Que a intelixencia é selectiva é unha verdade histórica, con magnífico e fiel reflexo nunha sentenza que hoxe —en ás do bo humor primaveral que estimula a bonanza climatolóxica— regalo a todos os curiosos visitantes destas páxinas: Un pode ser moi listo para os polinomios e moi tonto para os recados (e á inversa, claro).
A estas alturas da existencia, teño para min —laboralmente arrodeado, como estou, de xentes ben listas para os polinomios— que, por regra xeral, proporciona mellores resultados na vida ser máis listo para os recados, aínda que, como resulta evidente, o ideal está en equilibrar a listeza nos dous eidos.
Arrimando el ascua a mi sardina, a experiencia editorial diaria nunha universidade invoca de xeito permanente a pregunta de cómo auténticos virgueros dos polinomios poden facer tan mal os recados. E non falo de deformación profesional nin altos coñecementos técnicos. Imaxinen a un autor a quen se lle pide unha semblanza bio-bibliográfica, destas típicas para as lapelas dun libro con publicacións, liñas de investigación e tal, e envía un folio e medio, contando onde fixo o bacharelato e dando a relación completas das teses que leva dirixidas. Ou outro que envía para a súa maquetación nunha revista o artigo ¡¡en .pdf!! Non saben que mal trago que se pasa ao intentar disimular unha evidencia abochornante cando se lle comunica ao autor en cuestión a imposibilidade de manipular un formato de só lectura, e o autor retruca Ah, claro! Nunha ocasión pedín unha foto a unha autora para a primeira lapela do seu libro. Colleu unha foto de carnet, pegouna a un folio A4 e ¡escaneou todo o folio! Imaxinen a resolución da imaxe.
As cousas que un autor pode enviar cando se lle fai a suxerencia de que propoña unha imaxe para a cuberta do seu libro resultan, en ocasións, absolutamente inverosímiles, e un a duras penas mantén o tipo para disfrazar con elegantes razoamentos técnicos o que son propostas absolutamente disparatadas. A este respecto, por certo, é algo significativo do traballo en edición universitaria que, en aras non só da cortesía senón por estarmos afeitos a un rexistro lingüístico capaz para a expresión de conceptos especialmente elevados e sutís, usamos de elegantes e sofisticados circunloquios para cousas que se poden dicir de xeito, digamos, máis contundente. Un bo amigo, profesor desta casa, home directo máis avezado a probetas, bichos e microscopios ca a sutilezas de humanista, deume a medida nunha ocasión en que, nunha reunión, me refería eu ás escasas calidades de certo orixinal:
-Eu opino que, con outra redacción, o texto podería ser de lectura máis fluída, tendendo tal vez a evitar sufrimentos innecesarios ao lector. A bibliografía podería completarse con achegas recentes que non aparecen, o epigrafado, no seu estado actual, resulta confuso e, por outra parte,…
O meu home cortoume en seco:
-Ti o que queres dicir é que o orixinal é unha merda, non?
Non puiden máis ca asentir.
6 comentarios:
Quen toma a decisión derradeira de publicar os libros da USC? Hai un estrito control de calidade ou empréganse máis ben criterios políticos ou de amizade para publicalos?
Porque dame a sensación de que os libros que saíron dos protagonistas deses casos que conta, non habían seren gran cousa. Pódese ser parvo e escribir un libro de calidade?
Hai moitos misterios por resolver.
Un saúdo.
Pódolle dicir, amigo Api, que existen e se aplican rigorosos criterios de calidade para o que editamos, e que, en xeral, o que non vale dificilmente pasa as peneiras de calidade. Non hai, así pois, amiguismos nin tráficos de influencias como norma xeral de funcionamento, contra o que, de costume, adoita a sospeitarse da edición universitaria.
Dito todo o cal, claro, hai universidades e universidades; habería que avaliar o nivel medio de calidades científicas e oportunidades editoriais do que se edita, e outro tipo de valoracións e consideracións vencelladas ao caso.
Si se pode, na miña opinión, ser parvo e escribir un libro de calidade (polinomios e recados). Teño varios casos in mente...
Saúdos.
Moito me temía que ía dicir iso: que se pode ser parvo e escribir libros de calidade. Exemplos hainos a eito.
Un saúdo
Home, a pregunta de Apicultor non é moi oportuna. Abonda con botar un vistazo aos produtos que saen do prelo da USC. Eu tería unha listaxe ben completiña pola que felicitar ao Servizo de Publiacións, á Imprenta Universitaria, aos deseñadores e, por suposto, aos editores e autores dalgúns libros.
Valla, como exemplo, a colección da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán, que se inaugurou cunha xoia -a edición facsimilar do relato valleinclaniano, "Mi Bisabuelo"-, e xa ten dous volumes máis na rúa. Noraboa, pois a todos os que tomaron parte nesa impecable factura, comezando pola directora da Cátedra, Margarita Santos Zas, a quen habería que darlle a norabora por outras moitas felicies inciativas: moito traballo e ben feito.
Na USC hai de todo, como en botica, por iso é tan perigoso xeralizar.
Creo que a miña pregunta era oportuna porque estaba formulada de boa fe e con descoñecemento de causa. Por iso quería saber.
Despois de formulala quedei pensando que ao mellor, e sen querer, era un pouco impertinente porque descoñezo cales son exactamente as funcións e responsabilidades de Juan Luis, e se cadra metía o zoco sen pretendelo.
E por suposto que a USC ten un extraordinario catálogo de publicacións. Non cuestionana eu iso. Tan só preguntaba por saber. Poden crerme.
Amigo Api,
Non creo que ninguén, eu por suposto non, sospeitase da boa fe da súa dúbida. En calquera caso, queda aclarada, creo, polos comentarios precedentes, que agradezo no que fai á edición da Universidade de Santiago de Compostela -agora tododíós lle chama uesecé (USC), non o soporto. Facemos o que podemos (que non é pouco, qué carallo).
Saúdos.
Publicar un comentario