17.5.09

Soraya& Ramón

Supoño que, segundo quen e por moi diferentes razóns, hoxe se falará moito de Soraya e de Ramón Piñeiro, estraña parella onde as haxa. De Soraya, á parte de que é unha real moza, que o verán pasado que ceaba eu en Vimianzo unha estraordinaria pescada, ela cantaba na verbena próxima e que onte fixo o ridi ―miña pobre― en Moscova, non podo dicir moito. De don Ramón teño ―ademais de toda a colección do vello Grial que el co-fundou e dous libros de páxinas amarelas da biblioteca paterna: La saudade, en colaboración, Galaxia MCMLIII e A Lingoaxe e as lingoas, Discurso lido o día 25 de novembro de 1967 na súa recepción pública na RAG, 1967― unha lembranza concreta: había unha conferencia de certo catedrático de Filoloxía románica na facultade nos meus primeiros anos de estudos. A aula, a máis grande da pequena facultade de Mazarelos de entón, de pupitres incómodos, apenas daba capacidade para o xentío que se xuntou. Entre o público eu recoñecín a Piñeiro. Estaba sentado nun extremo da ringleira de pupitres, só, con aquelas súas gafas de pasta grosa e cristais tan graduados que lle deformaban os ollos. Estrañoume ver, sabendo eu o que sabía da dimensión do personaxe, que ninguén parecía facerlle caso. Ao que rematou a conferencia vin que marchaba só, sen saudar a ninguén. Pode que coincidira non coñecer el aos circunstantes, pero me estraña. Deume a impresión dun home triste e reconcentrado en si mesmo. Ao mellor para entón -comezos dos oitenta- xa estaba enfermo. Creo que Piñeiro foi un home bo. Contraditorio, como toda a súa xeración e a mesma época que lle coubo vivir, pero bo, no fundamental, que é o que conta.
Polo demais, sinto que o Día das Letras Galegas, como Eurovisión, comezan e rematan en si mesmos. Á parte da inercia e unha aburrida rutina anual, de festivo, pero finxido, entusiasmo que xa non funciona, só queda a franca incapacidade de mobilizar a ninguén, que non sexan os académicos, os radicais e militantes da lingua, os escolares de primaria e secundaria e algúns políticos, na medida en que lles conveña. E, ademais, tamén como en Eurovisión, cada vez é máis difícil atopar candidatos de éxito.

7 comentarios:

Ángel Ruiz dijo...

Lo mejor de tu blog es que tu voz es personal; frente a tanta palabrería en torno a la celebración de ayer, tú sabes dar una visión tuya, con lo bueno y lo malo, lo que te gusta y lo quer no, independientemente de lo que podamos pensar los demás o lo que digan los medios.
No te darán, premios pero prefiero tu blog a muchos otros más jaleados por el stablishment.

juan l. blanco valdés dijo...

Gracias, Ángel. Creo que es en cualquier caso bueno plantarle cara, sin aspavientos ni innecesarias bambollas, al monolitismo del discurso política (o cultural)mente correcto. Saludos.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Aquí veño eu polo mesmo. Que o saiba. E neste caso tamén con aplauso.

juan l. blanco valdés dijo...

Pois nada, Arume. Vostede que o vexa e eu que siga gozando da súa fidelidade e aprecio.

cãosemdono dijo...

Á vista da concurrida manifestación do 17 de maio en Santiago, defina, por favor, qué debemos entender por "franca incapacidade de mobilizar a ninguén, que non sexan os (...), radicais e militantes da lingua".

Sinale tamén se o concepto de "radical e militante da lingua" abrangue á lacustre e bilingüe Gloria e os seus adláteres.

Apertas!

juan l. blanco valdés dijo...

Home, Caosemdono, non me veña con que as manis son, de seu, expresións maioritarias de entusiasmo. Lembro as da Praza de Oriente co Caudillo enardecendo as masas e bótome a tremer. Hai de todo.

cãosemdono dijo...

Como teño entendido que expresarse e manifestarse veñen sendo sinónimos, supoño que as manifestacións non son expresións "maioritarias" de entusiasmo, senón expresións a secas. A comparación paréceme bastante groseira. As concomitancias cos lamentables feitos da praza madrileña son inexistentes por razóns que é innecesario mencionar a estas alturas da "pinícola". Nonsi?

Saúdos!