8.5.11

Arrautada de domingo

As cousas son por veces tan complicadas que un se sente como un polbo nun garaxe ou unha monxa nun cabaré, que se dicía hai anos. A crise, algo que leva soando meses a titular de telexornal pero que, máis solapada, máis arteiramente, se vai metendo na vida de todos, enchoupando o ánimo de frouxidade; a cada vez máis intensa e inquietante sensación de que, se comparamos os incentivos e os soldos dos executivos das mesmas empresas ás que pagamos recibos e hipotecas coas nosas enormes dificultades para chegar a fin de mes, estamos facendo o gilipollas; o conflito libio e o soliviantado que anda o mundo árabe; o lío das listas electorais en Euskadi; o convencemento de que tal vez o sistema socio-político-económico que coñecemos anda nas últimas… todo contribúe a un cóctel que a min, entre outras moitas consecuencias e sentimentos, me fai sentir, pois iso, desprazado, insignificante, como o o polbo ou a monxa dos que falaba aí arriba. Realmente, como me ocorreu xa algunha outra vez, estou escribindo de que non sei de que escribir, motivo máis que suficiente para "liberar" dunha vez este furancho, no que pouco e pouco vou ficando só. Para que opinar? Sobre que reflexionar? Que é o que lle interesa ao lector medio? Vivimos hiperinformados, abafados pola babilónica cantidade de posibilidades informativas que día a día se nos ofrecen: centos de canles de televisión; milleiros de revistas, xornais de pago e suplementos destes xornais; mesmo xornais gratuítos; xornais dixitais; internet; wikis; google; libros impresos; libros dixitais… De que serve este blog, entre miles de millóns de blogs? De que serven estas palabras entre centos de miles de millóns de palabras que a diario se escriben? Comprobo, con magoante certeza (pero sen ningún sentimento de humillación, que conste) que os meus artigos de opinión nas contras de Galicia Hoxe e Xornal de Galicia ―moitos deles nacidos no cálido berce desta bitácora― arrancan no mellor dos casos quince ou vinte votos. As colaboracións doutros opinadores e opinadoras que xiran sobre a aburridísima politiquilla do día, sobre todo as referidas ás falcatruadas do PP e Feijoo coa lingua, levantan paixóns.Fóra outras consideracións de índole persoal e subxectiva, pregúntome sobre a nosa propia capacidade de reflexionar como sociedade alén dos catro topicazos que os medios ―segundo a cor e a bandeiría― sitúan cada día no altar da opinión pública para favorecer o sacrificio ritual. E sinto, ao tempo, un certo complexo de inutilidade: de que vale crer nun sistema de valores que a ninguén importa? Só o poder, a eterna tendencia a dominarmos uns aos outros, secretas redes de operacións financeiras inimaxinables, decisións como a de matar a Bin Laden, adoptadas saiba Deus onde e por quen, instancias de control político a anos luz das nosas meras capacidades como cidadáns semellan estar nas bambalinas dun mundo confuso, hipertecnolóxico pero incerto, sobreinformado pero en crise, obsesionado co curto prazo e o día a día.
Non me teñan en conta o pesimismo. É domingo; chove; dóeme un chisco o lombo… Mañán será outro día e nunca choveu que non escampara.

No hay comentarios: