25.10.07

Fendas

Hoxe pola rede rula todo tipo de pijadas e curiosidades varias. Teño xa por norma, por exemplo, non abrir o aluvión de .ppt que chegan ás miñas caixas de e-correo, normalmente relacionadas —nunha sorte de especialización que non chego a entender— co entorno laboral, o sexo e as relacións-percepcións mutuas homes-mulleres. Indúcenme a pensar o desocupada que debe andar a peña e non son quen de ceibarme da intuición de que os individuos/as que prestan atención (normalmente en horas de traballo) á confección-envío-recepción-reenvío deste tipo de chorradas de power point non son xente de moita substancia. Sen ánimo de ofender a ninguén.
Unha chuminada internética destas, que deveu documento arquicoñecido por maxia dos MMS e e-mails, foi en orixe un rexistro sonoro magnético (supoño que realizado cunha cassette de man). Trátase das declaracións, creo que realizadas nas portas dos xulgados de Santiago, de dúas testemuñas —unha muller e o seu home— do caso de homicidio, pola volta do concello de Val do Dubra, dun jicho cun obvio trastorno mental, quen, tras ameazar reiteradamente a un veciño e destrozarlle unha moto cunha machada, é morto por este dun trancazo na cabeza. Paréceme bastante evidente que os elementos cómicos da gravación (o castrapo dos depoñentes e o seu intento de falar fino, a súa fonética vulgar —gheada, rotacismo, paragoxe—… na forma, e o fondo de atavismo primitivo das relacións humanas que, sen o quereren, describen), pasarían totalmente inadvertidos a un cidadán rural galego, pois ese é o seu medio habitual de desenvolvemento, e en nada do que a nós (clase media urbana e ilustrada) nos fai risa descubriría el elementos que movesen a tal. Non deixa de resultarme inquietante pensar que o mesmo que fai escachar aos meus amigos sería indescifrable no seu potencial hilarante a cidadáns cos que compartimos espazo físico e de convivencia social. E isto remite claro está á fenda sociocultural, profunda e en moitos respectos bastante irreconciliable, da nosa sociedade galega. Eu, íncola de chalet adosado en corazón de fermosa zona rural —id est, habitante dun ghetto inverso, ¿ou non?— vivo a moi pouca distancia física de seres humanos dos que sinto me separa unha gran distancia social, cultural e, por ende, cronolóxica. Por veces pregúntome se o tipo que me trae a leña ten sentimentos parecidos aos que eu experimento cando oio, coma neste momento, o piano sublime de Keith Jarrett e enxergo unha lua estremecedoramente chea dourar no solpor a terra en penumbra da Amaía.

3 comentarios:

FrancisMR dijo...

En ocasións descubrimos manifestacións, incluso primarias demais para nós, verdadeiramente conmovedores entre ese tipo que vostede describe de xeito tan atinado. E iso mesmo móvenos a pensar que é a dificultade de expresión e non a de percepción a que nos distancia moitas veces nese terreo tan rico e tan complexo como é o dos sentimentos ou o da sensibilidade.
Probablemente o home que lle leva a leña non saiba quen é Keith Jarrett, e a lúa chea non lle suxira máis que o que un reloxio ou o día do calendario; pero apreciará outras cousas, pode que non compartibles, e conmoverase ante a desgraza, chorará de emoción ou de tristura e rirá a costa, moi probablemente, da nosa maneira de falar e comportarnos.
Grazas, unha vez máis, por esta nova reflexión.
Boa fin de semana!

Anónimo dijo...

A fenda, sen chegarmos, efectivamente, a ese extremo que vostede tan ben conta, é ben notoria: falamos dúas linguas (ou as que sexa) distintas, aínda falando no que cremos é o mesmo idioma. E non é só problema de léxico ou de pronuncia ou mesmo de sintaxe. É da propia fenda social: vente raro e ti velos raros, aínda que digas as mesmas palabras coa mesma orde non entenden o que dis e ti tampouco a eles: moitas veces non escoitan porque non cren que che entenden e outras ti dalas por entendidas sen alcanzar siquera a dimensión do seu discurso.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas, amigo Carraboujo, polo seu punto de vista, que me resulta consolador e gratificante. A miña dúbida era máis retórica ou estética ca outra cousa. Supoño que si, que existen diferentes formas de emoción e sublimidade. Acaso o excesivo cultivo da cabesiña lévame a estes transportes e excesos... Co permiso de don Francisco aragonés, por veces creo que non é o sono da razón senón a súa excesiva vixilia a que produce monstruos...
A respecto de que falamos dúas linguas e nos ven/vémolos raros, Arume, tes moita razón. O curioso son os trasvases sociolingüísticos que se producen. Na gravación de referencia, cando o testemuña masculino fala de que o tolo asasino non sempre foi tal, recoñece, literalemente, era un home normal, un home típico... antes era un hombre bueno (a grosa é miña). Non era un home bo: o castelán engade convencemento, veracidade, honorabilidade. A punta dun iceberg que daría para todo un ensaio sobre diglosia.
Sobre a fenda. Nas reunións da comunidade de certa urbanización na que vivín, tiñamos un cristo monumental por causa dunha cafetería instalada no baixo do edificio, propiedade dun matrimonio de orixe rural da parte de Santa Comba. Cada vez que os veciños argumentabamos o exceso de ruído, que non deixaba durmir aos nosos bebés, e a nós mesmos que nos erguíamos ás sete da mañá, a boa da señora retrucaba invariablemente: Vós sodes moi finos. Fino = urbano, clase media acomodada, castelánfalante, funcionario/profesional liberal...
É o que hai.
Saúdos.