15.9.10

O humus inmóbil tanto tempo

Hai meses Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica, contactou coa miña familia co obxecto de poñer no noso coñecemento a súa intención de exhumar os restos de Roberto Blanco Torres, asasinado ás catro da mañá do día 2 de outubro de 1936. O cadáver de tío Roberto apareceu canda dous máis, os de Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, escribiente, e Eulogio Vázquez, de 43, ebanista, no punto denominado Corga da Videira, no km. 67 da carreteira de Ourense a Portugal, termo municipal de Entrimo. O infatigable labor de inquérito de Santi e os seus colaboradores deu, no goberno militar de Ferrol, co expediente número de orden 187, legajo 8 (para a Asociación a causa 251 Ourense), remitido á cidade departamental dende a cidade das Burgas, no que as circunstancias da morte dos tres infelices fican explicita e definitivamente establecidas a través dos detallados autos e dilixencias xudiciais de achado, inspección ocular, levantamento, autopsia -realizada polo médico forense don Ildefonso Santalices Pérez- e sepelio dos cadáveres. A autopsia de Roberto, escrita coa caligrafía caracteristica do pendolista, di:
-Cadáver de Roberto Blanco Torres-
Hábito externo: Se trata del cadáver de un hombre cuya edad oscila entre los 40 y los 44 años, de complexión robusta y talla regular. Presenta en la parte media del arco superciliar del lado iziquierdo una herida de arma de fuego corta, con orificio de salida en parte media del occipital; y otras dos del mismo carácter y forma en la zona subauricular del lado derecho.
Se practicó la apertura de cavidades iniciándose por la craneana. Apreciamos gran contenido de sangre y perforación de meninges con destrozo en masa encefálica en la parte recorrida por el proyectil.
Abierta cavidad torácico-abdominal, hemos podido observar la perforación del pulmón derecho en la parte superior y cierta cantidad de sangre contenida en esta cavidad.
Por lo que antecede se puede afirmar que la causa de su muerte fue originada por el proyectil que lesionó meninges y masa encefálica, siendo esta instantánea.
Polo visto, a práctica adoita nos paseos era que as vítimas baixaban do vehículo e os seus verdugos disparaban (case sempre cun Máuser) ao corpo, para impedir que fuxiran correndo (o tiro que Roberto ten no pulmón). Unha vez no chan, os remataban na cabeza, no caso de Roberto con tres disparos.
O pasado día 10 pola tarde, unha fermosa tarde de fogaxe e luz dourada, varios membros da miña familia trasladámonos ao cemiterio parroquial de San Fiz de Galez, en Entrimo, convocados polo grupo de Santi (tres arqueólogos profesionais incluídos), que ía escavar na ábsida da igrexa, onde, segundo a documentación detalla, foron soterrados os corpos. Describir o estado de intensa excitación emocional no que me atopaba non resulta doado. Nestas mesmas páxinas, un post meu referíase á memoria histórica e a dubidosa oportunidade de lexislar sobre materia tan esvaradía. Pero, como dixo Goethe, a teoría é gris e o mundo verde. Compartir a suor, respirar o po que a terra move, percibir o arrecendo do humus inmóbil durante tanto tempo, agardar o achado duns ósos que eventualmente permitirían pechar un ciclo aberto hai setenta e catro anos, consitúe un conxunto de sensacións dispares.
Despois dunha xornada enteira de escavación, os restos non apareceron. Con certeza, na seguridade de que ninguén os ia reclamar nunca, foron retirados para aloxar cadáveres máis recentes, que si apareceron. Non disimularei a nosa decepción, pois proxectabamos conducir os restos de Roberto canda os da súa muller, Julia, soterrada na Peroxa, cabo de Ourense (faleceu en 1966), nun acto familiar no que, a través da declamación dalgúns poemas, queriamos transmitir aos moitos nenos e mozos actuais da nosa prole o sentido da integridade e rigor que guiaron a vida de Roberto, o seu devanceiro. Non puido ser así. Saiba Deus onde foron parar os seus maltreitos ósos.
Nestas liñas quero deixar apenas constancia da nosa infinita gratitude e recoñecemento á estatura ética de Santi e o grupo, ao seu bo facer profesional, a súa cercanía en mester tan delicado, pois non buscan precisamente ánforas gregas. De por parte, na viaxe de volta cismaba eu en que son momentos como os vividos esa tarde os que se acubillan nos recantos máis túzaros da lembranza para se reiterar, consonte pasa o tempo, coa luz máis intensa da vida, a mesma vida que a Roberto lle furtaron cando tiña seis anos menos dos que eu teño agora.

5 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Amigo Juan:
Este é un post para non esquecer nunca. Farei o posible para que tampouco a memoria desta súa memoria desfalleza.
Unha forte aperta.

juan l. blanco valdés dijo...

Innúmeras grazas e apertas a moreas, caro Arume.

r.r. dijo...

Suscribo o do señor Arumes. Abrazos.

Anónimo dijo...

Grande labor. Darlle o seu sitio aos mortos é débeda de humanidade.

Saúdos

juan l. blanco valdés dijo...

Fondamente obrigado, amigos r.r. e anónimo/a, ao seu grato recoñecemento. Apertas.