Unha crise de proporcións bíblicas e con toda a pinta de seguir aquí e seguir medrando ten acantonado contra as cordas á clase política, que vive en xeral en Occidente momentos moi baixos, incapaz de respostar unha pregunta que é un clamor, unha pregunta dotada desa sublime sinxeleza característica dos tolos, os nenos e os desesperados: para que serven os políticos? Se non só capaces de nos tirar desta situación de postración senón que, aínda, todas as trazas sinalan que a isto chegamos por unha desastrosa xestión dos recursos, cando todos os indicadores indicaban -que é o teñen que facer, por certo, os indicadores- un final calamitoso a tantos anos de derroche, como xustificar soldos millonarios e una vida chea de glamur e os meles da fama?
Eu teño a sensación de que a política é unha carreira, como as das estrelas do cine ou a música, pero, contrariamente a estas, a carreira dos políticos chega un momento en que mellor canto máis anonimamente se desenvolva. Xa saben, o caso é non perder comba. Ter noticia de que certa exministra socialista, con serias dificultades para o recto uso da linguaxe articulada e que gañou a pulso o galardón dunha impericia ilimitada, continúa unha fulgurante, malia por fortuna semianónima, carreira política cunha nómina de 22 000 euros mensuais, non contribúe precisamente a acreditar, nunha conxuntura crítica para moitos cidadáns, a unha bizarra caste de semiprofesionais na que os emolumentos semellan valorarse de xeito inversamente proporcional aos seus méritos e capacidades.
5 comentarios:
Haber haille moitas cousas, Sr. Valdés.
Por exemplo: na Coz de onte (ou antonte) sinalabase que o orzamento da Xunta baixaba ao mesmo nivel que o do 2007. Do 2007! Pero se no 2007 atabamos aos cans con androias! Tirabamos os cartos! E agora resulta que non chega a nada. Inda máis: coa diferencia de orzamento entre o 2007 e hoxe, páganse 4 consellerías! Incrible! Os cartos entre 2007 e hoxe aumentaron como para pagar catro consellerías.
Eu só vexo dúas posibilidades: ou alguén minte ou alguén está a contar mentiras.
Os políticos son como o rei Midas, pero ó revés: todo canto tocan convérteno en m...
Non sei ata cando poderemos demorar a nosa emancipación respecto deles, máis que nada porque iso é una tarefa cívica cuxa protagonista en Galicia, a sociedade civil -fóra festas gastronómicas, antroidos promotores da diglosia, confrarías relixiosas e asimilados- "ni está ni se le espera".
Desfrutemos do verán, que é o que nos queda.
Si, pero eu me pregunto: non hai alternativa? isto é a democracia? pasar cada catro anos polas urnas para asegurar un sabrosísimo caldo a unha panda de inútiles manifestos? e, mentras, mirando todo dende a barreira?
Ai, amighiño... meta vostede nun recipiente un grupo de personas non moi amigas da lectura, agregue grandes doses de mercado (en cantidade dabondo para que sobrancee todos os aspectos das nosas vidiñas, mesmo a privada), outras non menores de simpática partitocracia paternalista (feliz invento derivado da famosa fórmula do "atado y bien atado" daqueloutro chef), adubíe todo cunhas pingas de berlusconina e futbolato, este último a esgalla. Remexa todo ben e déixeo que vaia levedando durante anos ou décadas.
Velaí ten a resposta, ou a súa receita.
Non, se a receita é de aúpa... E o peor é que ten vostede toda a razón. Ben sabido é que os optimistas somos os pesimistas mal informados. En fin...
Publicar un comentario