributos e puntos de vista, que, en moitos casos, comparto.
Falando en termos xerais, a miña posición na vida de cara as relacións humanas e procurar afondar nas coincidencias e nunca nas discrepancias. Ora, a discrepancia está na nosa natureza humana e pode ter unha natureza positiva (como, polo demais, amosa esta cordial relación ciberdialóxica -joder para a palabriña!). Ao que vou, en conclusión, é que eu creo que a este país noso lle viña moi ben reducir un pouco a intensidade da politización na nosa vida cotiá, nas nosa relacións persoais, laborais..., non vendo un inimigo en quen non pensa coma nós.
Saúdos e ata cando queira.
Publicar un comentario