21.2.07

Borrow

Vai para trece anos, Gustavo A. Garrido publicou unha excelente antoloxía de textos de viaxeiros por Galicia dende o século XV ao XX, en tradución do meu bo amigo Leandro García Bujarín, obra á que apoño unha chata, disculpable en libro divulgativo pero que todo bibliófilo botará en falta: a de non especificar a edición utilizada en cada autor antoloxizado. Fóra esta lixeira eiva ―de percepción propia de repelente erudito― é un libro de lectura moi amena e recomendadísima para avivar a reflexión, dende perspectivas alleas ao país mesmo, sobre moitas das peculiaridades patrias ―as boas e as malas― ao longo dos séculos. No mesmo ano, e polo visto respondendo a un pulo de inspiración común, Galaxia tiraba do prelo outros interesantes textos de viaxes (entre outros, Viaxes por Galicia de Silveira da Mota, de remates do século XIX, e Galicia vista por un inglés, tradución de Spanish Galicia, publicada en Londres en 1922, libro cheo de agarimo e sana crítica saído da pluma do xornalista británico, correspondente do Morning Post, Aubrey F.G. Bell). Un texto, creo eu, pouco coñecido e que posúo en edición facsímile da libraría coruñesa Arenas é Recuerdos de un viaje por Galicia en 1850 de Francisco de Paula Mellado, que en realidade é a parte correspondente a Galicia do seu Viaje por España (Madrid, Establecimiento tipográfico de Mellado, calle de Santa Teresa, número 8, 1850).
De entre toda esta rica literatura ex itinere, e habendo viaxeiros moi coñecidos, traballados pola crítica e a historiografía e publicados, por veces en contundentes edicións institucionais (penso na do viaggio do napolitano Nicola Albani, Consorcio de Santiago, 1993, ou a da peregrinación de Cosimo Medici III, Xunta de Galicia, 2005), non cabe dúbida de que o máis senlleiro, suxestivo, e probablemente popular, turista pola vella pel de toro é aquel extravagante e exquisitamente británico vendedor de biblias protestantes coñecido na España do seu tempo -no que é prístino exemplo desa antonomasia palurda tan caracteristicamente hispana- por don Jorgito el Inglés.
Un día de verán, nos aseos dun cámping en Francia, e así como eu saía, entraba un tipo duns sesenta anos longos, como dun metro noventa, fraco, encorvado, coa pel da cor do leite fervido, roxo de pelo e cheo de pencas. Gastaba gafas de cu de botella e ía fardado cunha camiseta de asas de cor amarelo, unha bermuda gris de cadros, calcetíns ejecutivos estirados ata os xeonllos e unhas chanclas de coiro. Para rematar o cadro, portaba na man un neceser de cor rosa, indubidablemente da súa muller. Pensei: británico, claro. Só un británico pode sublimar esa pinta con tal dignidade. Poucos metros despois, as placas de matrícula do vehículo onde vin ao fulano confirmaron a miña hipótese.
Aquel inglés fíxome lembrar, dun modo obviamente subxectivo, aínda diría estético, e sen que acerte a sinalar unha causa indiscutible, ao viaxeiro don Jorgito. Acaso porque nun momento da súa narración este mesmo se describe alto, flaco, de pel branca e pelo roxo. Ou tal vez pola nota de elegante, digna e discreta extravagancia que percorre a obra e a vida de Borrow, outsider, amigo de fillos de Exipto e moinantes varios, coñecedor do caló, políglota de aptitudes insólitas, vagamundo, viaxeiro impenitente e probable pecador que atopou na Sociedade Bíblica e as súas comprometidas encomendas a vía mesma por onde tal vez expiar antigas e inconfesables faltas.
A primeira noticia de don Jorgito e The Bible in Spain atopeina, hai disto ben anos, en Gárgoris y Habidis. Una historia mágica de España de Sánchez Dragó, a quen, cando menos, se non outra cousa, debo iso. De contado, a obra de Borrow, na impagable edición de Manuel Azaña, de excelsa introdución e tradución excepcional, cativoume. Por baixo da perigosa peripecia que implicaba labor tan estrambótico como vender libros protestantes nun país analfabeto, brutal, e fanática e irracionalmente católico, e co trasfondo dunha guerra de resplandores de fogueira, águias de blasón e vellos xerifaltes, latexa a simpatía do personaxe e o seu amor profeso a España e as súas xentes, a intuición natural para a diplomacia e as relacións humanas, a súa ecuanimidade de xuízo e o seu cándido anticlericalismo, que de certo faría as delicias do tradutor. Da parte literaria, salientan unha habelencia natural para a descrición de tipos e paisaxes, cunha sabia administración do truculento ―que fai lembrar outros textos gustosos de crimes mouriscos e maxia zíngara como o estrafalario manuscrito zaragozano de Potocki (probablemente coñecido por Borrow)― e unha axilidade narrativa propia do escritor de oficio, que elevan o libro á categoría de obra mestra da literatura de viaxes de todos os tempos.
As novas de don Jorgito e o seu paso por Galicia non son de agora. O nicrariense Julián Magariños Negreira, falecido na flor da vida, lembra as referencias de Borrow a Os Ánxeles e as Torres de Altamira ―moi, moi cerquiña de onde escribo estas liñas― nun breve artigo de Nós (89, 1931, pp. 82-83): «Jorge Borrow no val da Mahía».
A Biblia en España. Imprescindible. O exemplar que posúo, de Alianza, 1987, encadernado, por certo, por man bastante inhábil, foi fiel compañeiro de viaxes por Europa e, así, lonxe da casa, atopaba nas páxinas de don Jorgito o contrapunto necesario ás saudades do fogar. É sen dúbida un dos meus libros favoritos, ao que volto sempre buscando o bálsamo benefactor da súa lectura, neses momentos en que semella que nada sobra e todo falta ao noso espírito.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

