
A ausencia de imaxinación, derivada cun escaso desenvolvemento do hemisferio cerebral dereito, relaciónase, aínda, con outras moitas manifestacións da vida moderna. A nulidade de moita xente para o humor e, mesmo, para a captación dos máis elementais dobres sentidos e xogos de palabras é algo que sempre me chamou a atención. Existe un testemuño social moi concreto desta incapacidade para o desenvolvemento, digamos, lírico das actividades humanas. Antes, os negocios tiñan nomes sonoros e suxeridores: había en Ferrol unha zapataría co fermoso nome de La regeneración del calzado. Chamar O velocípedo a unha tenda de bicicletas, Espumosos Ovidio a unha humilde factoría de gasosas, Elviriña a unha pequena mercería, La caridad a unha panadaría, La casa del fumador a un estanco ou O ben me sabe a unha pastelaría, parécenme eleccións sublimes e cheas de amor ao oficio.Por contra, a nomeada tendencia patria ao acrónimo produce especimes espeluznantes: Riperfer, Macoyma, Construgal, Rodrifer, Fonelec… cantan de tal maneira aos seus correspondentes desenvolvementos léxicos (Ricardo Pérez Fernández, Manuel Costoya y Mato, etc.), que deixan pouco espazo ao maxín. Algúns como a famosa taberna baionesa Jakeyvi ("Jamón, Queso y Vino") son pezas xa antolóxicas. Outras como Pavoroso ("Pavimentos Oroso", caso real) inclasificables.
Boa finde!!
3 comentarios:
A parrillada San Lorenzo tampouco ten prezo. Hai quen sostén que viu unha parrillada Hiroshima, pero resulta difícil de crer.
Jo, Arume, o de Parrillada San Lorenzo ten delito!
Está a cinematográfica "Ortopedias El Recambio", rexentada por J. L. López Vázquez. E hai tamén unha mítica clínica de cirurxía estética "Santa Ágata". Ver para crer.
Publicar un comentario