Tras armala en varias ocasións coa expresión dos meus gustos ao respecto, medo me dá falar de música neste local. Pero, como me resulta imprescindible facelo, alá vai.
Eu a primeira vez que sentín os debuxos melódicos da "Primavera" de Vivaldi -frescos e xoguetóns como o rechouchío dun reiseñor- foi nunha Gibson Les Paul. Para facer honra á verdade, direi que herdei a miña melomanía militante de meu pai, malia diverxermos moito en gustos, non tanto no que a el lle gustaba e a min non (nomeadamente o bel canto), canto no que a min me gustaba e a el non. Neste último grupo estaba a música barroca, da que -xa xermánica, xa italiana- me declaro rendido devoto. Pero este foi -na súa ampla dimensión- un descubrimento tardío, aínda que sublimemente presentido no meu precoz contacto con Bach. Así é que a primeira vez que, como digo, escoitei nunha guitarra eléctrica o allegro de don Antonio veneciano -crego e libertino- eu non sabía nada del nin das súas quattro stagioni. Foi na televisión en branco e negro da casa familiar, andaría eu polos trece anos. O guitarrista era un fulano fraco, con aspecto de frade mendicante ou seminarista anémico, que atendía, logo o souben, por Antonio García de Diego. O resto do grupo que -na altura de 1974, nunha España na que aínda alentaba su excelencia- ousaba violar unha peza mestra da música clásica cunha interpretación tan ultramoderna e iconoclasta estaba formado por Mathias Sanvellian (violín e teclas); Christian Mellies (baixo) e Alain Richard (batería). Escoitar aquela versión de Vivaldi foi unha experiencia case mística, que me abriu ollos e oídos e modelou a miña sensibilidade cara a universos sonoros insospeitados, directamente relacionados co que deu en catalogarse como rock progresivo e sinfónico. Ao pouco merquei o disco, un LP dobre, chamado Ciclos, inzado de referencias esotéricas, evocacións estratosféricas e especulación cósmicas un pouco de guardarropía, todo hai que dicilo. Detrás de todo o proxecto, letras, composicións, dirección e produción, estaba Eduardo "Teddy" Bautista. Ciclos foi a última produción dos Canarios, que Bautista fundara dez anos atrás, un dos poucos grupos que soubo levar a posicións case políticas a súa inadaptación ao régimen, as súas melenas, o seu aspecto alternativo, a voz quebrada e os alaridos do seu líder. De feito, eu cheguei a Canarios da man dun fan do grupo, perdulario e borrachón, que había na vila, a quen aquilo de Free yourself lle ía como un queixo a un rato.
Hoxe, á luz de recentes noticias sobre as últimas andanzas de Teddy -en fin, do señor Bautista- volvín a escoitar o disco, mentres me entretiña en ler os textos do coidado booklet que acompaña o LP. Cada músico escribe unhas liñas de reflexión ou dedicatoria. O de Teddy di: Hijos del Universo. Anoche me asomé a un agujero que hay desde hace algún tiempo en mi futuro y llegó hasta mí la música de las esferas. Las armonías sutiles impregnaron mi ego y proyectaron mi fe en el entorno, haciendo de mí un panorama al servicio de mi generación.
Bueno. Supoño que podería poñerme patético, melancólico, indignado, moralista, crítico, triste, levemente enrabechado, frustrado, deprimido ou unha mestura de todo isto. Mesmo, á vista do devandito texto, podería poñerme ironicamente profético. Pero calquera destas posibilidades inspírame unha preguiza insalvable e o infinito fastío de incorrer nunha argumentación tan aburrida como inútil. Por iso, para rematar este post que, aínda que non o pareza, quere consagrarse a como manter o tipo nesta congostra fodida e revirada que é a vida, só se me ocorre un marabilloso adaxio popular: Hay que joderse.
(Na foto.: Teddy Bautista en Ciclos, 1974).
2 comentarios:
Non, los Canarios non, por favor,
No la liemos, que la liamos.
Publicar un comentario