Unha grande amiga utiliza un verbo absolutamente gráfico para se referir ao punto a partir do cal, á peña váiselle a olla dunha maneira significativa: descorcharse. É así que os varóns de idade provecta descórchanse profesional, vital e aínda sexualmente, pois senten que pouco teñen que perder arrisquen o que arrisquen. Descórchase o persoal universitario de tanto darlle ao caletre, de xeito que é este un entorno cheo de tolos, tipos extravagantes e marcianos, pois, contrariamente ao que cría don Francisco aragonés, non é o sono de razón senón a súa excesiva vixilia a que produce monstruos.
O descorche é universal, inevitable en certas situacións e rampante na nosa sufrida existencia nacional. Vivimos arrodeados de individuos descorchados.
Ora, se hai unha esfera na que o descorche é especialmente significativo, ecuménico e incontible, esa é a política. A base de viviren en permanente convivencia cunha corte de aduladores que prefiren non discutirlle ao jefe que o sol sae pola noite antes ca perderen a sinecura, os políticos constitúen unha especie perigosamente exposta ao descorche.
De medir a tensión aos velliños nun centro de saúde a sancionar unha campaña de estrafalario triunfalismo non existe máis ca unha dose de descorche. Potencia? Entendo que das acepcións que a lexicografía trae para potencia, a campaña institucional da Vicepresidencia recolle a que di «Estado poderoso con capacidade para imporse». É máis ca probable —non quero pecar de inxenuo— que o cráneo privilegiado responsable do eslogan ignorase en absoluto o dicionario, adminículo polas trazas hoxe en lamentable desuso, e fiase de que o conxunto estético-sintáctico-ideolóxico-semántico Galicia, somos potencia (ollo á sibilina ambivalencia castelán-galego, lingua si pero a vaquiña polo que vale) reflectise un orgullo contundente e que non admite réplica, independentemente de minucias léxicas propias de filólogos, tiquismiquis e enfermos de pulmón. Descorche. Para que pararnos en barras? Imos a por todas.
Potencia en qué? Impornos en qué? Sobre quen? En que contexto? No deporte, na industria, na investigación, na arte, na porcentaxe de patentes, na presenza internacional, no nivel de exportacións, no liderado de novas tecnoloxías…? Non sería mellor un pouco de humildade e recoñecemento do que somos e do entorno no que nos movemos, sen complexos nin pailanadas pero tampouco sen descorches triunfalistas, superfluos, erráticos, e que a nada conducen?
É algo à la mode, un signo dos tempos, tirar para diante e entrar como elefante por cacharrería, xa na vida pública como na empresa, sobre a base de que canta máis chulería e contundencia maior fiabilidade e capacidade de convencemento e menor resistencia ao que se esixe. Alá eles. ¡Canta sabedoría naquel chiste de Perich, intemporal e revelador da derme profunda do sentimento hispano!: o Amazonas é o río máis caudaloso do mundo, en cambio o Ebro non. Aí seguimos.
2 comentarios:
Aínda estivo mellor o que lles contou un guía nativo a un amigos meus nunha excursión ó Algarve:
- "Aquele que ven voçes alí, é o faro máis grande do mundo, e o segundo da Europa."
Igual ese "Galicia, somos potencia" é un contaxio de esa tendencia á esaxeración nacional que teñen os nosos veciños do sur.
Fantástico alarde de chauvinismo luso! Grazas polo comentario e a deliciosa anécdota. Un saúdo.
Publicar un comentario