Tense afirmado que na historia recente da humanidade houbo tres cambios de paradigma no pensamento científico, de tal calado que marcaron unha inflexión a partir da cal o modelo ou estrutura de valores da ciencia mudou de xeito irreversible e afectaron multilateralmente e de carambola non só aos seus eidos específicos senón todo o conxunto da ciencia e aínda do pensamento humano. Estes tres cambios foron os debidos a Copérnico ―revolución copernicana é unha expresión que callou na linguaxe coloquial―, Darwin e Freud. A posición subxectiva do insignificante planeta que habitamos no contexto dun universo inconmensurable; a orixe evolutiva non só do home ―o que negaba o home mesmo coma resultado dun acto perfecto de creación― senón de todas as especies nunha loita feroz pola vida, e a sistematización científica dos mecanismos do subconsciente que rexen entre bambalinas, pero de xeito determinante (os soños, os medos, a angustia, o sexo….) a nosa percepción e xestión do mundo consciente foron no seu momento propostas dunha extrema violencia respecto das crenzas ata o momento admitidas e houberon de socavar os solidísimos alicerces de prexuízos e ideas preconcibidas de base maiormente relixiosa e defendidos ata o fanatismo.
Estes días reviso, na súa etapa final, e despois dun longo pero proveitoso labor, as probas de maqueta da magnífica tradución ao galego que Fefa Noia realizou das Vorlesungen zur Einführung in die Psychoanalyse (Conferencias de Introdución á Psicanálise) de don Sigmund Freud, e que fará o volume 10 da nosa colección Clásicos do Pensamento Universal . As conferencias ou clases, pronunciadas realmente entre 1915 e 1917 para un público tanto de especialistas canto de profanos, pasaron á historia editorial e do pensamento científico como Introdución á psicanálise.
O labor de revisión editorial do texto e o permanente cambio de impresións cos tradutores da colección (algo realmente estimulante e agradable), permíteme reflexións -admito que por veces bastante epidérmicas- sobre moitos aspectos externos e de contexto da obra en si. No caso de Freud, e poñendo por diante tanto que non son especialista en psicanálise nin aínda moi versado en psiquitaría elemental (nobody is perfect) canto que, polo que sei, moitos aspectos da obra do doutor vienés foron superados, non podo deixar de valorar a súa enorme valentía científica. Que obra tan sincera, vibrante, chea de respecto á dignidade humana e, ao tempo, que descarnada, brutal e vitriólica debeu parecer no seu momento! No contexto daquela Europa fin de siècle, do malditismo e a bohemia, o art déco e o modernismo, da primeira aceleración tecnolóxica e a preguerra, Freud sería coma a guinda do pastel, aquel elemento que faltaba para facer afirmar á oligarquía ben pensante: Complexo de Edipo? Chegou, sen dúbida, a fin dos tempos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario