21.4.11
Calidade? Calidade
Un amigo púxome en certa ocasión sobre a pista dun costume tan deplorable como inveterado nesta vella pel de touro, na que a maledicencia e a envexa son parte substancial do produto nacional bruto. Trátase de que se un fuma en pipa acaba sendo o pipas; se, porque ten frío ata en verán adoita abrigar o colo cunha bufanda, o bufandas; se gasta pelo longo, o melenas; se mostacho, o bigotes. Nun brillante relato de terror, Joseph Sheridan le Fanu ―que agasallou á posteridade coa figura estarrecedora e sensual dunha muller vampira con nome de mercería―, afirma que «la fama de una casa, lo mismo que la de una mujer, una vez que se ha disparado, nunca puede recuperarse» ("El huésped misterioso", en Dickon el diablo y otros relatos extraordinarios, Valdemar: 2009). A versión carpetovetónica da opinión do magnífico escritor irlandés sería cría fama y échate a dormir. Ao igual que fumar en pipa, gastar bufanda, guedellas ou mostacho, adquirir aos ollos dos demais un estatuto determinado ―sexa valioso ou abominable― é o camiño certo para ser recoñecido baixo esa vitola por moito que se faga para conxurala e convencer de que resulta inxusta. A diferenza co pipas, o bufandas, o melenas ou o bigotes, que reciben o alcume por causas evidentes , moitas veces a fama ―especialmente a mala― non se gaña por culpas propias senón por herdos alleos. E aínda máis veces, quen apón a mala fama aos outros é aquel a quen as nubes impiden ver o ceo. Cando eu me acheguei á edición universitaria por vez primeira, mediando os oitenta do século pasado, esta era unha actividade subdesenvolvida e cunha atrofia crónica, derivada da propia natureza da universidade franquista. Un coñecido intelectual, pródigo en edicións populares que seguro lle rentan bos cartos, afirmou que a actividade editorial da universidade española vivía unha existencia catacumbática. En efecto, o sistemático dispendio de fondos públicos en produtos feos, delirantes e absolutamente carentes de interese; a completa falta de profesionalidade dos seus xestores e de criterios racionais e minimamente comerciais nas decisións; o máis escandaloso compadreo e amiguismo, coa ausencia absoluta de filtros de calidade, para a aprobación de orixinais, todo isto era a norma de conduta da totalidade dos servizos editoriais das universidades españolas, sumidos na ignota catacumba da acción editorial. Hoxe, trinta e pico anos despois, a paisaxe é radicalmentre distinta, eu diría irrecoñecible: os editores universitarios fiamos moi fino en que investimos os nosos sempre escasos orzamentos e transitamos innovadoras vías de financiamento; organizamos másteres, cursos e seminarios sobre edición para aprender aos demais o que sabemos; editamos tan esmeradamente que recibimos premios e galardóns e os nosos libros se exhiben en pe de igualdade nos andeis das librarías cos das máis prestixiosas editoriais privadas; intentamos por todos os medios que non nos venza o desincentivo que, arteiramente, agocha iso de non perseguirmos ánimo de lucro, porque se, en efecto, cobramos igual a fin de mes vendamos cinco que cinco mil libros, non perseguir ánimo de lucro non debe equivaler a unha patente de corso para dispendiar diñeiros que non son nosos; sometemos os nosos orixinais a peneiras de calidade a través de procedementos peer review, que xa quixeran a media das editoriais comerciais. Pero, como as casas embruxadas e as mulleres de mala vida, seguimos tendo mala fama. Tan mala que as axencias de acreditación e avaliación da actividade científica seguen considerándonos sospeitosos permanentes do mesmo compadreo e amiguismo de hai trinta anos. Recentemente, houbemos de loitar duro para que certa comisión de ámbito nacional derrogara unha bochornosa disposición que outorgaba maior valoración ás obras dun investigador se non estaban editadas pola súa propia universidade. Traslade Vde. isto á universidade de Oxford, Berkeley o Harvard e adquirirá a dimensión correcta de tal atrocidade, que non agocha máis ca a pobre e lamentable visión que ten sobre a universidade española quen decidiu poñela en práctica. Ao final, e tras un emocionante movemento de solidariedade (que oportunamente recolleu en 2009 o manifesto a prol da edición universitaria) os editores universtarios asistimos á supresión desa medida. Pero a verdade do proverbio segue agobiándonos. A nosa é unha sociedade miope e, no fondo, carca, en boa medida liderada por políticos mentecatos que se rexen máis polas inercias do prexuízo que por una observación dinámica e unha análise intelixente da realidade. Cría fama y échate a dormir, di o proverbio funesto e pesimista. Calquera cousa menos durmir é o que estamos facendo na edición universitaria de hoxe. No pouco que a min toca, aceptei co maior entusiasmo e esperanza ser membro da Comisión de Calidade da Unión de Editoriais Universitarias Españolas, dende a que creo podermos levar adiante un labor de dignificación e recoñecemento da calidade e eficiencia do que facemos. Algo que, se cabe, adquire aínda máis importancia e alcance en tempos tan escuros en que o desánimo e a indiferenza semellan ir enchoupando todo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario