2.11.09

To read or not to read

Hoxe presentouse en Compostela o Libro de estilo do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, acto ao que fun xentilmente convidado. Un fermoso obxecto editorial que reflicte, toda a potencialidade e madureza dun sector -gráfico e editorial- que, dende moitos puntos de vista, está en condicións de competir co máis selecto de Europa, e ao que me honro en pertencer. Como en actos desta natureza, saúdase a xentes da profesión das que había meses que non sabiamos, retómanse interesantes contactos e compártese café con persoas que sempre teñen algo novo ou suxestivo que contar. No momento de saudar ao xerente do clúster, o meu tocaio Juan Penas, e rexoubando de xeito un pouco epidérmico, xusto antes de dar comezo o acto, sobre as urxencias que o e-book semella estar metendo en todo o sector editorial, comentábame Juan que, ao cabo, a base do problema é que a xente le pouco ou moi pouco, e poñíame un exemplo que me pareceu moi significativo. Eu mesmo podo dar fe de que teño un fillo de once anos que le pouco ou moi pouco. E non se poderá dicir que a causa está en non ter un estímulo lector na casa. De feito, se sobrepoño o ambiente absolutamente privilexiado deste neno para chegar a ser un lector empedernido cos resultados reais empáñame unha sensación de pesimismo sobre o futuro da lectura. Penso, claro, nos centos de miles de fogares onde o máis parecido que hai a un libro é o listín dos teléfonos. Disney Channel, internet, nintendo, PS, wii, móbiles... unha monstruosa oferta de lecer a base da consabida artillaría tecnolóxica.
Isto é o que hai: o 31,4% dos españolitos non len nunca; o 14% case nunca, o cal dá unha porcentaxe de non lectores para 2008 do 45,4% (47,4% en Galicia). A utilización de internet para ler libros ou descargar literatura apenas chegar ao 10'5% (fronte ao 56,7% de utilización para ler xornais ou revistas dixitais). Fronte a esta indixencia lectora, a máis paradoxal indixestión editorial: en 2007 editáronse 70.520 títulos, que, cunha media de tiraxe superior aos 5000 exemplares, arroxa unha cifra total de exemplares producidos abafante: 357.560.000, dos cales, por certo, 107.300.000 exemplares non vendidos no mesmo ano de edición teñen moi boas perspectivas de se converteren, no mellor dos casos, en carne de feira do libro antigo e de ocasión (nalgunha destas teño eu visto libros editados por min hai dous ou tres anos) e, no peor, en papelote para reciclar.
É xusto neste contexto cando un, con todos os ases na man, se pregunta qué carallo é que vai resolver un cachivache como o lector de e-book, que serve exclusivamente para algo tan -vistos os datos- apaixonante como ler.
Consulte: Barómetro 2008 sobre hábitos de lectura; Informe 2007 sobre o sector editorial español.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Esta si que é boa.
Dicía Elvira Lindo hai algún tempo que os nenos non len porque non se aburren. Lembraba que as súas primeiras lecturas foran todas froito de solitarias tardes de verán, coa casa chea de adultos en plena siesta e cos nenos agochados (cada un na súa casa) todos do brutal sol castelán.
Recoñecía así im-/explicitamente que a lectura, como vostede di, non é unha actividade apaixoante, nin lúdico-festiva, a lo menos de principio. Estou de acordo.
Pero a cuestión ten que ser moito máis complexa. Eu teño dúas nenas. Unha delas é unha lectora compulsiva (non me fai moita gracia dicilo así, pero é un feito). Ten amigas, tele, nintendo, pai, nai, unha praza á porta da casa... Pero en canto te despistas, está lendo. Se non ten outra cousa a man, tanto le un prospecto como os ingredientes da caixa dos cereais. Teño outra que non le máis que cando non queda absolutamente ningún outro remedio, e inda así moitas veces prefire sentar no sofá mirando ao infinito que coller un libro. Por qué? A min que mo expliquen.

juan l. blanco valdés dijo...

Non ten explicación, supoño. Sabidas son as enormes diferenzas entre irmáns sometidos a idénticos influxos familiares, de ambiente, educación... E isto conducel tal vez, a unha suxestiva interrogante: que é un lector e como se forma? Non é un lector o que devora manuais de autoaxuda ou revistas como Qué me dices? (non sei se existe exactamente con ese título). Ou é a categoría xenérica lector se fai sobre libros dignos (e entón establecemos xerarquías nos materiais textuais). Eu lembro, de miña época do bacharelato, auténticos bibliófobos, do tipo dos que en clase de historia respostaban La torre del Oro cando a filmina amosaba un tzigurat babilónico, que eran fanáticos lectores de Lafuente Estefanía.Non eran lectores?

Anónimo dijo...

Certo. Eu sempre digo que hai tempo que non leo, para acabar aclarando que non leo literatura (ficción para ser menos exacto). Ler é ler literatura, iso está claro, e certa literatura ademais. Ten vostede razón. Será algo así como a diferencia entre escribir e ser escritor. Digo eu.