Na súa orixe ou concepción ideal, esta bitácora recollía no seu título e palabras subtitulares o principal da súa intención: a galaxia é naturalmente a galaxia gutenberg, felicísimo concepto definido por Marshall McLuhan nun clásico do pensamento contemporáneo, de subtítulo aínda máis elocuente e acaído: the Making of Typographic Man. De feito, se, consonte as últimas reformas técnicas da casa, o lector examina os temas que se tratan (aquí á dereita) comprobará que entre edición, libros, literatura, blogosfera e tecnosociedade substáncianse boa parte dos artigos do blog. Ora, como anda un a moitas cousas e, como curioso impertinente, mete o zoco en moitas máis, o que ía ser galería de bibliófilo e editor, acabou sendo a xeito de mostrador de pensamentos leviáns, reflexións máis fondas, gratas e ingratas lembranzas, ficcións líricas, poemas e e outras especies de etcéteras onde toda nudez estética, onde todo estriptís emocional pode ter asento. E isto porque o rego da vida é difícil de conter, e un leva, para ben e para mal, moitas horas de voo.
Con todo, gusto de voltar nestas páxinas a un dos eidos que me resulta máis querido: o da edición; e cando, como é o caso, trátase da edición como oficio, miel sobre hojuelas (diriamos en galiciana lingua: mel con filloas?). Porque, que outra adicación máis nobre que modelar e puír o obxecto que leva nas súas máxica entrañas o lecer, a formación, a evasión, a cultura? Disque o editor é un tipo que comeza o día falando con alguén do proceso de envellecemento na Europa occidental e remata a mañá revisando un orixinal sobre a fenomenoloxía de Husserl. Eu gusto de dicir que un editor é un ghicho que non pode dedicar máis de dez minutos seguidos ao mesmo labor.
O vindeiro 2 de xullo ábrese o prazo para o que será III edición do Máster en Edición (valla a redundancia) da Universidade compostelá que se vai desenvolver entre 2007 e 2009 (nota: tal vez a día de hoxe a web aínda non estea actualizada pero vaino estar ben axiña). Alén de asumir secretaría do mesmo, imparto (como fixen nas convocatorias anteriores) o módulo 2 A edición textual, que este ano andará sobre as 60 horas. Que cousa máis grata que ensinar a outros o que un, modestamente, sabe, e ter a oportunidade de transmitir o seu enorme amor aos libros?
Ideando un marcapáxinas promocional do máster, de cara a transmitir un concepto dinámico e mesmo divertido do proceso editorial, ocorréuseme sobrepoñer o verbo editar a un totum revolutum, en diferentes tipografías, de todos os verbos que dun xeito ou outro están relacionados coa edición, e, por tanto, con editar. Son estes: promocionar, coordinar, planificar, relacionar, discutir, dialogar, crear, revisar, decidir, asesorar, deseñar, dinamizar, suxerir, idear, asumir, escoitar, promover, argumentar, unificar, actualizar, contrastar, sinalizar, aprender, confirmar, maquetar, confiar, arriscar, distribuír, informar, imaxinar, propoñer. Ficoume algún no tinteiro? O marcapáxinas, por certo, quedou ben bonito.
Nota bene: a través deste blog, calquera interesada/o pode obter toda a información que queira sobre o máster. Ou ben no enderezo: master.edicion@usc.es.
Saúde.
7 comentarios:
"Miel sobre hojuelas"= "Maguiñas para o buraz", en Ribeira
Bonito apuntamento lexicográfico. Tómase nota e búscase no dicionario. Saúdos.
Que ben o montades, amigo FG! Como sabedes! E nós, coma sempre, parvos, parvos. Ánimo e sorte.
Interesantísimo máster (eu diría do universo) de edición. De momento vai quedar entre as miñas cousas pendentes, pero quen sabe se algún día, antes de que vostede se xubile...
Apure, Highway, apure!! Vita brevis!!
Noraboa pola reactivación do Máster
Grazas, engalego, polos azos. Un saúdo cordial.
Publicar un comentario