19.7.06

Lume


Paréceme axeitado e contundente o spot institucional da Xunta que emite a TVG sobre os incendios. A frase ou lema, que xoga coa sinonimia de lume e fogo, é de moito calado en espíritos minimamente sensibles co medio ambiente: A arma de fogo máis destrutiva é o lume. O anuncio remata cunha solicitude: Evitémolo. E aquí é onde xorde a dúbida, ou, cando menos, me xorde a min, porque, ¿que podemos facer eu e vostede coma cidadáns para evitar —permítaseme o tópico— esta lacra, este horrendo andacio, este infernal e abafante ritual de todos os veráns? Non tirar as cabichas acesas pola fiestra do coche (algo, por certo, penadísimo con non sei cantos puntos)? Ter coidado cando se fai unha barbacoa nun piñeiral ou se queima rastrollo nunha leira?
É certo que unha etapa de chuvias escasas; as altas temperaturas, por veces aliadas ao nordés que en verano —e aínda máis na costa— sopra con forza; o abandono das rozas periódicas do monte... poden favorecen que o mato sexa coma esca. Pero é evidente que o lume non xorde espontaneamente, ou o fai en contadísimas ocasións. Creo que poucas cousas se poden facer coa impunidade que se lle pon lume ao monte: coller un paquete de pastillas “Pat fuego” e un mecheiro, un agradable paseíño, un pouco de discreción e lonxanía das casas e listo. A pregunta que todos nos facemos é: por que?
Sei que este é un problema gordísimo con múltiples e complexas facianas: o réxime de propiedade do monte, a propia inutilidade do monte en canto surtidor de elementos naturais hoxe abandoados no seu uso, unha repoboación forestal que busca un beneficio o máis rápido posible (aí temos a pandemia monográfica de eucaliptos substituíndo un riquísimo tapiz forestal autóctono), a rapacidade inmobiliaria (e isto malia unha lexislación restritiva), mesmo — tal como se apunta con insistencia— a necesidade provocada polas propias empresas que son subcontratadas, tanto en efectivos aéreos coma humanos, para o control dos incendios... Non quixera eu botar a lingua a pastar, pois non teño coñecementos abondos sobre unha cuestión tan complicada.
Só sei que ano tras ano, verán tras verán, contemplo impotente, e ás veces con bágoas nos ollos, o país feito unha pira e me pregunto se nalgún lugar do planeta existirá outro lugar onde a xente lle teña tal xenreira á súa propia terra.
Evitémolo? Corríxanme se erro, pero non sei de ningún pirómano que estea no cárcere. Ao mellor este sería un principio.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Your are Excellent. And so is your site! Keep up the good work. Bookmarked.
»

Anónimo dijo...

Great site loved it alot, will come back and visit again.
»

Anónimo dijo...

Really amazing! Useful information. All the best.
»