9.9.10

Slow

Que cada estado xera o seu contrario é unha lei, non se biolóxica, química, física ou política, de comprobación incontestable. Que vivimos subxugados por unha dinámica alicerzada na obsesión pola rapidez e o máximo output co mínimo input, unha verdade non menos incontestable. Que tiña que xurdir en Occidente un movemento de opinión que reclamase botarmos o freo antes da ostia final era, como sinapse das constatacións devanditas, inevitable. Se o Slow Movement -que lidera entre outros vultos o xornalista canadiano Carl Honoré- rematará no grande sucesso doutros tantos movementos que no mundo foron (tal o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive ou a Cruzada pola Dignidade Mora, do amigo Ignatius J. Reilly), está por ver. De por parte, a lectura de Elogio de la lentitud. Un movimiento mundial desafía el culto a la velocidad (RBA, 2008), exercicio ao que consagrei deleitosos momentos estivais, deparoume moitos motivos para a reflexión e algúns argumentos de autoaplicación persoal, que quixera entender conducentes á miña inminente defección da IAPE (Irmandade do Agobio e o Permanente Estrés), á que, contra a miña vontade, pertenzo.
De certo, o tempo é un embutido de pelexo tan feble e no que queremos meter tal morea de cousas que, nun enlouquecedor feedback, convivimos de cotío cun fondo sentimento de ansiedade e coa frustración da constante insatisfacción (I can't get no... , lembra? e mire que ten tempo!). Todo é veloz, efémero, acumulativo, indiscriminado, sobreabundante, nada, apenas, deixa unha pegada sensible, unha lembranza notable: o cine, a roupa, os libros, a estética, a arte, as modas... todo xira e vira a unha tal velocidade que non somos quen de imaxinarlle raíces, de ancorarnos en algures para enxergar o panorama cun mínimo de calma e tempo. E, mentras, o tempo váisenos como area entre as mans.
Se ben se considera, e malia a miña involuntaria pertenza á Irmandade devandita, hai moito de movemento slow neste humilde furancho chamado Fragmentos da Galaxia (e iso que só souben da existencia certa daquel hai unhas semanas), ou iso pretendín dende a súa creación: un espazo para a reflexión serena, un convite ao pasmoneo e á deliciosa inutilidade de sermos improdutivos e pensar só polo feito de facelo ou de pasar o rato; unha convocatoria a seguir marabillándonos co canto dun paporrubio, co tremolar dun regato ou coa luz máxica dun solpor na Amaía.
Eu sanciono o meu bautizo no movemento Slow cunha expresión de nós, que nos últimos días, en momentos nos que a tiroides me ameaza con liberar un turbillón de adrenalina, repito con salmodiante, pero tranquilizadora, reiteración: a modiño, ho, a modiño.

3 comentarios:

paideleo dijo...

Ou como dimiña avoa:- A gusto, vai a gusto.

F. Míguez dijo...

Eu penso que cando dicimos «é que non teño tempo» queremos dicir, en realidade, algo así como «teño unha chea de cousas por facer e non as dou feito todas». Tal vez unha educación máis baseada na organización, na reflexión ANTES do inicio dunha tarefa... poderían ser alternativas.
Tal vez, unha crise de verdade, un colapso total da oferta, tamén sería unha volta ó tempo do tempo...
E non filosofeo máis, que vai mediada a tarde do sábado e aínda non fixen nada :D

Anónimo dijo...

O movemento Slow demóstrase andando. A modo, claro.