14.5.09

Quo vadis?

A outra noite, e non tendo cousa de máis interese que facer, matei algo de tempo vendo o debate sobre o estado da nación. Interviña súa señoría Joan Ridao, quen, con contundente retórica e sólida arquitectura dialéctica, por certo, lle dirixiu unha filípica ao presidente Zapatero, que, en esencia, viña a concluír que sacudirse as pulgas coa crise xa non lle funcionaba ao Goberno e que o verdadeiro problema deste, e nomeadamente do seu premier, era a ausencia dun modelo de país, o que conducía a unha práctica política ad hoc, permanentemente errática, baseada no salto de mata e a improvisación e con horizontes dunha semana. Deixando de lado razóns e contrarrazóns e que nin Esquerra Republicana nin o señor Ridao son santos da miña especial devoción, o argumento fíxome reflexionar (de entrada, que un debate sobre o estado da nación sirva para facer reflexionar a un cidadán xa é algo). Barrunto se a acusación de Ridao non será un mal endémico que rematou por enchoupar todas as esferas da nosa vida pública. De por parte, nunca vin tanta desorientación, desánimo e mesmo desconfianza na errabunda universidade española. A inminencia de Bolonia, un modelo que a ninguén parece contentar (lea o prólogo, por favor) pero que, cal en leito de Procusto, todo o mundo vai ter que aceptar, por unha banda, e, por outra, os devaneos, torpezas e ocorrencias de autoridades académicas máis preocupadas pola política e a rendibilización do coñecemento en termos do máis zafio capitalismo ca polo servizo á súa institución, teñen, creo, postrado á universidade. A imaxe metafórica que me vén á cabeza é a daqueles reos de herexía a quen, na Idade Media, condenaban ao terrible suplicio de ser atados con cordas polas extermidades a catro bestas de tiro, a cada unha das cales se excitaba a turrar nunha dirección diferente. Ao final, acabaremos por esnaquizala.

No hay comentarios: