19.6.06

Indiferenza


Cada vez estou máis convencido de que o que preocupa aos políticos —esta moderna caste de políticos profesionais que botan toda a vida no machito, talmente coma Vde. e eu no noso traballo— está moi lonxe das coitas e inquedanzas cotiás dos cidadáns. As razóns son variadas pero case todas apuntan a un feito inquietante, malia térmonos xa afeito a el: hai unha sorte de alianza entre os media e o discurso dos políticos, e isto sobre o argumento coñecido e impecable de que é noticia aquilo que os medios converten en noticia. Se toca dar a matraca coa reforma do estatuto en Galicia, pois prepárense para ter diariamente e por prazo indefinido ao dúo Tou-Quin nas primeiras páxinas de xornais, radioxornais e telexornais (remítome ás probas) proporcionando a sensación de ser a tal reforma a pedra de toque de todos os problemas do país: paro, siniestralidade nas estradas, vivenda inaccesible, feísmo arquitectónico, infraestruturas viarias terceiromundistas, pesca, agricultura, competitivade industrial e profesional… todos os problemas reais dos cidadáns deben someterse —quen ousará discutilo?— a cuestión fulcral, básica, moito máis trascendente ca todo o demás, de se somos ou non unha nación. Por certo, imaxino a enorme inquietude do noso presidente pola identidade nacional de Galicia de non ter a Quintana de socio, necesario, de goberno. En fin.
Isto da reforma dos estatutos é, aos gobernos autonómicos, coma os polideportivos, os paseos (fluviais ou marítimos) e as festas gastronómicas aos concellos de hai anos. Concello que non tiña polideportivo, paseo fluvial (ou marítimo) e festa do coello en gabardina non era concello nin era nada e o seu alcalde un pelagatos que non se preocupaba do porvir dos seus concidadáns.
O resultado do referendo catalán, cunha participación do 50% escaso (así de claro: a un de cada dous cataláns que reformen ou non o estatuto tráella frouxa), debera ser un espello no que ollarnos. Se ese é o resultado dunha sociedade cunha conciencia «nacional» madura e tradicionalmente asumida polas capas dirixentes, cunha situación lingüística moi favorable á lingua vernácula… non podo imaxinar os niveis de participación en Galicia. Pero abofé que Tou-Quin, inasequibles ao desalento, seguirán cifrando a felicidade dos nosos corpos e almas na reforma do estatuto. Adiante, compañeiros, Galicia enteira está convosco.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Usar como argumento a “preocupación” dos cidadáns para ningunear calquera reforma política é algo tramposo e, no fondo, perigoso.

Como vostede sabe ben, este era un argumento que usaban os tecnócratas do franquismo para afirmar que os españois non querían a democracia, senón simplemente unha mellora do seu nivel de vida, e que eran indiferentes respecto da política. Pero había unha minoría cualitativamente importante (entre eles, vostede e máis eu) que estimaba que había que deixar atrás a ditadura e establecer unha democracia, ante a indiferencia dunha gran maioría. Estaba, daquela, trabucada esa minoría? Estaban errados os partidos e sindicatos que propugnaban e loitaban polo cambio de réxime? Concordaremos que non.

Mutatis mutandis, hoxe en día pasa algo semellante. Sempre é unha minoría política a que establece a “axenda”, a que decide, con mellor ou peor criterio, cales son as reformas ou cambio necesarios en cada momento.
Pero é que, ademais, é unha minoría que está refrendada pola cidadanía a través de procesos electorais que determinan a composición e orientación dun goberno. E este goberno está lexitimado social e electoralmente para plantexar o que considere oportuno e necesario para o seu país, para o conxunto dos cidadáns.
Outra cousa diferente é que o faga mal ou que use argumentos peregrinos. Daquela, o que habería que someter a crítica son tales argumentos, pero nunca a lexitimidade da decisión.

Porque, a fin de contas, quen son os que establecen hoxe cales son as “verdadeiras” preocupacións dos cidadáns? As enquisas? Os tertulianos das radios? As cartas ao director nos xornais? As conversas de bar? Os “enteradillos” (coma vostede e coma min)?

Hoxe en día estamos nunha sociedade plural e aberta, as opinións son múltiples e contraditorias, etc. Pero só hai un único canle para “harmonizar” tal disparidade e para vehicular as modificacións xurídicas e institucionais: os propios procedementos que a propia democracia establece. Se se fai así, as decisións non son ilexítimas.

Non sei se me explico!

