1.6.06
Memoria
En 1999 escribín un poema —titulado O teu sangue tan cercano— adicado á memoria de Roberto Blanco Torres na Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (eds. do Castro) que promoveron e coordinaron Xesús Alonso Montero e Xosé Manuel Salgado. Agora ese poema foi incluído no libro Poemas pola memoria que, en edición de Manuel Fernández Rodríguez, foi editado pola Xunta de Galicia. Agradezo fondamente, por certo, ao antólogo a inmerecida honra que me fai ao me ter incluído a pé de tan esgrevio elenco de poetas.
A edición deste libro, por certo moi esmerada e fermosa do punto de vista técnico (non en van o deseño é de Fausto Isorna), hai que situala no Ano da Memoria. A Xunta, en efecto, declarou este 2006 Ano da Memoria, co gallo do septuaxésimo aniversario do cataclismo do 36.
Persoalmente, estou bastante cheo desta interminable rea de celebracións commemorativas que se empaquetan e se fagocitan coma un produto de consumo: ¿250 anos do nacemento de Mozart? Pois indixestión de Mozart. ¿400 anos da edición do Quixote? Indixestión de Quixote. ¿70 anos do cataclismo do 36? Imos ter represión franquista ata na sopa. O malo destas celebracións é a súa urxencia: o seu carácter sistemático e reiterativo (un ano dá para moito) estimula -especialmente en persoas pouco cultas- unha percepción tan sobredimensionada do acontecemento ou personaxe commemorado que desdebuxa os seus límites. Coincidirán comigo en que a quixotite aguda do ano pasado (cheguei a ver o puto logotipo ata nos iogures) levou á enunciación dunha impresionante morea de decontextualizacións e parvadas sobre a figura de Cervantes e a súa obra. A esta natureza xeral das comemoracións nos tempos que corren, así pois, hai que sumar o carácter certamente especial desta efeméride en concreto.
Do meu punto de vista, empaquetar nun ano a lembranza sistemática dos republicanos mortos ou exilados por unha coincidencia matemática de datas contribúe a un maniqueísmo que en nada beneficia a un clima político tan enrarecido e radicalizado coma o español. Nos anos posteriores á morte de Francisco Franco, este país noso fixo un exercicio colectivo, humilde e tácito de recuperación da memoria chamado transición. Pero disto hoxe o común da xente sabe ben pouco.
Anos da memoria foron todos os que transcorreron dende 1939 para moita xente anónima comprometida coa restauración social de tantos asasinados, xente que, no lenturento transcorrer daquela interminable longa noite de pedra, ía transmitindo aos seus a pegada da barbarie. Para min, se pode servir de exemplo, tras moitos anos oíndo os meus maiores falaren de tío Roberto -unha ferida que aínda escoaba sangue-, o ano da memoria foi 1998 en que desenterrei a figura e a dimensión civil de Roberto Blanco Torres nun libro editado polo Castro. Conste que o Día das Letras Galegas veu despois e eu non o pedín. Ano da memoria foi cada un dos viviron aquela viúva ou aquel orfo que en tal día lembraban ao seu home ou ao pai paseados. A Xunta de Galicia non ten ningún compromiso necesario coa restauración da memoria. Non hai memoria que recuperar: nunca se perdeu.
¿Por que ten unha Administración que asumir a institucionalización dun exercicio civil? Hai, no noso país (é un mal histórico para o que eu non enxergo fin), unha sobrepresenza das institucións e un déficit de sociedade. Non quixera ser malicioso, pero supoño que acertarei ao pensar que moita xente vai meter no peto bos diñeiros públicos con esta milonga da memoria, ¿non? ¿Que gañamos afondando na ferida ou lambendo nela? En fin. Persoalmente estou cheo de Guerra Civil e prefiro mirar cara a adiante.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Great site lots of usefull infomation here.
»
Publicar un comentario