12.7.11

Input / Output

O input: nunha mañán especialmente estresante e chea de compromisos dispares, unha chamada telefónica dalguén que se presenta como profesor dunha universidade nova, lonxana e sureña, quen, confusa e bastante atropeladamente ―e, por suposto, como é adoito nestes casos, dando por suposto que eu coñezo unha morea de información que, claro está, descoñezo― no prazo de corenta e cinco segundos me fala dunha obra en tres volumes, editada nos anos corenta e cincuenta, de autoría dun científico inxustamente esquecido; me fala tamén dunha rede tecnolóxica de ámbito nacional consagrada a certas liñas de investigación punteiras de última xeración, de lolast, vamos; partícipame igualmente o interese da filla do devandito investigador, na altura profesora dunha universidade capitalina, en dar ao prelo unha edición facsimilar dos tres tomazos cunha grea de suplementos; no breve lapso de tempo en que escoito e non falo, vento ―privilexios da experiencia― un labor inxente, complexísimo e do que, probablemente, como dicía a miña avoa diolateñanagloria non vou sacar ni lana pa una pelota. Cando o meu interlocutor detense a alentar, mecanicamente obrigado pola fisioloxía da respiración, meto baza e inquiro que raio verde ten que ver a miña universidade con toda a barafunda que se me vén de trasladar coa esperanza de poder negarme. O meu home cita un nome vencellado á miña querida alma mater e parte así mesmo do plan editorial, que, como corso con patente ou tisana en temperamento alterado, alisa as enrugas dun proxecto tan revirichado: en termos técnicos, un embolao.
O output: case dezoito meses despois, vimos de tirar do prelo, en colaboración coa Red Temática Nacional en Tecnologías de Computación Artificial/Natural (RTNAC), un volume de máis de 900 páxinas en tapa dura, que incorpora a reprodución facsimilar de tres volumes editados orixinalmente en 1945, 1950 e 1952 polo Instituto Ramón y Cajal do CSIC: Dinámica cerebral. La actividad cerebral en función de las condiciones dinámicas de la exitabilidad nerviosa; o seu autor, o neurocientífico Justo Gonzalo Rodríguez-Leal (1910-1986), que, no Madrid triste e gris dos corenta, experimentando cos feridos cerebrais da guerra civil, postulou unha teoría absolutamente inédita e radical no seu tempo sobre a dinámica da actividade cerebral e a integración sensorial, que é pioneira dos estudos que hoxe se realizan, por exemplo, na Harvard Medical School de Boston e noutros laboratorios mundiais que abordan a funcionalidade cortical.
Reflexión: o inxente, arduo, metódico e honestísimo labor dun investigador ―alguén mo calificou esta mañán de "heroe" e estou de acordo― a quen un réxime noxento non fixo máis ca poñer trabas, renace, como o fénix de cinzas nunca apagadas, ao conxuro da conciliación de intereses, da fluidez de entendemento e da sensibilidade dun grupo de persoas que, en graos distintos, poñen todo o seu coñecemento e entusiasmo en dar ao fénix as mellores galas. É nese momento, ao coller por vez primeira o volume que lle traen da imprenta, cando o editor, ollando o libro con arroubo paternal, pensa que, sen dúbida, pagou a pena. Sempre paga a pena.

No hay comentarios: