26.5.09

600


Chama a atención ata que punto nos tempos que corren chegou a sacralizarse todo o que é novo. No contexto dun hipercapitalismo que ten disparado a sociedade a niveis de inmoral opulencia, o estímulo ao consumo recorre, de maneira obsesiva, ás calidades do que é novo, como paradigma do que é bo, prestixia e paga a pena adquirir, fronte ao usado, coñecido, pouco orixinal, como signo inequívoco de patética obsolescencia. Esta tendencia non é só unha estratexia comercial pois enchoupa ata os recantos máis insospeitados. Nun memorándum profesional que redactei hai anos, lembro un argumento que empreguei en contra de certa resolución en materia de avaliación da calidade na edición das universidades españolas; dicía literalmente: a devandita resolución identifica de maneira sistemática e unilateral calidade da investigación con orixinalidade agraviando de tal xeito a dignidade, rigor e madurez intelectual de moitos traballos (traducións, adaptacións, libros divulgativos, manuais…) condenados á insignificancia.
Eu, por veces (non sempre, pero por veces) teño claras as miñas escollas: Los hombres que no amaban a las mujeres de Stieg Larsson leva vai para un mes na mesa de noite, agardando pasar da páxina 20 a onde cheguei ―todo hai que dicilo― con certo esforzo. De momento, estou gozando coma un indio cunha inxenua edición ―de encantadora pretensiosidade e doméstico luxo, saída das prensas dun sospeitoso 'Círculo de Amigos de la Historia'― de La flecha negra de Mr. Stevenson. Ai, os clásicos! Que nunca nos falten os clásicos!
P.S. Por certo, este post é o número 600 desta casa. Gana me dá de cantar aquilo de Adelante, hombre del 600, la blogosfera nacional es tuyaaa...

3 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Blogosfera nacional??? Nacional de onde nacional?
Esto é para malmeter en post tan señalado.
Leve unha aperta e o harveykeiteliano rechupeteo de costume, don Juan.

folerpa dijo...

Concordo no de Larsson,pero eu nin cheguei a 50.
Parabens polo aniversario.

juan l. blanco valdés dijo...

Ai, Arume! Nacional: si, é un adxectivo que, segundo quen, onde e en que nivel, pode producir erisipela. Pero eu, que son un tipo así de festivo e dicharachero, xa ve que non deixo títere con cabeza.
Grazas, amigo Folerpa/Aldus polos seus gratos parabéns.