20.10.10

Digital divide

O magnífico limiar que o meu caro amigo e vello mestre Darío Villanueva redactou para a tradución galega d’A galaxia Gutenberg ―próxima a publicarse dentro da nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal en coidada tradución de Xosé Manuel Outeiriño― fixome reflexionar sobre un acontecemento recente. Refírese Villanueva, entre outras moitas cousas, á evolución terminolóxica que se experimentou no eido das técnicas (ou tecnoloxías, que hai para gustos) da comunicación dende o texto de MacLuhan ―publicado en 1962―, evolución que testemuña no léxico os propios vieiros da eclosión planetaria da comunicación global: do propio clixé galaxia Gutenberg, tan socorrido ―mesmo para o bautizo deste recuncho de reflexión― ata o concepto global village, nunca tan acaído coma hoxe, pois a aldea ecuménica na que vivimos non deixou, dende o pasamento de MacLuhan en 1980, de medrar e globalizarse. Entre a fin da Marconi Constellation, da que os tv children eran vangarda para MacLuhan, aos digital children do gurú Negroponte e, finalmente, ao concepto de nativo dixital, troquelado por Marc Prensky e no que hoxe nos movemos, transitan, máis ou menos e sempre co retraso imputable ao ostracismo franquista, os anos que eu, nacido en 1960, conto. Pode dicirse, polo tanto, que vin a luz na transición da constelación Marconi: lembro, en efecto, da miña primeira nenez unha vella e fermosísima radio Atwater Kent, indubidable protagonista «mediática» da vida dos meus maiores, pero á que eu concedín xa pouca importancia, pois a tele, un rechoncho mamotreto de madeira con grosos botóns aos lados e unhas antenas impoñentes como a cornamenta dun venado, arrogouse para a sociedade na década dos sesenta a absoluta preponderancia, poñendo os alicerces da súa omnipotencia actual. O progresivo ingreso na condición dixital, fronte á analóxica, xa me colleu coa nenez un pouco pasada, pois a primeira vez que sentei diante dun ordenador tiña 25 anos cumpridos. Hoxe, pai de dous adolescentes, podo dicir, con toda contundencia (e sei o que digo), que teño un par de nativos dixitais na casa. Moitas veces teño invocado o privilexio ―non só como editor senón como cidadán do mundo― de ter sido testemuña desta apaixonante evolución. Pero creo ―e a iso me refería arriba cando falaba dun acontecemento recente― que non todo o mundo o percibe así. Coincido plenamente co prologuista de MacLuhan en que cando se fala da digital divide, da fenda dixital, alúdese á diferenza discriminativa e insalvable no aproveitamento das novas tecnoloxías entre os distintos países, pero non menor importancia representa a fenda dixital entre xeracións, algo que se aprecia con especial teimosía no ámbito educativo, desde as escolas primarias até as universidades.
O acontecemento ao que me refería hai un anaco e ao comezo deste post tivo orixe nunha chamada de teléfono, a hora temperá dun luns, cando, como pide a lei de Murphy, adoitan ocorrer tales cousas. Unha voz de muller, trémula e airada, tras presentarse como profesora de certa facultade e participarme os horrores dunha noite de insomnio orixinado nunha insoslaiable congoxa, me solicitou, en canto responsable da editorial universitaria, que retirara sen dilación a súa tese de doutoramento de Google Books. Tras indicarlle, nun exercicio de paciente explicación técnica involuntariamente entorpecido pola somnolencia e as lagañas matutinas, que Google Books só unha procentaxe limitada dos textos aloxados; que todos incorporan unha marca de auga coa mención da titularidade dos dereitos; que, en calquera caso, estes estan nin máis nin menos garantidos que na edición impresa, e que, sobre todos estes supostos, a invitaba a reflexionar sobre as evidentes vantaxes de que a súa investigación tivese unha difusión automática e universal, a miña interlocutora aludiu confusa e nerviosamente a un conxunto de factores que me convenceron, no breve lapso da nosa conversa, de estar falando cunha persoa da outra banda da fenda dixital, incapaz, tal vez por idade ou por outros parámetros que non son quen de penetrar, de ver en Google e a internet máis ca a ora leonis, a boca dun averno proceloso ou babilonia informe onde todo latrocinio ten asento.
Hai dez anos, nun artigo que viu a luz en Grial, eu reivindicaba, contra o binomio analóxico-dixital de Negroponte, o dereito de todo cidadán a non lavar o coche o domingo, carecer de conexión a internet ou ignorar como se abre un CD-ROM. As cousas mudaron moito e xa non estou agora tan seguro do que dixen entón, cando fenda dixital era un concepto inexistente. Na actual encrucillada de incertezas semella claro, non obstante, que non hai que temer ás eleccións pois sempre cabe unha posibilidade: tender unha ponte, ou máis se fora o caso, entre as dúas bandas da fenda e transitar por ela tranquilamente e sen mirar abaixo.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu sonlle moito de darlle voltas ás cousas, pero a esto das "novas" tecnoloxías e fendas dixitais, como que non. Para que? É o que hai. É como opoñerse á máquina de vapor, ao cultivo de cereais ou á pedra pulimentada cando se poñen diante: inútil.
Particularmente, e sendo posible facelo, eu collía a tese desa señora e quitábaa de Google inmediatamente sen máis explicacións. Non quere lavar o coche o domingo? Non o lave, oh, non o lave. Total, tampouco ía pasar nada. Nin á boa da señora nin a Google.

juan l. blanco valdés dijo...

É exactamente o que fixen: retirar a súa tese de Google, para universal contento. Apertas.

Anónimo dijo...

Pois mire, eu sonlle da era do pizarrillo, da puta pluma de mollar que sempre se esgallaba e me tinguía o pelo de azul, do redentor bolígrafo, da inalcanzábel máquina de escribir, da idem electrónica (un milagre!!!!) e aquí estou, cheo de computadoras e trebellos dixitais que me resolven a metade do meu traballo. Abenzoados sexan. Polo tanto, eu coñecínn a idade de pedra, a idade media, a revolución industrial e saltei por riba desa fenda esperando a seguinte. Chao.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Ao respecto do pizarrillo, se lle prace, abra o último catalogo conxunto da Unión de Editoriais Universitarias españolas, vaia á pax. 32 e logo me conta. Apertas e grazas polo comentario,

Anónimo dijo...

Pois, si señor, tal cual opino eu, con perdón da súa cara, Sr. Blanco (por certo: é vostede máis guapo en persoa que con esa cara de cabalo que lle puxeron no catálogo. Eu demandaría por danos morais). Saúdos cordiais.

Anónimo dijo...

Pois, si señor, tal cual opino eu, con perdón da súa cara, Sr. Blanco (por certo: é vostede máis guapo en persoa que con esa cara de cabalo que lle puxeron no catálogo. Eu demandaría por danos morais). Samotúdos cordiais.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas, amigo, por se preocupar da miña estética persoal. Demandarei o fotógrafo, daquela. Apertas.