3.11.09

Un post perburor e un pouco untriewa

O bo bieito Adso de Melk, cando xa cáncamo e retirado ao seu xermánico convento, relembra a lingua franca, babélica e estrafalaria, do irmán lego Salvatore, afirma (a versión galega é miña): toda lingua humana ten regras e cada termo significa ad placitum unha cousa, conforme unha lei que non muda, porque o home non pode chamar ao can unha vez can e outra gato, nin pronunciar sons aos que o acordo das xentes non atribuíra un senso definido, como sucedería se alguén pronunciase a palabra blitiri. Sen querer eu meterme a discutir o rectísimo criterio dun gran semiótico metido a mellor novelista, permítanme un divertimento filolóxico, a partir dun sabroso comentario dun visitante anónimo. Queixándome eu (que son un roñas) recentemente do duro que é isto de manter un blog na máis procelosa soidade, alentábame o meu afectuoso visitante indicando, ad pedem litterae:
A min gústame entrar aquí e ver cousas novas, pero comprendo que é perburor.
Estrañado, inquiro se tras ese perburor non haberá unha errata. Velaí a enxeñosa resposta do meu visitante:
Perburor? Nada. Era a palabra de verificación. O que pasa é que sabía o que quería dicir pero non sabía cómo. Como non me quería enrollar (raro, raro) pois dixen: vou poñer unha palabra que non signifique nada e así significa todo. Algo así como aquelar pero en absurdo. Xa sei que resulta algo untriewa, pero é que cada un é como é.
Superbe! Resulta extraordinariamente untriewa, por Xúpiter! Esta querencia por inventar palabras non é nova, pero indubidablemente as combinacións de letras para verificación nas aplicacións informáticas, que así conxuran a posibilidade de que sexan outras máquinas as que anden tocando a paletilla, ofrecen renovado campo á curiosidade e reflexión sobre a caprichosa semántica das linguas, que outorgan un certo significado a calquera combinación fónica só polo feito de creala: estedgey, ernife, remgu, orabro, cernit ou traumso son algúns especimes recollidos
ad hoc. Realmente levo unha tempada tan cernit que vou pedir un traumso na empresa e irme de remgu con un ernife meu, que é curmán dun orabro que coñecín no estedgey.
Aquel impagable inventor de palabras celiano (lembran? Bizcotur: dícese del que, sobre ser bisojo, mira con aviesa intención) continuaba, creo, unha senda magnificamente aberta por aqueloutro xenio da inventiva e o humor que foi Jardiel Poncela. O que segue é un treito de Las dulzuras de Escajolia, un "momeciclo", estrambótico xénero que o propio Jardiel define como
género literario de mi exclusiva invención, en el que se incluyen algunas palabras poco usadas en castellano:
Mil palacios de garraceno esplendor forman la capital del reino, y en ellos, como brifio y cosmas, resaltan los mármoles y pórfidos en que fueron construidos. Verlos desnutre; contemplarlos, cachena.

Un treito máis adiante, un diálogo:

-¿Quién sois? –dijo.

-Machuca –repuso el caballero sin nombre.

-¿Espardifáis?

-Siempre.

-¿En parfuletes? –insistió el conde.

-De dos filas, señor –repuso el visitante.

El non serán as palabras de verificación estas dos ordenadores unha lingua arcana que as máquinas están perfeccionando para o día apocalíptico en que se rebelen?

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Mire que hoxe mesmo se me ocorreu unha tontería desas que se me veñen á cabeza de cando en vez e acaba de lembrarma. Por contextualizala, vou facer como o Jardiel e dramatizar a situación. Di un con toda a fachenda "Pois eu estivenche este verán en EEUU, nos montes......" "Apalaches?" di o outro. "Non, oh, non apalei. E que non me acordo do nome". Máis ou menos era así.
E por certo: moitas ationis, amigo Juan, por facerme protagonista do seu post.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Tampouco eu apalo, a verdade. Aínda así, con todo o hiatime que se poña, ten vostede un protagonismo, acá e acolá, verdadeiramente brusoledo, ou sexa que non se merecen as ationis. Cordiais sranets.

R.R. dijo...

Un día escoitei dicir a unha señora ben fermosa nunha mesa redonda no Teatro Jofre do Ferrol que o galego é unha lingua tirando a litúrxica porque xa non se inventan palabras nela. ¡Viva este post!

Firmao: outro a quen lle molan as palabras inventadas.

¡Preriece!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

A unha señora ben fermosa, no Teatro Jofre de Ferrol, perdónaselle case todo, mesmo dicir cousas tan feas do galego. En calquera caso, aí lle andamos, r.r., inventando palabras, con lo que contribuimos al enriquecimiento del léxico patrio. Un afectuoso aumanat para todos, e moi especialmente para vostede.

apicultor dijo...

Que post máis bo, boísimo. Estivo sembrao, amigo Juan Luis. Dá gusto lelo cando a sabedoría e a ironía se arrexuntan en tan boa harmonía, algo que acontece bastantes veces, abofé.

Un cordial saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Vostede, amigo cultivador de abellas, que me ve con bos ollos. Celebro, en calquera caso, que o asunto fose do seu agrado. Apertas e un afectuoso replo.

apicultor dijo...

Eu seille recoñecer a xente talentosa, alí onde a haxa. Que tampouco abunda tanto, non vaia crer.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Lin na prensa o outro día que un par de recentes estudos demostraban que o absurdo, inda que o pareza, axudaba a pensar, e que podería ser de enorme utilidade para estimular a aprendizaxe e/ou entendemento en persoas con algunha dificultade.
Parece ser que o cerebro, diante de situacións absurdas (e máis canto máis), busca desesperadamente (e atopa, eis o asombroso do asunto) patróns lóxicos onde sexa, teñan ou non teñan nada que ver coa situación absurda que se lle formula. Para mellor explicarme: que se alguén ten un problema para o que non atopa solución, o mellor é enfrontarse ao absurdo (ver Amanece, que no es poco, por exemplo, podería servir), canto máis absurdo mellor. O seu cerebro, sen esforzo, fara o traballo por el.
Tamén dicían os estudos que o CI da xente que xoga a cotío coas palabras (coas súas formas e significados), é superior ao dos que non o fan. Non o quería dicir para que non se me malinterpretara.

Unknown dijo...

Excelente post. E grazas por recordarnos a Enrique Jordiel Poncela, gran esquecido da literatura española. GTB comentounos nunha tertulia, con cara de pillo, que o xenro dramaturgo famoso durante o franquismo, debia a súa fama aos manuscritos inéditos que o sogrodeixara nos caixóns do despacho. Falábase por Madrid.
En fin, marabilloso post.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Amigo anónimo: que o noso CI (o seu e o meu, cando menos) é superior ao do común dos mortais é algo que salta á vista nada máis coñecernos, xoguemos ou non ás palabras (que tamén).
Celebro, amigo Gustavo Adolfo, que o post lle gustase e agradezo a visita e interesante comentario.
Un cordial mixresh para todos cun duniplh moi especial para os inventores de palabras