9.4.08

Dúas rotondas

Nun programa da segunda cadea (a 2, o único que se salva do lodazal que hoxe é a televisión) sobre os peores puntos negros no tráfico rodado do país —é dicir os puntos negrísimos—, faime sabedor de que en certa localidade de Levante un colectivo cidadán, presidido pola directora dun colexio público, leva anos solicitando a construción de dúas rotondas na volta do colexio, situado perigosisimamente cerca dunha estrada nacional absolutamente saturada, en especial de vehículos pesados, punto no cal se lamentan vítimas con penosa frecuencia. Da propia monumentalidade e custo astronómico do que piden —dúas rotondas— dedúcese con toda evidencia que as súas demandas non obtiveron nos últimos anos resposta concreta algunha.
Estou certo, dolorosamente certo, de que se a presidenta do colectivo fose amiga da cuñada dun curmán do concelleiro de obras do municipio terían as rotondas feitas.
En España non hai sociedade civil nin xeito de encamiñar ningunha iniciativa ao seu través. Ninguén cre no valor dunha sociedade civil e, de preferencia, escóllese antes o camiño do calote ou o trato de favor ca o do dereito. En España só hai políticos. E qué políticos.
Eu non lles teño moitas esperanzas de que isto mellore.

3 comentarios:

donagalaica dijo...

Eu lembro aínda cando na casa de falaba con absoluta naturalidade do mérito de fulanito, que entrara en non sei onde, gracias a non sei quen.
Valéronme estes relatos, aínda fachendosos, moitas discusións e máis dun disgusto, pois eu empeñábame en negar que esa fose a única vía para acadar un posto de traballo, o aprobado dun exame... Canto máis me insistían en que no futuro non me ía quedar máis remedio que achantar ou ver como o resto do mundo aproveitaba a oportunidade de chegar por vías "non lexítimas", mentres eu, digna, iso si, agardaba a ocasión sen trampa nin cartón, máis me enrabiaba. Parecíame que negarme a aceptar un feito incontestable cando de individuos concretos se trataba, era a miña maneira de contribuír a unha maior xustiza.
Lembro o asco que me producía un tipo, non sei se aínda vive, que era polo visto home influínte a pequena escala, pero que "se pasaba por la piedra" -ou pretendíao, que abondo é-, a todas as señoritas da comarca que querían entrar na Normal de Ourense. Unha vez que o éxito se producía, mediando aquela atroz peaxe, os pais da futura maestra víanse na obriga de agasallalo, polo menos, con un cabrito no Nadal. Debía xuntar un cento, pero a inversión posterior sempre se xustificaba, pois era tanta a xente á que el tivera que "molestar" para conseguir o favor, aínda que para "trincarse" á postulanda de turno, claro está, en plena idade de merecer, bastárase el so. Eu lémbroo xa moi maior e igual de asqueroso.
De idéntico xeito, oféndeme profundamente cando o único mérito que se lle recoñece a unha muller que teña acadado calquera cota de éxito profesional, é o de ter elixido ben a cama na que meterse.
Isto viña a conto, aínda que non o pareza, de que creo que en todas partes hai mazás podres, pero penso que hai que confiar na posibilidade de que exista unha sociedade máis igualitaria, e contribuír a elo. Penso que é posible. Igual, Sr. JLBV, nós non o vemos, pero máis valerá tarde que nunca, non cre?

Anónimo dijo...

Daríame moito que divagar, esta cuestión, pero déixeme dicir que os políticos son bastante parecidos o resto de todos nos: mediocres por término medio, algo cobardes e oficiais de unha profesión que ten as súas artimañas como todas.
Os demáis, (1) temos que acostumbrarnos a velos así e (2) ter sempre presente que somos (2.a) os seus xefes e que (2.b) tanto polas boas como polas malas, hai medios para conseguir que a razón nos asista cando a temos. Ecuestión de "saber organizarse".

Anónimo dijo...

Nos parecio muy bueno tu blog e interesante el post. Queremos invitarte a que formes parte de nuestro directorio gratuito y dar a conocer el BLOG y los articulos que estan en ella. Animate!! Da de alta tu blog visita directorioblogweb exitos un saludo!