22.6.07

Xuño de hai 30 anos

Supoño que para moita xente da miña quinta (a do 60, boa añada, a de Zapatero…), a primeira oportunidade de exercermos o dereito a voto foi o referéndum constitucional de 1978. Lembro que votei en branco, non son quen de lembrar exactamente por que, xa que, daquela, militaba eu na Xuventú Comunista de Galicia, e o partido, como se recordará, apoiou incondicionalmente o texto constitucional. Acaso andaba eu en radicalismos propios do ardor xuvenil.
Malia non poder votar, pois, nas eleccións de xuño do 77, peguei moitos carteis de nuestro señor. O kit de traballo era un 127 conducido por unha militante do partido, un anaco de vasoira vella ―a xeito de aplicador―, un caldeiro de engrudo, viscoso e fedorento, e uns marabillosos carteis do PCE (creo que de Genovés) cos que empapelamos medio concello estradense e hijuelas.
Unha vez estabamos preto de Cuntis, en Santa Baia de Portela, pegando carteis na beria da estrada N-634, no portalón metálico dunha casa con pinta de estar abandonada. Desde o cancelo dunha leira próxima, unha vella de negro pano e mandil miraba para nós con insistencia, desconfianza e, intúo, un punto de temor. Xa collendo o coche e a piques de arrancar, a caraja da vella non se puido resistir e preguntounos:
-E lojo ostedes de que partido son?
Un dos que iamos, hoxe alto directivo dunha grande empresa estatal (así é a vida), espetoulle con todo o orgullo:
-Do Partido Comunista de España, señora.
A velliña debuxou no seu rosto sucado de mil enrugas un sorriso enigmático e respostou, con toda a retranca e ese ton característico, entre exclamativo e interrogativo:
-Ai, lojo…!
Non facía falta dicir máis. Era o país que había.

No hay comentarios: