13.7.06
¿Corrector, corruptor?
A corrección pasa por ser un dos labores máis ingratos da edición. Nos tempos que corren e no eido concreto da edición científico-técnica —terreo que mellor coñezo—, isto é especialmente certo por dúas razóns, unha de orde interno, máis trascendente, e outra de orde mecánico, máis banal, pero, igualmente, de funestas consecuencias.
A razón interna é que, nun caldo de cultivo aderezado polas présas, as urxencias e a acumulación de compromisos, ao que se suma unha interacción, polo mesmo, cada vez máis torpe coa lectura en canto proceso reflexionado e sereno, os autores, do punto de vista léxico-estilísitico e da constructio sintáctica e argumental, escriben cada vez peor e os seus textos chegan ás editoriais precisados de tal nivel de intervención correctiva, que, malia de xeito totalmente anónimo —de aí o pouco agradecido deste labor—, o corrector vese na obriga de salvar un orixinal, pasándoo da categoría de “escandalosamente mal escrito” á de “cando menos publicable”.
A razón mecánica é que o texto electrónico incorpora a curiosa característica de ser corrixible ad infinitum no monitor do ordenador sen o máis mínimo efecto indesexable (perda de tempo, desperdicio de papel, aspecto neglixente ou descoidado do documento…). Isto, que é moi bo, é tamén moi malo: inevitablemente fai baixar a garda ao teclista, que, coma Vde. e eu, escribe de xeito "bidixitígrado" facendo que normalmente de dez pulsacións seis sexan erros e/ou retrocesos. Por moito corrector que se aplique, o texto magnético ou dixital final chega á mesa do editor inzado de erratas
Así pois, igual que, mediando un pastón, érguenlle os peitos ou o cu a unha muller ou lle reducen a tripa a un señor para poder ir á praia sen conter a respiración, toda editorial incorpora, hoxe máis ca nunca, a súa “corporación textoestética” particular.
Vén todo isto a conto porque descubro con ledicia, e recomendo, o blog Addenda & Corrigenda, orientado cara a un nuevo rumbo de la cultura escrita e especificamente adicado á corrección textual e editorial. Nel publícase un breve, pero interesantísimo artigo, de Andrea Estrada, correctora profesional, de significativo título: "¿Corrector ou corruptor?", orixinalmente publicado no suplemento de cultura e espectáculos do xornal dixital arxentino Página/ 12.
Dá a vida compartir as miserias.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
I say briefly: Best! Useful information. Good job guys.
»
Publicar un comentario