Reciba un cordial saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado amigo:

Toda comparación repugna o intelecto pois somete ao funil dun único criterio argumentos por veces radicalmente diferentes. Por iso di a sabedoría popular que as comparacións son odiosas. Obviar as diferenzas que existían entre o franquismo e a situación política actual para ofrecer as arelas de democracia e liberdade dos cidadáns dunha ditadura noxenta como símil das coitas dos cidadáns actuais acerca da reforma do seu estatuto de autonomía é, non sei como expresalo, ¿demagóxico?, alén de irrespectuoso coa Historia (con maiúscula).
Sobre o “apoderamento democrático” que os votantes outorgan aos partidos políticos -de onde saen os gobernos que representan a aqueles- como Vde. sabe, este apoderamento faise, usando o termo técnico, "alzadamente", non acadándose a determinar, en xeral, canto de representatividade dos desexos reais dos cidadáns hai nas axendas políticas dos gobernantes. Ora, en ocasións esta representatividade pode avaliarse cos números na man. O Parlamento catalán votou co 89% dos seus membros a reforma estatutaria. Pois ben, feitas todas as contas, o apoio final do corpo electoral catalán á mesma foi do 35%. Sen comentarios.
A respecto das maiorías, a cualificación das mesmas e a asunción social do valor e necesidade desta cualificación, déixeme que lle conte algo. Na última xuntanza da comunidade de veciños da urbanización onde vivo, non se aprobou poñer sombrillas na zona de piscina, porque un veciño (entre os case cincuenta que asístían á reunión) votou en contra. Como Vde. sabe, nos regulamentos destas comunidades, para reformas ou melloras que impliquen modificacións estruturais (non sendo tendentes á eliminación de barreiras arquitectónicas e algúns outros supostos) esíxese xa non maioría absoluta senón a unanimidade de todos os comuneiros. Cando, por outra banda, nos regulamentos doutras moitas corporacións se esixe a metade máis un dos votos para certas cuestións por algo será. A maioría en si mesma non é, pois, un principio lítico, indiscutible que o lexitime todo.
Sobre a nosa (a súa e a miña) condición de “enteradillos”, é evidente que non pudo xulgar máis ca da miña. Sobre a de Vde., se Vde. o di, así será. Persoalmente, creo que a emisión libre, respectuosa e tolerante da opinión sobre os máis diversos temas é un exercicio elemental de civilidade. Non pretendo, porque entre outras cousas eu non son ninguén para pretendelo, facer banderías nin contribuír en xeito algún a radicalizar estados de opinión (que é, creo, o que buscan os “opinadores profesionais” dos medios aos que se se refire Vde.).
Obrigado polo seu punto de vista e a visita ao blog. Un saúdo cordial.

Anónimo dijo...

Prezado amigo:

Lamento que lle irritase a miña opinión, porque, en realidade, non pretendía tal, senón amosar dialoxicamente o meu desacordo coas súas teses, confrontándolle civilizada e argumentalmente outras.

Tal vez non me expresei ben, polo que vostede entendeu nesgadamente a miña réplica. Créame que eu tamén pretendo unha “emisión libre, respectuosa e tolerante da opinión sobre os máis diversos temas é un exercicio elemental de civilidade”. E, sinceramente, considero que a miña resposta se movía en tales parámetros. En calquera caso, vaian por diante as miñas desculpas se se sentiu ofendido.

Comecemos polo máis secundario. O de “enteradillos” era unha licencia coloquial que me permitín, e non tiña ningún carácter pexorativo, algo doado de comprender ao incluírme tamén eu en tal “categoría”. Era un xeito rápido e cómodo de designar ás persoas informadas e interesadas, nada máis. De todas formas, desculpe que me tomase tal familiaridade con vostede.

Indo xa máis ao grao. En ningún momento comparei mecanica e simplificadamente dúas épocas e circunstancias históricas. Iso é algo que vostede deduce incorrectamente. Porque o que dixen textualmente foi: “Mutatis mutandis, hoxe en día pasa algo semellante”. Fíxese nos termos primeiro e último da frase, que están postos con clara intención de que se entenda que non sepretende facer ningún “símil” vulgar.

E tampouco pense que lle chamei veladamente “franquista”, porque deixei moi claro que “había unha minoría cualitativamente importante (entre eles, vostede e máis eu) que estimaba que había que deixar atrás a ditadura e establecer unha democracia”. Fíxese: digo vostede e máis eu, non eu si e vostede non.

O único que pretendín establecer –polo que se ve, con moi mala fortuna expositiva- era a “estrutura lóxica da argumentación” que vostede facía, e cómo ese xeito de argumentación vale moitas veces tanto para un roto como para un descosido. En todo caso, non utilicei con vostede frases tan descualificadoras como as que vostede me dedica: nin lle chamei “demagóxico” nin “irrespectuoso coa Historia (con maiúscula)”.

Terá que desculparme, pero agora mesmo non teño máis tempo para seguir escribindo. Se cadra, noutra ocasión que pase por aquí. Pídolle que, se ten tempo, lea con máis vagar a miña réplica e verá como tan só ten unha pretensión polémica, pero sempre civilizada e respectousa. Como ten que ser sempre… pero en todas as direccións.

Unha cordial aperta.

Anónimo dijo...

Permítame, simplemente, unha confidencia persoal. Téñolle moito aprezo persoal, e un gran respecto intelectual, ao seu irmán Roberto, que sostén, neste asunto, teses moi semellantes ás usas. Aínda que eu non as comparta para nada.

Anónimo dijo...

Vaia, saiume outro pseudónimo que teño utilizado noutros lugares. Non me censure, por favor, o meu anonimato, porque forma parte das convencións da rede.

juan l. blanco valdés dijo...

