
Os maiores desaparecen e, con eles, os fíos que nos unen coas nosas orixes. Malia a escasísima distancia física entre Compostela e A Estrada (e o día que se remate a autovía será menor!), van desaparecendo tamén as pontes que me enlazan coa vila e os pretextos para voltar a ela. Amigos de outrora, familia que cambia, nenos que medran e se fan homes e mulleres… A vida que pasa e xira, o tempo que non para. Por iso, a miña colaboración co grupo da nosa querida revista é, subxectivamente, tan importante. A rolda de prensa na que onte presentamos a edición dixital foi para min un acto moi emotivo, de reencontro cos meus, de pertenza ao clan, con quen me unen vencellos de familia, de lembranzas e coñecementos comúns. Doutra parte, sinto un indisimulado orgullo de facer parte dunha comunidade humana que, en tempos de apretura e desánimo, atopa o xeito de reemprazar financiamento con convición, dificultades con fluidez de ideas e grandes alardes técnicos con intelixente aproveitamento. A vida conduciume inexorablemente (tíñao escrito no berce o día que nacín) polos camiños da cultura, pero por veces dáme un certo aquel non terme dedicado aos negocios ou a industria. Ao mellor era rico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario