28.5.11
Reflexión sobre unha foto
Nun acto no que recentemente coincidimos, o infatigable erudito Xesús Ferro Ruibal comentoume que, en razón de certos vencellos familiares e persoais, lembraba un curioso exemplar do fondo fotográfico da guerra civil do finado de meu pai. Porque é o caso que meu pai, mobilizado en 1937 con apenas vinte anos, formou parte do Gabinete Fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, baixo o comando do xeneral Antonio Aranda, e durante dous anos, cos seus compañeiros do gabinete ―entre outros os grandes fotógrafos Ángel Llanos e Jaime Pacheco―, perpetuou a través do obxectivo da súa Leica momentos estarrecedores, cotiáns, íntimos, alegres, tráxicos, pavorosos… da fronte de Asturias, León, Aragón e da «liberación» de Valencia e Castellón. En dous enormes álbumes hoxe repousan máis de seiscentas fotos, memoria e testemuño directo daqueles días terribles, daquelas vivencias hoxe esvaídas no abismo do tempo. Durante a miña nenez aqueles dous mamotretos eran obxectos de culto; a irreflexividade propia dos poucos anos cedía perante o influxo turbador daquelas fotos de mortos, de «paseados», de corpos calcinados dentro dos tanques, de vilas e cidades arrasadas, de prisioneiros rojos, de soldados mouros, de enfermeiras e rapazas da sección femenina, de Francisco Franco —que sabiamos era quen mandaba en España— comendo dunha escudilla metálica en campaña, xunto co seu cuñado Ramón Serrano Suñer e o seu irmán Ramón, e alí estaban nunha foto feita por papá. Cando as miraba, fascinado, de neno non sabía que algún día poñería distancia entre eu e elas, a distancia que impón esa señora tan seria que se chama Historia, con maiúscula. Pero esta é outra historia, esta con minúscula, que ben pode ficar para a columna doutro día. Ao que ía, que eu prendo nunha silva. O curioso exemplar fotográfico ao que se refería o incisivo recordo do amigo Ferro Ruibal é unha instantánea tirada en 1939 na praza de touros de Castellón co gallo dunha corrida ofrecida polos artilleiros galegos á patroa do corpo―Santa Bárbara celébrase, que eu saiba, o 4 de decembro―. A foto, que ilustra esta columna para satisfacción do curioso lector malia que nin o plano nin a calidade son os óptimos, amosa a area da praza na que, mercé a procedemento gráfico ignoto para min pero de calidade abonda, pode lerse, arrodeando a figura dunha boneca ataviada con traxe típico galego, unha mensaxe inequívoca; unha mensaxe redactada en lingua galega que, non polo seu contido nomeadamente populacheiro, e secomasí inocuo, deixa de resultar emocionante, e creo que insólito, no contexto no que aparece. Na fundamentada opinión de Xesús Ferro trátase acaso do único rexistro en lingua galega nun medio tan hostil como o exército nacional en plena contenda, razón pola cal aconselloume o bo amigo a súa exhumación cun breve comentario do seu contido, encomenda a que hoxe este post dá gustoso cumprimento. A fermosa letra de papá di no reverso da foto: «Dibujo pintado en la plaza de toros de Castellón el día de la corrida de toros ofrecida por los artilleros el día de la patrona. Una gallega bailando, y alrededor la leyenda, el grito de guerra gallego: Ei carballeira: A quen me de un pau doulle un peso». Traspasando a congostra do tempo, tan virada e fodida, chégame aínda vertical e limpo o grito de guerra daqueles mozos que, no alborozo de teren salvado a vida, erguían sobre a area de Levante, sen pararse demasiado a pensar nada, o orgullo da lingua dos seus, mentres alá na Terra caían os inocentes por defendela. Ocórreseme que á nosa lingua, entre as trancas e as barrancas, entre a acción e a reacción, entre mesas pola normalización e galiciabilingües, pásalle o que aos anciáns cando nas familias a responsabilidade de coidalos vai dunha man a outra como unha pataca quente que ninguén quere. Mentres é cuestionado por todos, xógase a facer como se o vello esivese fóra do mundo e parece que ninguén percibe a imperdoable desconsideración de ignorar o que el realmente foi e significou nas nosas vidas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
¿pozuelo encargó que le hiceran un infarto a franco?
Publicar un comentario