1.5.11

Escepticismo

Hai unha certa maneira de parecer (ou ser) un reaccionario que se me antolla cómica. Porque no sistemático rexeitamento do evoluír natural das cousas existe unha cerna de ironía: a que destila quen, enfrontado ao mundo, detesta todo o que é moderno, dinámico ou luminoso e atopa consolo en deplorar que as cousas cambien pois, na súa opinión, todo o que cambia cambia para mal. Hai na literatura iliustrísimos reaccionarios -hilarantes pero patéticos, desternillantes pero tráxicos- como meu adorado Ignatius Reilly, de New Orleans, Louis., para quen a última Thule da humanidade está no estoicismo de Boecio e no bo conformar da monxa Rosvita. Un elemento consubstancial do reaccionario é o escepticismo, que proporciona o pouso imprescindible para iren asentando progresivamente os estratos de sistemática negativa á máis mínima modificación dunha orde monolítica. Pero o escepticismo pode revestir vestir tamén traxes menos contundentes e, sen caer na reacción por sistema, proporcionar ao xuízo unha moi conveniente frialdade da que está desprovisto o entusiasta, que moitas veces resulta inxenua e cruelmente enganado polo seu propio entusiasmo cando comproba que este debuxoulle unhas expectativas falsas e a moita distancia de cumprírense. Tamén na literatura hai soberbios exemplos de intelixentes escépticos. Baroja paréceme un deles. Hai na imago mundi da súa literatura un descrimento basal sobre as bondades do ser humano e un convencemento profundo da súa maldade e estupidez, forma moi persoal de escepticismo que modela un estilo literario -tan críticado- directo, case coloquial e exento de sofisticaciones. Ao mellor é un trazo familiar, pois descubro o mesmo pouso de irónico, pero positivo, escepticismo no seu sobriño, o grande etnólogo e erudito folklorista, Julio Caro Baroja, a quen a antropoloxía cultural hispana debe tanto. No magnífico prólogo de don Julio (q.e.p.d.) á edición en Alianza Editorial (a primeira é de 1970) do Manuscrito achado en Zaragoza do conde Potocki -ese tremendo templo da máis desbocada novela gótica- leo un fragmento que me resulta enternecedor e dá a medida dun xuízo sensible, equilibrado e, no fondo, un chisco escéptico. Contrapoñendo, nos tempos de Potocki (os comezos do século XIX), unha intelectualidade ilustrada inimiga de toda crenza en espectros e bruxas cun movemento estético -o románticismo- que ía a enfatizar con intensidade e enorme éxito o engado do sobrenatural, di Caro referíndose a o conde polaco:
Habló Nietzsche de lo que es "humano, demasiado humano". Ahora podemos hablar de lo que está "claro, demasiado claro". No habría en 1791 cabalistas descendientes de los abencerrajes, judías voluptuosas, etc., sobre esta piel de toro. Pero un hombre imaginativo al contacto con el pueblo español y la naturaleza meridional, podía pensar que los había, o imaginarse un mundo en que fueran posibles... Ahora no hay más porvenir que el de las novelas "socioeconómicas", "psicoanalíticas": incluso con un apéndice estadístico. ¡Adiós España romántica y misteriosa!
Adeus, en efecto, a tantas cousas! Vivimos instalados no máis compracente e brando confort, arrodeados de máquinas que nolo fan todo. Pero se unha noite de trebón o coche nos deixa tirados na estrada ás catro da mañán, seguramente co paso dos anos lembraremos esa noite tinguida de excitante (e romántica) aventura!

2 comentarios:

cãosemdono dijo...

Tamén hai quen considera que Baroja foi un pusilánime mentirán e avarento, mestre no cultivo histriónico da pose de estar de volta de todo sen case ir a ningures, e a súa literatura (memorias incluidas) non é senon fiel reflexo desa parte escura da súa personalidade (esta durísima análise fáina Eduardo Gil Bera no seu interesante e por momentos hilarante ensaio Baroja o el miedo, onde lles pega un bon repaso ós Baroja, tío e o sobriño. Unha haxiografía, pero patas arriba).

Todo o cal pode tamén levarnos a especular sobre se en realidade outro elemento consubstancial ó pensamento reaccionario non poderá ser tamén o medo.

juan l. blanco valdés dijo...

Home, pois haberá que conceder inmediata atención á haxiografía inversa do Sr. Gil Bera. De todo ten que haber, claro, e hai que vivir no posible aberto a todo xénero de fanatismos. Verbo da súa última opinión, penso que o medo non é outro elemento consusbtancial do reaccionario: é o elemento consubstancial do reaccionario, do que os outros elementos (como o escepticismo ao que me refiro) son meras hijuelas. Un reaccionario (como o fanático que é, ou á inversa) manifesta sobre (e contra) todo un enorme medo e unha ilimitada inseguridade. O cal (de momento, e sen ler o ensaio que me recomenda) non sei se é aplicable aos Baroja,sr. e jr. Apertas.