24.1.08

Estudos excepcionais

Digamos que entre recoñecer intimamente o glamur da vida dun delicuente inmobiliario ou fiscal que, prevaricando, enganando e trapalleando aquí e alá, arrepaña millóns de euros e desexar ser o propio delincuente hai certas diferenzas, máis ou menos relacionadas con factores que se moven en polos opostos: a posesión e disfrute de moito diñeiro —segundo Forbes, unha persoa é moi, moi rica cando precisa de máis de vintecatro horas para precisar canto diñeiro ten— e a elasticidade ética necesaria para chegar aí. Lembra aquel vello chiste da nena que, cándida e anxelical, pregunta á nai:
-Mamaíña, se son boa, de maior vou ter un home para min soa?
-Si, filliña, si, claro.
-E se son mala?
-Se es mala, teráis moitos, moitísimos máis.

De tal xeito, admitido que a política e os políticos son un mal necesario e, de querermos Estado de Dereito e democracia, temos que aturalos, unha cousa é que poidamos envexar o glamur do coche oficial, todo o día señor fulano para aquí e señor fulano para alá, secretaria, grandes viaxes en preferente, o noso careto día si día non no xornal e unha VISA sen fondo, e outra que esteamos dispostos a pagar a peaxe persoal, profesional, vital… dunha existencia así. Polas trazas, con todo, parece que alguén cre que hai moita, moitísima xente disposta a abonar tal peaxe. E, aínda máis, que se pode chegar a tan regalada vida cunha formación de tres pares de cojones no canto de ser un zoquete que nin o graduado escolar. Cantas veces afirmamos, de xeito máis ou menos metafórico, que os políticos de hoxe son profesionais? Nada de metáforas. Unha academia de Vigo impartirá dende mediados de febreiro un ciclo formativo de 60 horas co que pretende formar a «políticos honrados y próximos al pueblo». Imaxínese Vde. a un deputado no estrado dos oradores nas Cortes sancionando perante súas señorías o valor dos seus argumentos de xeito similar a este: y yo, que he sido alumno de la academia AEIA de Vigo, les aseguro
En fin. Eu sempre botei de menos un ciclo formativo superior ou máster en Indiana Jones. Iso é un oficio glamuroso e o demais é pura coña. Imaxinan as asignaturas?: Látigo I: Introdución á sedución rápida; Situacións desesperadas: control de aviónica; Idem: transporte lumbar de persoal feminino (precicipios, pozos de serpentes/escorpións); Látigo II…
Adoro Vigo e a súa marabillosa xente. Pero exemplos coma o desta estrafalaria academia lémbranme unha vez máis o adagio, de tan grata lembranza paterna:
En la China un mandarín
tenía en el sobaco un peluquín.
Y en Vigo un tal Angulo
tocaba el clarinete con el culo.
Moraleja: para los desatinos
no hay como los gallegos y los chinos.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois teño curiosidade por saber que se impartirá nese Master, cómo facer ben o nó da garabata ou non mirar para un reloxio nun debate de campaña, ou é que como se trata de estar perto da sociedade, vanlles aprender a diferenciar un xurel dunha merluza???

juan l. blanco valdés dijo...

Pois, sinceramente, creo que se empezaran polo final, lles iría moito mellor. Velaí a diferenza, que hoxe está na base do "desplome" na calidade dos nosos políticos: o absoluto divorcio que establecen, en canto chegan ao "machito", entre a realidade que perciben como políticos (e a que lle peneira a corte de aduladores da que se arrodean) e a realidade da vida misma (en efecto, a diferenza entre un xurel e unha merluza). Xa sabe: convencerse de que unha parede é negra cando é, clara e obxectivamente, branca.
Non creo, en calquera caso, que nada disto se aprenda no excelente máster de referencia...
Saúdos e obrigado á vista e comentario.