28.7.10

Gazpacho

Eu, que vivo na miña na pel de español sen complexo nin reserva algunha, confeso que colguei durante semanas unha bandeira española no balcón e sentín unha gran emoción cando a selección nacional de fútbol gañou a copa do mundo. Hei de dicir que, a respecto do fútbol, son o que tecnicamente se coñece como un paquete, que mal distingo un fóra de xogo e que, de catro veces que penso que é falta, non o é. É dicir, non son precisamente un connaisseur. Pero tampouco teño nin puta de tenis e encántame que gañe Wimbledon un tipo de Manacor (por certo, fermosísima vila). Porque algo debe haber en Manacor de común con Brión, onde habito. Por exemplo supoño que nos bares de Manacor se xoga ao subastado coa baraja española, o entrañable naipe opaco marfil, esmeradamente fabricado dende hai moitos anos por Heraclio Fournier, Vitoria. Que da capital de Euskadi teña saído un dos símbolos máis prístinos e inequívocos de España non deixa de ter a súa coña. Porque nisto dos símbolos, tan traído e levado nos días últimos coa eclosión de enseñas rojigualdas, todo é segundo e como. O símbolo é, de seu, convencional, une unha parte significante a outra parte significada en virtude dun acordo social: o branco é a cor do loito para os chineses, e que a pomba sexa símbolo da paz ou o corazón do amor non deixa de ser máis lóxico ca que o fose unha pega ou o fígado. Outra cousa son aqueles elementos que, alén de convencións máis ou menos puntuais, acadan, co paso do tempo, un valor simbólico fronte ao que ninguén reaxe, pois sería absurdo reaxir. Eu creo que aínda máis ca a bandeira -tan deostada pola esquerda e os nacionalismos periféricos tras corenta anos de ditadura e matraca nacionalista (española)-, a tortilla de pataca con l.t.s. (leituja, tomate, sebola), a ensaladilla con bistés empanados (agora rebautizados milanesas), o tute subsatado, as verbenas, o tinto con jaseosa (agora rebautizado tinto de verano), Hazañas Bélicas de Boixcar, as bolas de chicle bubble-gum, las cañitas del viernes ou a baraxa de don Heraclio son elementos culturais dun poder simbólico que ninguén discute e todo o mundo acepta, en Brión e en Manacor. Porque definen un estilo de vida específico, e, por certo, moi agradable. Coincido plenamente co spot dunha coñecida marca de gazpacho: No hay verano como el nuestro. Iso é sabedoría.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu podería estar de acordo con vostede, pero non o estou. Verá. Nunca disfrutei tanto Wimbledon como cando gañaba (ou simplemente xogaba) McEnroe, que non é nin de Manacor nin de Brión, non sei xogar ao subastado, dáme igual que as cartas as fagan en Vitoria como en Santiago, non me gustan nin a l.t.s. nin moito menos os filetes (na miña casa nunca foron bistés) empanados, nin o viño con gaseosa, e nunca restrinxiría as cañas ao venres.
Quero dicir que non existe(n) ese(s) estilo(s) de vida específico(s), nin en España nin en Francia nin en Galicia: non é máis ca unha imaxe (como a bandeira, o touro de Osborne ou a Moreneta) que funciona perfectamente no ámbito do (case diría que "a nivel de") marquetin e da publicidade (no hay verano como el nuestro, vivamos como galegos), como vostede ben indica, algo que os nosos políticos nacionalistas (de acó e de acolá) saben perfectamente e explotan todo canto poden.

juan l. blanco valdés dijo...

Permítame, amigo anónimo, voltar por pasiva o seu razoamento: eses estilos de vida si existen, en España, en Francia, en Galicia (e en Noruega, Australia e Xapón). Eses estilos de vida (unidos a moitas cousas máis) son partes definitorias do que chamamos cultura, que é, como Vde. me ensina, un concepto maliño de definir pero que todo o mundo percibe. Verbo da utilización que os políticos fan destes elementos, a min, literalmente, tráema ao pairo. Vexa, como magnífico exemplo, a que organizaron en Cataluña coa prohibición da "festa nacional". Alá eles e quen os vota/bota. Apertas.

