2.6.10

Os malos da película

Seguindo tradicións clásicas, os filósofos e teólogos medievais diferenciaban, en toda magnitude racional, as essentiae dos accidentes. Aquelas son fixas, inmanentes; estes mutables, resultado dunha determinada conxunción de circunstancias. É o consolo que nos queda. Para min, a fermosa paisaxe da Amaía, coa que, cal beneficiosísimo bálsamo, agasallo á miña maltreita psique sempre que podo a base de gratos paseos é unha doce e reparadora essentia. Se, en troques, penso no vai e vén ao que me somete un goberno que, como a veleidosa donna operística, muta di accento e di pensiero dun día para o outro, penétrame a angustia derivada de ser vítima dun accidens, que máis ca un accidente é un ostiazo de moitos pares de estralos. Será o meu miserable 5% de desconto no soldo de funcionario a palinxenesia que precisa un país con milleiros de coches oficiais, 8000 concellos, lexións de asesores, decenas de gobernos autónomos, universidades, parlamentos, conselleiros, directores xerais, subdirectores, secretarios xerais técnicos, viaxes e francachelas millonarias? Isto é a estructura do país, e, de verdade, eu non teño grandes esperanzas en que, no statu quo de 2010, toda esta insensatez teña remedio.
Que fermosa é a Amaía en primavera! Rebenta de luz, verde e cor de rosas.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Da Amaía dicía Otero Pedrayo que é unha síntese de Galicia enteira.. Dos laios e choros dos funcionarios pola rebaixa do soldo prefiro non entrar en detalles porque igual me embalo.

Anónimo dijo...

Da Amaía dicía Otero Pedrayo que é unha síntese de Galicia enteira.. Dos laios e choros dos funcionarios pola rebaixa do soldo prefiro non entrar en detalles porque igual me embalo.

Anónimo dijo...

Impresionante análise, compañeiro Valdés. Calquera día vai convidado ao programa/progromo de Carlos Luis. Non desespere.

Ana Bande dijo...

Eu non confío nin nos teólogos nin nos filósofos, e menos nos medievais, non son referentes esas épocas tan negras nas que só tiña voz un poderoso fronte ao 99 restante que morría escorregando a sudor e o sangue logo de poñer unha pedriña máis de calquera igrexa ou casa petrucial. Aínda así, vexo por onde vai e concordo con vostede,desgraciadamente claro, pero a causa de tantas moreas de merda, que diría o poeta élle moito mais prosaica, é un defecto incorrixible, polo de agora, de calquer intendo de organización social medianamente aceptable e xusto. E como hoxe estou un pouco picajosa, amigo fragmentos critícolle un pouco o post ese...aiiiiii....emprego do feminino para denotar veleidades, e para equilibrar a cousa ocórrese recomendarlle un precioso libro de Erika De Bornay. Bersos e avarzos!

juan l. blanco valdés dijo...

Quen é Carlos Luis? Con tantas confianzas, non se entera dun de nada. Celebro, polo demais, que lle gustase a análise. Apertas.
O da donna operística, cara Ana, é unha licenza que acaía ben ao símil. Ao mellor é que son un inxenuo.

Anónimo dijo...

Eu coido, Sr. Valdés, que os funcionarios sobreviviremos a este recorte. Como di vostede moi acertadamente, trátase dun "accidente".
En canto ao dos cargos, asesores, francachelas, etc, etc, etc... moito me temo que son "esencia", e non de perfumería precisamente, senón do sistema. Mellor nos iría se nos dera xa hai ben anos por tratar seriamente de cambiar ese sistema en vez de acordarnos, unha vez máis, de Santa Bárbara en plena treboada.
Pero claro, como xa hai ben tempo que aos funcionarios (e ao resto de traballadores por conta allea, coidado) o sistema nos convenceu de que eramos clase media, cando non media-alta, pois así andamos, alporizados polo "accidente" despois de contemporizar de moi boa gana (rosmando, iso si) coa "esencia".

juan l. blanco valdés dijo...

O de esencia e non de perfumaría precisamente é unha brincadeira da que fico automaticamente enamorado. En efecto, como en Elsinor, algo fede ultimamente por aquí.