28.6.07

Esquecidos

Seica un hotel vai instalar unha biblioteca de esquecidos, reunindo para lecer dos seus clientes os libros que alguén, coas présas ou urxencias da partida, non lembrou recoller do caixón da mesa de noite ou do armario (menos da caixa forte porque, quen vai gardar nunha caixa forte un libro?). Esa biblioteca será unha sorte de ruiz-zafoniana (o adxectivo é meu) casa de acollida, ou, por usar de palabra máis fea, de hospicio de infelices que alguén desligou do amor e protección que os convertía en individuos lexítimos. O esquecemento, en troques, os devalúa e condena a unha orfandade triste e un pouco indigna, aínda acentuada pola superfluidade da perda, pois ben sabido é que os libros que un leva de viaxe nunca se len.
Unha vez esquecín nun hotel de Bilbao un libro, por riba adicado polo autor. Faltoume tempo para encargar, mal me decatei, a súa devolución ao hotel, quen mo restituíu a portes pagos nun brevísimo prazo. Pero aseguro que aínda que houbera de cargar cos portes, e mesmo de superaren o peuvepé do volume, os tería abonado con gusto. Non soportaba a idea do pobre libro só, abandonado, no escuro caixón dunha descoñecida mesa de noite, atormentado polas saudades do fogar.

5 comentarios:

Lula Fortune dijo...

A min gústame máis a idea de "liberar" os libros. Debe probalo. Saes da casa co libriño agochado no abrigo, o corazón latexando ata atopar ese rincón perfecto: un banco do parque, unha mesa de cafetería, un portal...e logo vas dar unha volta con nervioso disimulo e comprobas dalí a uns minutos ¡que xa non está!
E como dicía Cortázar, ese montón de papel volve a ser un libro, prometedoramente novo.
Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Lula: recoñezo no meu bibliofetichismo patolóxico un elemento de transferencia de min mesmo (signo inequívoco do seu carácter morboso), que me impide desfacerme dun libro (o que o converte en algo moi difícil). Esta característica combinada coa impenetrabilidade dos corpos produce efectos na cantidade de libros que conviven con un doadamente imaxinables.
Pero o teu punto de vista sobre a liberación dos libros é moi interesante e atractivo. Saúdos.

Anónimo dijo...

A idea do hotel ese paréceme moi boa e coido que debería espallarse a todos os obxectos perdidos do mundo: non vos apetecería probar cousas perdidas que nunca poderíades perder?
O de liberar libros tampouco está mal, inda que eu prefiro lib(e)rarme deles. Comecei este ano un plan para baleirar os meus estantes e xa me desfixen dun bo feixe deles. Doe ao primeiro, pero despois volven ao olvido. Ademais están na biblioteca da miña Vila, xa son propiedade pública, que é o que teñen que ser. Tan só penso conservar os agasallos por razóns obvias.

Anónimo dijo...

O do comentario anterior son eu. Metín na caixa do nome as letras da "verificación de la palabra". Qué lle imos facer. Ao mellor inauguro un novo xeito de identificarse máis chulo que "anónimo".

juan l. blanco valdés dijo...

Uyanín/Highway:

Si, iso de "liberar" libros noutros espazos coñecidos e queridos é algo que este menda tamén practica; en concreto, cedéndoos á biblioteca do meu querido Centro Asociado da UNED en Pontevedra, no que son profesor titor dende 1985.