Benqueridos Pasaba por aquí e/ou Anónimo Político-Cultural:

Tampouco eu quixen dar a impresión de irritación (agás, tal vez, a referencia a "enteradillo" que fica, polo demais, prefectamente explicada por Vde.). En ningún momento da súa argumentación dubidei do seu civilismo e respecto á opinión allea, e se esa foi a sensación que transmitía a miña réplica, solicítolle tamén as miñas desculpas. "Descalificación" é un termo que non existe no meu dicionario persoal. Seguindo o seu convite, lerei con máis vagar o seu punto de vista.
Agradézolle, en calquera caso, ter "calentado" o debate. Un cordial saúdo.
P.S. Transmito os seus respectos ao meu irmán, Roberto. Con el concordo nalgunhas cousas e discrepo noutras, como é natural.

Anónimo dijo...

Prezado amigo:

Aclarados os malentendidos, vou abusar da súa confianza e polemizar un pouco máis con Vde. Porque, á fin e ao cabo, a unanimidade só existe nos cimiterios.

Derívase do feito de que se o “Parlamento catalán votou co 89% dos seus membros a reforma estatutaria” e de que se “o apoio final do corpo electoral catalán á mesma foi do 35%”, que tal reforma é ilexítima ou non desexada pola cidadanía? Afirmar tallantemente que si, como Vde. fai, paréceme cando menos unha simplificación.

En primeiro lugar, hai que ter en conta que os referendos, nas democracias consolidadas e maduras, suscitan, polo xeral, pouca participación do electorado. Así, por exemplo, o referendo en España da constitución europea (41,8% do censo electoral) ou, moito máis atrás, durante a consolidación da democracia, o actual Estatuto de Autonomía para Galicia (28,36%). Pero esta “indiferenza” non implica necesariamente desafección cidadá, como teñen amosado os estudos politolóxicos. E, por outra parte, non foi positivo para Galicia ter Autonomía? Non é importante que prosega o proceso de construción europea?

En segundo lugar, o proceso de reforma e tramitación da reforma estatutaria catalana foi de abondo complexo e contra del xogaron aspectos extraxurídicos (entre outros, o paripé dos propios promotores, ou a oposición política e mediática do PP e acólitos, quen, coa súa letanía de “España se rompe”, sitúanse como oposición extrademocrática). De aí a “indiferenza” -que non a oposición- dun sector significativo da poboación catalana.
Pero é que, ademais, computar a abstención dun xeito politica e univocamente interesado é tan tramposo como cientificamente incorrecto.

En terceiro lugar, e en calquera caso, a pregunta que cabe formular é se, a medio e longo prazo, serán positivas as reformas para o conxunto da cidadanía dunha España que se concibe –que se debe concebir, penso eu- como plural.

E a resposta non pode ser rotundamente negativa a priori. Parece bastante claro que, nalgún momento, había que proceder a axustar o entramado xurídico e institucional das autonomías ás novas necesidades dos diferentes territorios, nunha dirección inequivocamente federal, despois de máis de vintecinco anos.
España, polo que se ve e verá, non se vai “romper”, en todo caso “recompoñerase”.

Finalmente, establecido un novo escenario político no conxunto de España, Galicia non pode nin debe quedar á marxe dos procesos en curso.
Que, de saír, un Novo Estatuto este sería a panacea para arranxar todos os problemas? En absoluto. Pero si sería un instrumento ben útil para camiñar en tal dirección. Verá como, cando volva a gobernar o PP, este non cuestionará nada das reformas establecidas.

Para concluír, algo moi diferente é que os políticos nosos, Quintana e Touriño (eu non lles chamo nin Quin nin Tou porque non teño tanta familiaridade con eles), se vexan obrigados, por propios imperativos sistémicos, a actuar como vendedores dun produto e que vaian dar a “matraca” nos próximos tempos.
É algo inevitable, porque forma tamén parte do xogo político de calquera democracia madura do mundo. Outra cousa é que nós (“enteradillos” e “espíritos finos”) nos chegue a cansar ou non nos guste, pero as cousas son así, qué lle imos facer.
A democracia ten, qué dúbida cabe, as súas servidumes.

Unha cordial aperta.


P.S.: Por certo, gustei moito no seu día do seu "Hipertensión cívica...", sobre o seu tío-avó.

Anónimo dijo...

Prezado amigo:

Moitas grazas por perder cinco minutos contestando o meu último post.

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado pasaba por aquí:

Prégolle non atribúa a descortesía nin desinterese o que é simple falta material de tempo, tendo en conta, sobre todo, o "enjundioso" (valla o castelanismo) da súa última argumentación. Acuso recibo da mesma e anúnciolle a continuidade do noso diálogo (do que estou aprendendo moito).
Un saúdo cordial.
P.S. Obrigado á súa gabanza do meu "Hipertensión cívica". Foi un libro inspirado, fundamentalmente, polo agarimo e respecto ao meu parente.

Anónimo dijo...

Pois nada, ho, non o quero apurar. Deixámolo para outra ocasión, que tempo haberá.
Un saúdo.