6.5.09

Google e os romanos

Di o sabio que ninguén coñece a fin de todos os camiños. Se xulgo o que a evolución tecnolóxica nos depara comparando o que podiamos imaxinar hai vinte anos e o que hoxe é realidade, comezo a suar frío. Lembran a Gates dicindo a comezos dos oitenta que 640 Kbytes deberan ser suficientes para calquera? En todo este proceso, como en todo proceso, houbo evolucións inesperadas, casualidades e afortunadas sinerxias. Cando eu sentín falar por vez primeira de Google -supoño que irá para dez ou doce anos- era un simple buscador máis, como yahoo, altavista ou lycos. Hoxe -tal como xa mantiven nestas páxinas en varias ocasións (unha, dúas, tres)- Google é a rede ou a rede é Google, que vén ser o mesmo, o cal non é produto dunha estratexia conscientemente dirixida a instituír un monopolio con malas artes (como, volvendo a Mr Gates, quixo facer MicroSoft co seu navegador Explorer en Windows, ata que a lei lle dixo que nones), senón consecuencia dun prestixio adquirido a base de pura eficiencia e funcionamento implecable. Nestes días fálase moito da posición de monopolio de Google co seu buscador de libros e andan certas sociedades de xestión moi alporizadas por estar, polo visto, Google conculcando dereitos de autor e propiedade intelectual. Permítanme un símil sobre a posición de monopolio de Google: se hoxe media Europa fala idiomas derivados do latín non é por unha posición de monopolio de Roma hai vinte séculos, senón porque a xente, xa daquela, non era parva. Ninguén discute o espírito expansionista da pequena comunidade nacida no Lacio e que para unha expansión tal o método de conquista esixido era, de entrada, manu militari, pois a ninguén lle gusta que o conquisten (non sendo no terreo amoroso...). Pero logo da conquista viñan cidades, acuedutos, vías, obras hidráulicas, pontes, dinamización do comercio, educación, servizos... Ao cabo, como máxima expresión de simbiose, os pobos conquistados foron adoptando a lingua dos conquistadores pois estes gañaban a aqueles polo prestixio, pola pura eficiencia, polas enormes posibilidades de vida que o seu sistema ofrecía.
Creo que seguir teimando nesta absurda suspicacia sobre o pretendido monopolio de Google non conduce a ningures e é querer poñerlle cercas ao vento. Só ve fantasmas quen cre neles.

7 comentarios:

cãosemdono dijo...

Non son historiador, pero ás toas non estou moito dacordo coa tese da romanización manu militari. Certo é que os romanos non coñecían aínda as teses de Clausewitz, pero sí sabían sobradamente que a guerra é a continuación da política por outros medios non convencionais. Se cadra as tesera hospitalitatis (creo lembrar que se escribe así), taboíñas onde se consignaban os pactos entre os romanos e os aboríxes, son boa proba (material) disa concepción global dun xeito de expansión imperialista que alternaba habilidosamente o pao e a cenoura, o pactismo contumaz, o acercamento (ou compra directa) das vontades das elites e, chegado o caso, o enfrontamento militar. Asímesmo, as lexións tamén encadraban un forte continxente de tropas auxiliares vernáculas...

E agora que caio: iso do pao e a cenoura, a compra selectiva de vontades e o esmagamento sen piedade do contrincante nos casos extremos..., non é como se constrúen os monopolios económicos? E máis aínda, non será así como se escribe a historia?

Anónimo dijo...

Eu non acabo de ver o parecido entre google e os romanos, pero en fin.
Quere dicir vostede, supoño, que a xente recoñece e acepta por si as cousas boas, que lle facilitan a vida, que a melloran... É posible. A Coca-Cola é o líquido gaseoso máis bendido do mundo porque está riquísimo, independentemente da publicidade? O MacDonald? A comida italiana? Os pantalóns vaqueiros? O blues?
Como ve, os exemplos veñen todos dos EEUU (incluída a comida italiana). A pregunta sería: a cultura (imos chamala así para entendernos) estadounidense é potente porque é estadounidense ou os EEUU son potentes porque a súa cultura é potente? Pódese cambiar estadounidense e EEUU por romana e Roma. A pregunta é a mesma.
A cousa é moi difícil e complexa.
PD: a romanización non foi (no é) cousa só dos romanos. Durou moito máis ca o Imperio e inda dura hoxe. No camiño, os romanos foron fondamente "barbarizados", ata o punto de diluirse (que non de desaparecer) na súa propia romanización.

juan l. blanco valdés dijo...

Ben sei, amigos, que a cousa e moito máis complexa do que o meu breve post formula. Pero -como é adoito nos meus fragmentos- as razóns de espazo pero tamén un estilo, digamos, peculiar determina visións moi panorámicas, que pretenden ser, máis que o pé para unha prolixa disquisición teórica (e o sesudo debate subseguinte), unha imaxe, un mero símil -sequera válido nalgunha das partes do material comparado, aínda que poidan -como parece ser o caso- outras que non encaixan.
De todos os xeitos, un par de apuntamentos:
-unha pequenísima corrección, amigo caosemdono, á súa erudita e acaída exposición: tessera é con dou eses.
-home, amigo, anónimo, comparar Google coa coca-cola, os McDonalds e pizza-hut si é deixar bastante lastre polo camiño, penso eu. Ora, que fai parte tamén do american way of life que o planeta ten adoptado dende hai ben anos, aí si ten toda a razón.
Apertas.

Anónimo dijo...

As comparacións son todas odiosas. Pretendía suliñar o que (creo que) vostede quería dicir: que hai cousas que a xente acepta porque son beneficiosas e lle facilitan ou fan máis agradable a vida: o xeito de vida romano, que vostede apunta, e o xeito de vida "made in usa", que eu apunto.
Deixaba tamén unha pregunta no aire: era bo porque era romano ou era romano porque era bo?

cãosemdono dijo...

Anónimo: algo terá a auga cando a bendicen, e por eso os aboríxes perdían o cú pola concesión da cidadanía romana.

Anónimo dijo...

Coido que iso é no que estamos de acordo os tres.
Lembran aquela mítica escena da Vida de Brian na que o líder da Unión do Pobo Xudeo preguntaba retóricamente á asemblea qué carallo traeran os romanos a Palestina? Pois iso.

Anónimo dijo...

Isto é ao que me refiro: http://www.youtube.com/watch?v=kOJZOaTihqY