23.6.06

Inmoral publicidade


Establecer relacións de causa-efecto nesta sociedade nosa, tan hipertecnificada, tan contraditoria, tan tola, é moi complexo. Pero hai indicios.
Onte vin un anuncio televisivo no que o camareiro, un rapazolo de arredor da vintena que serve a cea a unha parella nun establecemento glamuroso, pregunta ao cabaleiro:
¿Qué se siente al conducir un coche así? (do que o cabaleiro é propietario, claro). A fermosísima muller que acompaña ao cabaleiro ponse en pé, arrodea cos seus brazos ao atónito camareiro e o bica na boca con paixón. En resposta á súa pregunta dille: Esto. Logo unha voz en off e a imaxe desvelan a identidade do sicalíptico vehículo.
É o mesmo modelo no que hai uns días se mataron (a unha velocidade estimada de 150 km/h nun treito recomendado de 50) tres rapazes de Bergantiños de 17, 18 e 19 anos. Sen comentarios.

3 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Estou de acordo coas túas suxerencias, pero... quen lle vai meter o dente á industria automobilística, a máis poderosa en publicidade e tantas cousas?

Marcos Valcárcel López dijo...

Se tes un momentiño de vagar, convidámoste a visitar e máis a participar nunha bitácora que quere traballar por defender o galego en positivo:
www.blogoteca.com/falamosgalego/
Un saúdo cordial.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, Marcos. Falamos dunha industria potentísima (catro de cada dez anuncios televisivos son de coches), doente en Europa pola competencia feroz de Asia, e en calquera caso aliada coa banca, literalmente obsesionada pola concesión de créditos ao consumo para a adquisición de coches. O coche é, para unha mocidade progresivamente baldeirada de inquietudes alén do meramente material, un auténtico totem social: atractivo, poder, entorno físico do colegueo (drogas, sexo, música a todo trapo...). O que digo: unha sociedade alucinada e contraditoria. ¿Como é que non se toman medidas legais contra spots tan agresivos; contra eses espectáculos, no fondo violentísimos, de acrobacias automobilísticas; contra as factorías de "tuning"; contra as propias revistas de "tuning", significativamente cheas de anuncios de sexo e pornografía? Logo, iso sí, a DXT lémbranos con outros spots, de maior virulencia se cabe dende pero dende o outro lado da barreira, en qué acaba unha noite de marcha. En fin.
P.S. Visitarei con gusto a bitácora da que falas (xa o fixen de feito). Parabéns pola iniciativa.