23.6.07

Muras

Xesús Manuel Muras Chamosa fixo o bacharelato comigo. Era da parte de Terra de Montes. Forte, de voz grave, parco de fala e mirar franco, sempre nos levamos ben. Muras era unha curiosa combinación de modernidade e bohemia cunha impronta fortisimamente rural non disimulada, pero da que tampouco facía militancia. Mestura pouco frecuente naqueles anos. Fisicamente era unha sorte de Neil Young do país, de pelo longo e patillas. Muras pintaba, afección na que brillaba e que pouco e pouco foi converténdose en oficio e xeito de gañar a vida, polo que sei nos últimos tempos irregular e demasiado desinteresadamente. Porque Muras era un tipo paradigmático de desprendemento do seu e tolerancia do alleo.
Muras sempre foi nacionalista. No último ano do bacharelato, militaba na AN-PG. Nunha entente de natureza pristinamente frontepopulista, el, outro amigo de nome Orlando, gay e anarquista da CNT, e eu, que militaba nas mocidades do PCG, faciamos saídas nocturnas pola Estrada provistos de sprai para plasmar nas tapias locais o que a represión da liberdade aínda non permitía doutra maneira. Muras escribía Autodeterminación, eu Amnistía xeral, e o noso amigo anarquista poñía uns disparates que nos facían temer, se eramos detectados polo Land-Rover do benemérito corpo: Armas para el pueblo; Obreros: armaos e cousas así. Para que non o recoñeceran Orlando poñía a trenka do revés, e entre o sprai, a melena loira que gastaba e os cadros e costuras do forro da prenda, ofrecía unha imaxe de orate surrealista e abigarrado, como corresponde ao dinamiteiro que levaba dentro.
Dende aqueles anos, vin moi poucas veces a Muras, pero nunca, nunca en tantos anos pasou na miña lembranza ao arquivo dos indiferentes.
Onte, un amigo chamoume para dicirme que Muras morreu. Acaso nin a bohemia nin a mala vida tiveron que ver co mal de páncreas que o levou. A nova anegoume a alma dunha tristura honrada e taciturna, desprovista do balbordo que adoitan producir penas máis próximas.
Di Otero no Libro dos Amigos: Son eles, os amigos mortos, en min e no meu amor liberdados do que a cova e o tempo poidera ter de fadalidade, os que fan iste libriño. Por eles, o meu vivir foi i ha sere nobre e ergueito.
Sen dúbida, por eles, os amigos. Vai en paz, Muras, amigo.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei nada de Muras. Mais de seguro tería sensibilidade de máis. Que a terra lle sexa leve.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo/a anónimo/a:
Pode estar ben certo/a de que si. Alma de poeta. Unha aperta e grazas por sumarse anonimamente a esta homenaxe de lembranza.

Lula Fortune dijo...

Veño dun enterro e o seu post sumíume nunha melancólica noite.Paz para o Muras e saude para o camarada Orlando.

Vitrubius Volante dijo...

Acepte mi pésame, señor Blanco. Seguro que, en sus últimos momentos, su amigo tuvo un pensamiento para usted. Que descanse en paz aquel Muras.

juan l. blanco valdés dijo...

Lula:
De novo, obrigado ás súas palabras, emocionantes.
Viri:
A posibilidade por Vde. suxerida é moi fermosa. Pouco real, pois o tempo non deixa nada indemne, pero moi fermosa. Obrigado á visita e comentario e parabéns polo blog.