26.9.10

Minia

Eu teño para min que as grandes manifestacións de devoción relixiosa alicerzan en orixe en grandes situacións de desamparo, risco ou franca miseria. Esas adhesións fanáticas á improbable intercesión dunha figura de xeso ou madeira, ou aínda dun peroné descarnado custodiado nun tétrico tubo de vidro roñoso, responden, creo, ao medo ou desesperación fronte, por exemplo, á enfermidade, o mar proceloso e dotado de fatídicos caprichos ou o obstinado bullón de auga que, primavera tras primavera, derrama as colleitas. O medo, o desespero e a necesidade de imaxinar unha segura protección perante males que non podemos evitar son sentimentos universais e, polo mesmo, profundamente paganos, no sentido en que cada forma de ideoloxía relixiosa os acomoda a súa liturxia característica. No caso de Galicia, onde tanta romaría menudea, non invento eu nada novo cando aventuro que tras a Franqueira, os Milagros de Amil ou o santo, litoral e semisalvaxe, de Teixido hai un fondo, duro e atávico como as rochas dos cantís, de relixión natural, hoxe sacralizada por vía sacerdotal.
A romaría de Santa Minia, que ten lugar en Brión nestes fermosos días dun outono aínda mozo, convoca, baixo o palio beatífico dunha mártir romana, unha abigarrada multitude de fans da boa virxe, os ósos da cal foron dar á basílica de Pedrouzos por vía, máis ben, profana e casual. Dá o mesmo. Con esa capacidade de apropiarse das mixtificacións propia dos pobos cansos de sufrir, a santa é xa tan galega como o gaiteiro de Soutelo, ao punto de que moitas nenas da volta reciben na pía o nome de Minia (precioso nome, por certo).
Santa Minia é unha magnífica ocasión para o grato encontro cos amigos e a tradicional degustación do polbo e/ou o churrasco nas carpas instaladas ao efecto, e é de advertir que o polbo non sabe en ningures como no prato de madeira dos mestres Veloso, Guerra ou Mambís ("pulpo e viño do país"). Este ano, ademais, un incentivo resultoume especialmente grato e revelador: unha modesta exposición de fotografías de Manolo Blanco, titulada Exvotos para Minia, situada no denominado Espazo das Artes municipal. Unha trintena de fotografías que, se así se pode dicir, captan a alma dun pobo (e é moito dicir). Parabéns á iniciativa e aos organizadores. Dixen modesta exposición e refírome apenas aos aspectos loxísiticos da mesma. Porque é incrible a enorme dose de sublimidade e amor por unha cultura que se pode transmitir con tan poucos recursos. Non está mal lembralo en tempos en que todo semella sometido ao márquetin, o diñeiro e a tecnoloxía.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

E os curiñas a facer caixa, no canto de erradicar as supesticións.

juan l. blanco valdés dijo...

Home! De manual: a Dios rogando y con el mazo dando.