22.7.10

Creatividade lingüística

Coa súa mordacidade irrepetible, Perich deixou dito que a universalidade do esperanto reflectíase claramente en que era un idioma que ninguén coñecía no universo. Dotar artificialmente á humanidade dunha koiné ou lingua franca, capaz de conxurar o atroz castigo bíblico de Babel, é, penso eu, un intento xerminalmente chamado ao máis estrepitoso fracaso (con todos os meus respectos para Mr. Zamenhof e tanto benemérito e animoso esperantista como no mundo hai). Outra cousa é que, acó e aló, con máis ou menos fortuna, sempre teña habido quen, como entretemento maiormente, se dedicara á invención de linguaxes, actividade á que sempre fun especialmente sensible, e non só como espectador senón tamén como inventor activo. Recordo ter trazado, por volta dos meus dez ou once anos, o plano dunha megalópole futurista e tecnolóxica, na que a xente vivía demenciada polo estrés urbano, á que bauticei Neuroburg. Orixinal que é un.
Na memoria de todos está, supoño, aquela mélange chocarreira que falaban na Syldavia e Borduria dos Tintíns, con resabios eslávicos: Vengya kon nosz on gendarmaskaia. O suahili de pega das pelis de Weissmüller -o tarzán teutón- era outra especialidade: Ankawa; Pachi, pachi ou Yuyu son expresións que, con todo merecemento, fan parte do noso imaxinario colectivo. Os pastiches de romanos, espartanos, exipcios, mesopotámicos e outras culturas aínda máis enigmáticas, das sesións de infantil da miña nenez, dos que Maciste constituíuse en paradigma, facían permanente gala desta, por veces ben torpe, habilidade.
Sesión das catro, un domingo no Teatro Principal da Estrada, poñamos que por volta do 68 ou 69. A peli, hispano-italiana, ía dunha abigarrada civilización de mulleres amazonas, que "cantaban" a rimel e cruzado magico de Playtex a cen metros. As gichas falaban un idioma que quería soar impresionante pero a cousa era tan pataqueira que xa o balbordo infantil comprometía seriamente a correcta audición do filme, e ben pouco, por certo, se perdía. Mais, nun momento dado, a raíña das tipas vai practicar un sacrificio cruento cunha amazona inimiga. Aí a peña foi acougando, porque xa se sabe que se hai sangue hai acougo. Como aperitivo á inmolación da vítima, a raíña pide á bruxa da tribo que sacrifique unha enorme serpe, que lle ofrece nunha especie de gran bandexa. Se xa a peli proporcionaba a tan selecto público pouca credibilidade, no silencio expectante da escena, o que saíu da boca da raíña amazona foi o inicio dunha apocalipse poucas veces verificada naquel establecemento. Literalmente dixo:
-Méteanakona.
Crin que viña o cine abaixo.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Poderíase considerar a "méteanacona" como un "falso amigo"?
Outra cousa: non me dará o disgusto de dicirme que ankawa (Chita) ou yu-yu (bwana) non é suahili auténtico, non si? Mire que non lle volvo polo garito en meses.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, yuyu e ankawa deben ser swahili (máis ou menos) auténtico. Ora, cando falaba a negritude nativa, xa teño eu as miñas dúbidas de se o director non pasaría de todo...

paideleo dijo...

Mui bo !.

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, Pai. Celebro que lle gustase.