13.6.06
Anonimato e blogosfera
Fiquen para outros ou outro momento as reflexións trascendentes sobre o presente e as prospeccións futuras da blogosfera: espazos libres de reflexión e crítica, resposta asistemática ao sistema, intercambio e urdime ad infinitum de experiencias comunicativas e informativas...
Hoxe quero a penas consignar unha percepción. O uso, o mal uso e o abuso que se fai do anonimato blogosférico provócame unha gradación de sentimentos que vai, segundo o blog, do estupor á absoluta repugnancia. Un ser humano ten que ser decente. E por decente entendo, entre outras cousas, ser valente. E por valente entendo, entre outras cousas, dar a cara cando se opina, para deste xeito asumir a responsabilidade e as consecuencias posibles desa opinión. Sobre calquera asunto. Sobre calquera persoa. Quen, movéndose na sombra coma as alimañas, ultrapasa esa delgada liña vermella que sinalan con toda claridade a decencia e a valentía para desfogar toda a mala baba e a bile acumulada que lle proe dentro, é un canalla e un cobarde. Non dou creto por veces ao nivel de infamia das descalificacións, profesionais pero tamén persoais, dos auténticos insultos, dos infundios sen base algunha, que se poden ler en certos blogs, sobre todo cando aparecen acubillados baixo un anonimato de cans de palleiro, que morden e se agochan.
Se os miserables que pululan pola blogosfera voaran non veriamos o sol. Palabra.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Completamente dacordo. Resulta moi doado "botar a lingua a pastar" dende o anonimato. Iso faino calquera. ¡Menudo mérito!
Caro Juan: nin unha opinión razoada é necesariamente mala polo mero feito de ser anónima, nin tampouco unha opinión mesquiña é boa só por ir firmada.
O que debería importar é o que se di, non quen o di. A que vén ese afán por saber quen está detrás de cada opinión? Para tomar represalias? Para saber a que aterte? Para non convidar a esa persoa a conferencias e eventos?
Que ti mesmo optaras por mostrar a túa identidade no teu blog non significa que os demais deban facelo. A fin de contas o anonimato é unha característica inherente ao propio medio, e son maioría os que o manteñen.
Caro comentarista anónimo:
A diferenza, ao meu modo de ver, está en que, como ocorre no mundo real, a cara descuberta obriga a modular, limitar e, xa que logo, reflexionar e mesmo documentar máis o que se di. Tapar a cara, en troques, estimula dar renda solta a un discurso que reduce sensiblemente a necesidade de ser obxectivo e impulsa -non digo que sempre pero si frecuentemente- a unha verborrea emocional, subxectiva e, por veces, insultante.
O anonimato é, no fondo, como a fisión atómica, a dinamita ou un coitelo. Pode ser moi bo e destinarse a fins honestos e respectables ou moi malo e utilizarse para a descualificación e o ultraxe. Grazas polo seu punto de vista. Un saúdo.
Pois postos a indignarse, a min case me é máis indignante que un formato coma o blog, que naceu como plataforma de expresión da xente "anónima" a utilicen agora algúns para autopromocionarse.
Estimado anónimo:
É obvio que se blog tivese nacido exclusivamente como "plataforma de expresión da xente anónima" non daría a posibilidade de manterse co nome e/ou a identidade real.
Si estou de acordo con Vde. en que en certos casos pode haber un afán de protagonismo e promoción, alén do lexítimo interese de opinar e expresarse, con liberdade e respecto, sobre os máis diversos temas. Supoño que intereses e fins espúreos hainos en todas partes.
Obrigado ao seu punto de vista. Un saúdo.
Publicar un comentario