De novo, un máis ca interesante pos, amigo. Gusto de ler de cando en vez eses libros de viaxes que din tanto do que describen como do que fai a descrición. Coñezo ese de Jorgito, inda que só parcialmente. Vou ver se coñezo os outros que citas e, como vexo que controlas do tema, igual che pido doutra volta (ou desta, quén sabe) que me pases máis referencias.

juan l. blanco valdés dijo...

Ao teu enteiro dispor, non faltaba máis.

Anónimo dijo...

Máis aló do pracer literario que produce achegarse cada día ao teu blog, querido Xoán, e da fonda lembranza dos anos vividos en excelente compaña, este tema que tratas fíxome saltar da cadeira e percorrer o andel dos libros de viaxes, paixón que compartimos de vello. Hasme permitir engordar ese listado con algunhas cousiñas máis. Semellante ao libro de Garrido teño un Viajeros por Galicia, de Juan Airas, en Edicións do Castro, con prólogo de Alonso Montero. Trátase dun conxunto de semblanzas desde Aymeric Picaud ata Gerald Brenan.. Polo medio aparecen arredor dunha cincuentena de viaxeiros máis ou menos ilustres. Están, como non, os que citas: La Biblia en España, de Borrow, na tradución de Azaña, de quen teño unha primeira que xa coñeces, Bell, certamente imprescindible... Volvendo ao conto, indicarei algúns máis para quen poidan ter interese: Viaje por España y Portugal (1494-1495) de Jerónimo Münzer , que peregrina a Santiago pola rota portuguesa e compara a bondade das augas quentes da miña querida Caldas de Reis coas de Baden-Baden (a edición que teño é de Polifemo, colección “El espejo navegante”); o Viage de Ambrosio de Morales, autocastrado alucinante da España do XVI que explorou (e “expoliou”) as bibliotecas relixiosas galegas, asturianas e leonesas para o Escorial – a cidade da cultura- de Felipe II ; o Viaxe por Galicia, do meu admirado Josep Pla, gastrónomo sutil, na colección Galicia no espello, de Galaxia; un curiosísimo e moi interesante Impresiones de un viaje por Galicia, de Federica Montseny, de Xaneiro de 1936, publicado polo Sindicato de Profesiones Varias de Betanzos, e que eu posúo en edición facsímil do Ateneu Libertário Ricardo Mella; a Viaxe a Galicia de Fr. Martín Sarmiento, en edición de J. L. Pensado ou, para ir xa rematando, as Pelerinaxes I de Otero con ilustracións de Risco, viaxe a San Andrés de Teixido, publicado por Nós en 1929. Como vexo que me estendo máis do debido, déixame rematar, fóra do espazo galaico, cos lembrado Viajes morrocotudos en busca del “Trifinus Melancólicus”, co que temos rido aínda bos anacos en tempos vida mol. Dúas derradeiras recomendacións, xa coa seriedade que requiren os autores: Viaje a Italia, de Goethe en Iberia, colección Los libros de Siete Leguas e Viage a Italia, este excelso, de Leandro Fernández de Moratín, en Espasa Calpe, Clásicos Castellanos.

juan l. blanco valdés dijo...

Gracias, querido Manolo, por compartir comigo e os asiduos deste local a túa inesgotable erudición, neste como en tantos outros temas, erudición que abofé colmará a solicitude de referencias que no comentario pasado facía De La Highway61. O periplo hispánico de Münzer, Hyeronimus Monetari na súa versión latina (Münze=moeda), coñézoo ben pois unha boa amiga alemana coa que compartín piso en Santiago (Sabina Quijano Burchardt) a quen tal vez lembres, adicou un dos traballos da súa tese a don Jerónimo e teño pasado moitas horas asesorándoa na súa edición e tradución.
Obrigado unha vez máis pola túa xenerosidade. Unha aperta.

Anónimo dijo...

Joder, con perdón. Un auténtico placer navegar por estes píxeles. Grazas pola información. Vou revisar a "bibliografía" porque hai cousas que me soan e outras menos.
Hai unha obra que non citan, inda que a coñecen de sobra, e que me parece singular, a de Jenaro Pérez Villaamil, que dibuxou o seu camiño por Galicia de 1849.
Moitas (normativas) grazas polas referencias.