27.10.07

A F.E.N. de hoxe

No bacharelato dos anos sesenta e primeiros setenta os nenos e rapaces tiñamos clases de Formación del Espíritu Nacional, F.E.N. As nenas e rapazas de Formación del Hogar. As nosas as impartían membros da Frente de Juventudes. As das nenas da Sección Femenina. Nós xogabamos ao fútbol e elas facían labores del hogar.
O profesor de FEN era delgado, seco, de permanente mala ostia, fumaba coma un carreteiro, distinguía cunha especie de afecto aos nenos da vila e tíñalles xenreira manifesta aos da aldea. Cando preguntaba a un neno que de ónde era, e o neno dicía Da Estrada e logo lle preguntaba a rúa e o neno, no canto da rúa, dicía o nome dunha aldea, o profesor de FEN rebotábase e dábase ao demo e dicía, cunha amargura desproporcionada: Hijo, si soy de Mourente, no soy de Pontevedra.
Porque o profesor de FEN era de Mourente. E alcólico. No fondo era un miña xoia, ao que, por estraña razón, lle morrían os fillos ao chegaren a unha certa idade. Moito me lembro aínda dun que lle chegou a bastante maior, pero logo morreu, que lle chamaban Luisito, coma ao pai. O profesor de FEN ía nos desfiles oficiais e procesións relixiosas do pueblo, canda as autoridades, coa camisa azul e o uniforme branco de Falanxe, compoñendo a imaxe dun fascismo subdesenvolvido e miserento, un lonxano remedo de totalitarismo itálico pero de personaxes solitarios, pequeneiros, infelices, dados á dipsomanía, os terrores nocturnos e as úlceras de duodeno.
As clases de FEN xiraban sempre arredor do mesmo rollo: José Antonio, Onésimo Redondo, Ramiro Ledesma, o discurso de la comedia, o mal que andaba todo na España roja, o Glorioso Movimiento Nacional que foi salvación, o fuero de los españoles, a morte de Matías Montero, as leyes orgánicas, as efemérides do mes de outubro, as efemérides do mes de maio. O profesor de FEN empregaba arreo unha palabra que a min me soaba a algo brando e maleable: postulados.
Nos dous anos posteriores á morte de Franco, o profesor de FEN foi esmorecendo, aillado, acurralado pola ruína progresiva dun réxime que o sustentara —non só no económico mais aínda no persoal— durante toda a vida. Mentar nas aulas a Onésimo Redondo cando as rúas de España eran un clamor a prol da amnistía xeral tiña narices, claro. Rematando o COU —xuño de 1977—, e coa euforia derivada da impunidade de sabermos a un tris de largar do Instituto para sempre, ofendimos a inviolabilidade dos armarios profesorais, onde se gardaban os extractos persoais dos alumnos e botámonos a ver que poñía o de FEN: da maioría de nós, poñía ojo, alumno rojo.
Agora non hai FEN. Hai Educación para la Ciudadanía. É consubstancial ao exercicio do poder político a tentación irresistible de dirixir, controlar, moldear conciencias. Non me retruquen tonterías, por favor. Falo de essentia, non de accidentia. Pódese ensinar a respectar un gai ou un inmigrante como se ensina a lei de Ohm ou os principios da termodinámica? Vivimos moi desorientados porque nos dirixen persoas moi desorientadas. Iso é o que creo

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois como ía retrucar cunha "tontería", será mellor que cale.

Un saúdo.

FrancisMR dijo...

Houbo moito quen pensaba que aquilo non ía rematar nunca.
O mellor de todo: que vostedes, educados polo Frente de Juventudes e a Sección Femenina de la Falange, souberon sacudir aquel lixo de enriba e legar ás novas xeracións outros valores.
Eu sei que vostede aínda é novo, pero seguro que aos seus fillos lle transmitiu algo ben diferente. Non hai máis que visitar o seu blog.
Noraboa unha vez máis. Coma sempre, é un pracer ler as súas atinadas reflexións.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Apicultor:
Ten Vde. toda a razón. Non teña en conta o meu comentario e retruque o que estime oportuno.
É que por veces estou ata alí mesmo do discurso politicamente correcto. Daí a miña prevención. Desculpe a miña intolerancia.
Grazas, carraboujo, coma sempre, pola súa benevolencia.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Nunha "gloriosa" película daqueles anos con Rocío Dúrcal e Jaime Blanch adolescentes, el lle dicía a ela ao final dun verán de campamentos :"Ya no nos veremos más. Tú te harás mujer y yo arquitecto".
Curioso obxectivo!!
Bicos e apertas.

Anónimo dijo...

Non, amigo Juan Luis, non é que sexa un estusiasta de EpC nin que pense que vaia valer para moito.

En todo caso, se se toma a molestia de revisar o currículo da materia, verá que non hai nada de adoutrinamento strictu sensu, e menos aínda nada semellante á vella FEN.

