18.4.08

Deus é bo e o demo non é malo

Algo do que calquera íncola deste sufrido recanto noroccidental pode dar boa fe é da perfecta indefinición que enchoupa a nosa alma colectiva (deixemos vivir ese substantivo alma, deostado cando entendido no seu senso relixioso, un pouco reaccionario —menos mal que, grazas a Xoán Paulo II, hoxe sabemos que as mulleres a teñen— pero fermoso e moi descritivo cando se trata dunha sorte de resposta anímica profunda aos estímulos do mundo, compartida por unha colectividade e recoñecida por esta como elemento patrimonial e aínda definitorio; o que os románticos alemáns chamaron Volksgeist, concepto ben bonito, ao que, parellamente, o nazismo fixo moito mal).
Esta indefinición, ou dobrez, ou ausencia de límites claros nos razoamentos, de xeito que estes semella ficaren abertos a máis matices potenciais pero non expresados, penso que non é exclusiva de galegos, sendo doado atopala en xentes de estirpe atlántica e países ricos de chuvia, brétemas e montes, onde a nube pode virar nun tris e o horizonte nunca está lonxe. Así, percibo sutís parentescos, curiosos vencellos, entre a flema británica e a retranca do país.
Traía eu hai pouco a este local unha cita de Swift perfectamente expresiva desta visión das cousas, en calquera caso alicerzada nun fundamental escepticismo en positivo. Así é que non fica en absoluto claro se Swift cre realmente no que di ou se agocha unha inmensa ironía crendo que o certo é todo o contrario.
Teño un par de anécdotas persoais que dan fe, con humor e sublime e fina sabedoría, da nosa proverbial Weltanschauung, en ambos os casos debidas a homes por completo iletrados.
Con ocasión de adquirir leña para a miña cheminea, virxe cheminea de adosado do paqueteergo, novato eu en tales lides―, entrei en tratos con certo traficante nese xénero, moi gabado por un amigo, que, visto o resultado do negocio, fraco favor foi o que me fixo. Por resumir, a leña estaba húmida, co cal gañaba, como é lóxico, no peso en menor cantidade. Convencido do venial calote, e non tendo aínda abonada a mercadoría, pensei: esta é a miña. Na eira da porta da súa casa, onde atopei ao larchán, e tras as formalidades do caso (non sei se non quererá chover; ímola virando, dios dea traballo, etc.) tanteeino:
-A leña parece que non arde ben.
Miroume cun medio sorriso, insondable, agardou un intre e díxome repousado:
-Pode ser.
Crin chegado o momento de botar o resto. Espeteille con convencemento:
-Eu creo que está húmida.
Mirou o meu home para a lonxanía, chiscou un ollo, suspirou, mirou para min, de arriba a abaixo e de abaixo a arriba, e máis de vagar aínda, desarmoume:
-Lojo seca.
Confeso que me debatín en mil preguntas (lojo seca: cando? porque a min que seque en maio non me serve de nada; que extensión lle atribúe este elemento ao adverbio lojo?) e dábame a satanás, pero, como digo, recoñecinme desarmado. Que fas cun tipo así? Lojo seca. Bueno.
Un bo amigo, con casa en Seceda do Courel, contoume que unha boa mañá de primavera paseaba co seu can, un schnautzer xigante, caro e ben coidado, gozando da pureza daqueles aires e do incomparable engado das paraxes montesías. Parouse a botar un párrafo cun labrador que ía á laboura e que coñecía de antigo:
-Pois, nada, aquí, sacando a pasear ao can.
O labrador calculou en segundos a situación, avaliou a realidade do encontro, o contexto e as posibles derivacións das súas propias circunstancias, das circunstancias do meu amigo e mesmo das circunstancias do can e replicou:
-Bueno, hom, está ben. ―E despois dunha breve pausa―: Aquí os cans pasean solos.
Cabe un argumento máis sabio, intelixente, aberto a todo tipo de matices e interpretacións, irónico pero respectuoso, profundamente humano?
Temos, neste país, unha xente de primeira. O malo é a xente.

3 comentarios:

Ana Bande dijo...

Gustoume a ricanécdota. Si, a indefinición, gústame, porque tamén me gustan as contradicións. Síntome plenamente idenficada con este xeito de ser ou non ser. Como dicía aquel, "o máis seguro e que quen sabe". Para chegar a comprender un pouquiño non hai outro camiño que dudar de todo. Só dende o escepticismo se pode albiscar algo de claridade.

donagalaica dijo...

A min gústame esa retranca, que adoita ter un fondo de sabedoría popular que unhas veces, coma no caso da leña, pode irritar, e noutras, coma no caso do can, pódenche sacar as cores.
Non ten tanto enxeño, nin é comparable, pero eu lembro cando na miña aldea aos máis novos nos dera por "facer deporte": ir correr ou montar en bici. Ao pasar a carón dun paisano afanado nas labores do campo, procurabas saudar do xeito máis expresivo, recoñezo, si, nun afán de captatio benevolentiae. Ao saúdo respondía,si, pero quedaba rosmando polo baixo, moi perceptiblemente. "Se viñeras sachar...".

juan l. blanco valdés dijo...

Coincido con Ana no valor do escepticismo -de certa dose necesaria de escepticismo- para afrontar con bo humor o espectáculo de vaidade e estupidez co que normalmente nos regalamos os humanos. Sobre a chispeante anécdota de Donagalaica, aínda acrecento unha experiencia máis. O chiste que segue só pode ser contado entre galegos. Preguntarse por que só a nós pode facernos graza é unha boa, unha magnífica pregunta (téñoo pensado moitas veces).
É o do cuatrero rouba cabalos no Far West de remates do século XIX, que é natural de Mondoñedo e que vaia un saber cómo deu cos seus ósos por tales pagos. Bueno. O tipo, que -por suposto- non ten nin puta de inglés, é detido, xulgado e condeado á forca. Cando xa está de peneque, dependurado e botando a lingua por fóra, o xuíz lembra que non lle concederon a graza de expresar a última vontade. Co que, xa a piques de espichar, baixan o tipo da forca, e este exclama, aliviado e pasando a man polo pescozo:
-Cajindiós, pensei que afojaba!