Rubicho de Katanga dijo...

Eu suxiro o visionado do seguinte vídeo mentres argallo unha resposta para este fremoso post:

http://www.youtube.com/watch?v=wbEYlV2XH4k

Anónimo dijo...

Pode que existan eses estilos de vida, non digo que non, o que digo é que non son nin específicos nin moito menos universais (falamos dentro deses territorios que vostede nomea). Non todo o mundo participa deses estilos de vida específicos. Apostaría a que nin unha maioría participa deles. Nin a maioría.
Que sexa prácticamente imposible ver en Glasgow unha sobremesa con café, Torres 10, palillo entre os dentes, subastado e, por suposto, siesta, non quere dicir que vaia atopar na Coruña, por exemplo, ao 95% da poboación nesa disposición hoxe ás 5 da tarde. De feito, a siesta, ese ben nacional, séntalle mal a maioría de xente que eu coñezo (a min non, que conste).
Non se pode tomar a parte polo todo. Non se pode tomar como feito diferencial o que non é máis que pura anécdota. E moito menos se pode montar todo un entramado político (ese que lle trae ao pairo) baseándose na estraña capacidade (biolóxica? tribal?) que temos para sentirnos identificacos cun tipo de Manacor (ou de Zas) ao que non coñecemos de nada, e desexar con tódalas nosas forzas que lle gañe a un Suizo ao que tampouco coñecemos de nada, pero que é suizo, o cal debe ser algo terrible, peor case que ser francés. E o de sentir a vitoria como propia... iso xa é para nota.
A vostede traino ao pairo, pero conste que a cantidade de xente que ten morto empurrada por semellante sentemento excitado polos políticos de quenda (aos que por certo, o asunto si que lles trae ao pairo de verdade), é incontable. E non me quero poñer serio, que case é agosto.

Anónimo dijo...

Arre carayo tanto politiqueo aqui nin dios vota en branco e o unico correcto,nacionalistas manga raños pra logo non utilizalos ,o pesoe rouba patacas raños e terras igual co pp, insignas de merda as estrelas as falanjes son o mesmo espon as tuas ideas non as fagas cumprir son medio gimaro medio hirmandiño

Rubicho (aínda guarismando guan answer) dijo...

http://www.youtube.com/watch?v=rr5SFhGPIjk

Anónimo dijo...

Un post que fede a ultranacionalismo. Pero xa se sabe, os nacionalistas son sempre os outros.

juan l. blanco valdés dijo...

Joder coa política! Pero non hai maneira de propoñer unha reflexión sobre nada que non cheire a política para alguén? Ou ben, será que, ene fecto, son un ultra (e mira que me teñen chamado cousas na vida). En fin, vivir para ver (e ler).

Anónimo dijo...

Home, os ultras (os nacionalistas e quen sexa) son gilipollas e descerebrados, cousas que non se poden aplicar ao amigo Valdés, diga quen o diga.
E unha vez máis, hai que ser sempre respectuoso, e á hora de insultar hai que dar a cara.
É unha mágoa rematar a historia como el rosario de la aurora co fácil que é estar calado.

Anónimo dijo...

Home, o outro ghichiño fala do post, non de quen o escribe. Pero vaia.

juan l. blanco valdés dijo...

Non, se, por min, e dentro do respecto ás persoas, alá cada quen. O que si me gustaría establecer é que, do meu punto de vista, e superando (ou intentando superar) vellos traumas e pantasmas, non toda lectura integradora e progresista de España (ao estilo da que practicaron as xeracións do 98 e o 27 e a II República) ten por que ser unha sombra da ditadura nin ten por que cheirar a PP. Iso si é política (e da máis barata e, creo, carente de intelixencia, por certo).