Se vale para que os rapaces aprendan catro ideas fundamentais sobre o funcionamento da democracia e das institucións e sobre valores cívicos, doume cun canto nos dentes (e vostede tamén se daría).

Anónimo dijo...

Ah, e creo que os profesores que a van impartir non son alcohólicos (cando menos non a maioría), aínda que non se poida descartar que haxa algúns descerebrado ca outro, talmente como ocurre en matemáticas, en física e química ou en lingua española ou galega.

Sexa como for, os profesores da materia non van ser seleccionados polo simple feito de seren membros dun partido político, senón por ser docentes profesionais de filosofía ou ciencias sociais.

En fin, que non lle vexo moito perigo de adoutrinamento e quizais si de aburrimento.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Xa que Apicultor se botou á area, vou deixar eu tamén a miña opinión. Como docente manifesteime sempre en contra de incluír nos currícula da ESO novas materias, cando coido que o pertinente sería reducir o seu número (un alumno de 3ºcurso debe dar conta de 13 materias, o cal constitúe unha verdadeira aberración, por usar un eufemismo). Por tratarse de contidos que poden perfectamente impartirse de xeito transversal, o despropósito é aínda maior. Nin que dicir ten que, sendo coma Xoán sufridor de sete anos de adoutrinamento nacional-católico na miña etapa de bacharel, a perspectiva dunha nova Formación do Espírito Nacional(ista?) non me resulta moi desexable. Recoñezo, de acordo con Apicultor, que o profesorado actual do ensino público é, por fortuna, de ideoloxía moito máis diversa, moito menos sectario e, e xeral, moito mellor preparado que o que nos desasnou aos 12 anos, dito isto facendo as excepcións que en todo caso sexan obrigadas. Nin esta é a España dos anos 60, nin hai profesores do réxime nos institutos, nin os alumnos de hoxe son aqueles sometidos á unha disciplina escolar de tipo cuarteleiro nin creo, por suposto, que a “esencia” da asignatura semelle en nada á da vella FEN. Creo, como Apicultor, que vai ser unha hora de inútil aburrimento no mellor dos casos (hai varias materias que xa o son), se non se converte –e iso sería verdadeiramente negativo- nunha hora de adoutrinamento no que sexa (ven á miña memoria o episodio triste da crise do Prestige, aproveitada en moitos centros para implicar aos alumnos en actividades, de finalidade cando menos sospeitosa, promovidas desde a plataforma Nunca Máis, sempre desde unhas posicións ideolóxicas moi evidentes). Quero pensar que esa pluralidade existente no profesorado da que antes falaba será garantía suficiente. Onde imaxino que o pasarán ben adaptando os contidos da materia é nos colexios privados e concertados de corte relixioso. Seguro que non terán tantas dúbidas ao respecto.
Unha aperta

Anónimo dijo...

Veña, Juan Luis, quite cinco minutos para retrucar, que se non isto faise aburrido.

Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Apicultor,

Time is gold. E isto de manter unha bitácora (aínda máis con contertulios do nivel dos que honran este local) é tremendo. Ten que quitar tempo un de onde non o ten.
En fin, de por parte -e na esperanza de "retrucar" con máis fundamento (non esquezo, tampouco, os seus argumentos sobre a memoria histórica)-, valla por diante que, tanto os seus puntos de vista coma os do carísimo Manolo son de peso, por viren apoiados na experiencia. Non ousaría eu establecer, fóra das lindes da ironía e/ou o cabreo, un parangón entre a FEN e o réxime que lle daba pulo e a EpC e a España de Zetapé, claro que non. E non o establecería, sobre todo, nos accidentia, que é o que fundamentalmente diferencia as etapas históricas. Na essentia das cousas -aí ía eu- o poder político das sociedades tenta sempre e en todo tempo modelar o pensamento dos seus cidadáns consonte o que o propio poder pretende establecer como unha sorte de normativa de imaxinario social e pensamento colectivo. Se a miña comparación entraba un algo no terreo da hipérbole, ou aínda do exabrupto, era para mover conciencias (e animar ao comentario e o debate, como efectivamente sucedeu: algo hai de estratexia, tamén, en ser -ou parecer- un pouco radical).
Animareime a ler o currículo da materia, e supoño que, ao cabo,rematarei por coincidir con Vde. e Manolo en que haberá máis de aburrimento (e cumprimento dunha esixencia avant la plume) ca de adoutrinamento. Na essentia da vella FEN e da EpC supoño que tamén estará o máis rotundo fracaso. Da FEN saímos todos roxos. Da EpC saen -supoño- enxendros que propinan unha tunda a una ecuatoriana ou lle fenden a boca a un rapaz de dezasete anos por unha mirada mal interpretada nun botellón. En fin. Saúdos.
P.S. Encántame que se sinta aburrido sen caña.
Lula: a imaxe e frase final de Jaime Blanch e Rocío Dúrcal é, simplemente, superbe. Adoro este país.

juan l. blanco valdés dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.