11.5.08

Baduar

Nun post anterior gravaba eu en lápida unha frase para a posteridade: cando un non ten nada que dicir o mellor é non dicir nada. É unha desas sentenzas, creo, que, malia (ou precisamente por) a súa descarada e insultante obviedade, deben ser lembradas en tempos nos que campan polos seus respectos indocumentados enchidos de fachenda, atrevidos ignorantes e orates e de toda laia que, sen o máis mínimo empacho, botan a lingua a pastar opinando de absolutamente todo, e, tirando de sinergias, escenarios, hojas de ruta, timings, contextualizaciones, dinámicas, recorridos, mire usté, e demais artillería terminolóxica à la mode, dan mesmo a sensación de estaren dicindo algo serio e profundo e seren competentes en terreos que, en realidade, lles son tan familiares como a colombofilia ou a capa dos porcos. Lembremos que é moito máis habitual, por doado, pensar de forma simple e falar de xeito complexo —actividade na que España é unha potencia internacional— ca pensar con complexidade e rigor e, non obstante, transmitir tal pensamento de xeito fluído e accesible, mostra inequívoca dunha boa carpintería mental. O amigo Apicultor, sempre intelixente e incisivo, terciaba o outro día, como comentario ao devandito post, apuntando que se aquí até o máis necio desbardalla sen parar (e algúns até lles pagan), por que imos ser nós menos (aínda que non cobremos)? Canta razón ten o cultivador de abellas! Aquí tododiós badúa. De traballar pouco. Pero baduar...! E algúns ata cobran! Coñecen vostedes algún país onde se celebren máis reunións ca neste? A xente adora as reunións e pensa que ter moitas é vitola de importancia. En efecto, en España os estados da materia son catro: sólido, líquido, gasoso e reunido. Preguntas por fulano: Está reunido. Dúas horas máis tarde: síntoo, segue reunido. Intentemos pola tarde: Ai, non, canto o sinto. Acáballe de entrar noutra reunión. É de supoñer que tan alto personaxe ás catro da mañán seguirá reunido… co/a cónxuxe (ou substituto/a) na cama, substanciando asuntos de menor calado. En fin. Se o papel de España no concierto de las naciones, como gustaba dicir ao Régimen, dependese do número de reunións que no seu seo se producen ao día, de certo que mirariamos para os EUA ou Alemaña por riba do ombreiro.
Para rematar por hoxe este asunto do moito que se badúa e do pouco que se concreta, quero recompensar a fidelidade dos meus amables lectores con dous pensamentos colleitados por aí e incorporados en clase preferente ao meu kit de supervivencia socio-laboral:
a) As reunións son como as putas: joden e joden e nunca paren (dito sexa con todos os meus respectos para o sufrido e imprescindible labor das dignísimas hetarias e traballadoras do amor en xeral).
b) De calquera proposta, o 90% é lixo.
Pénseno na próxima reunión á que acudan e xa me dirán se teño ou non razón. À toute à l’heure!

7 comentarios:

Marco Piña dijo...

Yo tuve un jefe que decia que a las reuniones habia que aplicar la regla del 661...es decir maximo de 6 personas,60 minutos y 1 decision.......fuera de eso no lo consideraba productivo y era perder el tiempo.....

Yo he sufrido reuniones de 15 personas, 6 horas y 10 decisiones.

Resultado: charlas sin sentido, aburrimiento, divagaciones y ningun cumplimiento en las decisiones....

Reflexionemos!!!!!....

juan l. blanco valdés dijo...

Osea, Marco, que 100% de acuerdo con los principios de las trabajadoras del amor y del procentaje de validez de las propuestas ¿no?
Me encanta lo del 661 (que incorporo al kit de referencia.
Saludos.

Anónimo dijo...

Esa referencia aos xefes lémbrame un vello chiste que conto coa esperanza de que aínda non o saiban: Existen 3 tipos de xefes, tantos coma pobos precolombinos: o xefe azteca, ese que está todo o tempo: "hazte cargo de esto, hazte cargo de esto otro". O xefe maya, o que sempre chega tarde e pregunta "¿Ma yamado alguien?". Por último, o xefe inca, aquel ao que lle pides un aumento de soldo e responde: "Inca los codos, chaval. Sigue trabajando y ya hablaremos de eso".

donagalaica dijo...

Bueno, por sorte teño estado "ao servizo" de xefes tipo o que apunta o compañeiro Marco.
Non obstante, concordo co exposto por Vd. no seu enxeñoso -coma sempre- post.
Conclúo que aínda as reunións máis felices son as de alcoba: aínda que puidera exceder o par, ese é o número máis frecuente e con sorte, adoita haber acordo.

Anónimo dijo...

En beneficio da coherencia ortográfica e fonética do chiste habería que quitarlle o h a "hazte cargo". Con vistas ao futuro prometo ler atentamente os comentarios antes de premer "publicar comentario"

Saudiña.

Anónimo dijo...

Tamén hai a variante do traballo en equipo. Lembro ter lido nalgures unha frase de Cela que viña dicir, máis ou menos, algo así: "El trabajo en equipo suele ser la coartada perfecta para los inútiles".

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Entre os chistes, reflexións e frases feitas, creo que, como resposta ao post, hai unha boa colleita. Estou de acordo con Donagalaica acerca do altísimo valor das reunións de alcoba. Eu tiven dúas de especial trascendencia: unha destas trascendencias ten 14 anos e a outra 10...
A frase de Api, atribuída a Cela, a min lémbrame de xeito automático o humor característico de Groucho Marx.
Saúdos.